Ribeira Sacra protagonista do curso de verán da USC en Monforte

O curso, que leva por título “Auga, Terra, Lume e Ar: A Ribeira Sacra”, está organizado pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Concello de Monforte. Celébrase no Centro Cívico Social monfortino dende este martes ata o vindeiro venres, 18 de xuño

Curso de Verán USC / concello de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou este martes pola mañá o Curso de Verán Interxeracional, que  leva por título Auga, Terra, Lume e Ar: A Ribeira Sacra e que está organizado en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). No curso participan 36 alumnos procedentes das provincias de Lugo e A Coruña.

No acto, celebrado no Centro Cívico Social monfortino, o Alcalde e Presidente da Deputación estivo acompañado pola Vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mª do Mar Lorenzo Moledo, e pola directora do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo, Mª Esther Olveira Olveira. Ó acto tamén acudiron os alcaldes de Sober, A Pobra do Brollón e Pantón, así como a 1ª Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada.

Na súa intervención, o Alcalde salientou que “a temática arredor da que xira este curso fai que teña todo o sentido a súa celebración na nosa cidade, porque Monforte é a capital da Ribeira Sacra, que como todos saben aspira a ser Reserva da Biosfera e Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. E a pesar do aprazamento, que tivo lugar hai un par de semanas na resolución da súa candidatura, estou seguro de que finalmente o conseguiremos”.

Tomé Roca recordou que Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra son actualmente un dos destinos turísticos máis solicitados de Galicia, “o que da boa mostra do noso potencial e do actual incremento da afluencia turística que estamos tendo nos últimos anos. Proba diso, é que a Ribeira Sacra ocupa o primeiro posto no ranking dos 10 lugares únicos en Galicia”.

Finalmente, o Alcalde desexou ós asistentes que “os que non coñezan a Ribeira Sacra, espero que a descubran, non só grazas ó completo e variado programa teórico que conforma estas xornadas, senón tamén a través das viaxes formativas que levarán a cabo estes días. Estou seguro de que entenderán porqué, como eu sempre digo, a Ribeira Sacra é un anaco do paraíso no interior de Galicia.”

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here