HomeMedio ambiente e PatrimonioCousas Xacobeas: Santa María Madalena de Sarria: igrexa e hospital (IV)

Cousas Xacobeas: Santa María Madalena de Sarria: igrexa e hospital (IV)

Non estaría de máis que, nalgún lugar do Cemiterio Municipal, se puxese unha lápida en lembranza dos peregrinos e pasaxeiros que no Mosteiro acharon a acollida agarimosa no infortunio e o definitivo acougo nunha institución e nunha vila onde a obra de misericordia de “Enterrar aos mortos” se fixo sempre de xeito calado e constante .

Publicado o

POR
Xaime Féliz López Arias
- Advertisement -

Consagrada a obriga dos relixiosos “madalenos” de Sárria de daren enterramento aos peregrinos que morrían no seu Hospital de San Roque, e máis adiante nos Hospitaliños Novos (s. XVIII),  a perda da documentación especificamente adicada ao Hospital, fixo que só se garde memoria dalgúns peregrinos aos que deron sepultura dentro da igrexa conventual, especialmente na Capela de San Lourenzo, que formara parte do corpo das igrexas primeira (románica) e segunda (gótica). As sepulturas destinadas aos peregrinos falecidos estaban entre a porta da sancristía e o altar da Nosa Señora de Graza.

Portada Hospitaliños / Foto Julio

No Libro de Enterramentos, aberto en 1.705, figuran as seguintes referencias, indicando o número da foxa e fieira na que se acolleron corpos de xacobitas e pasaxeiros que aquí finan:

  •  1ª I.- Enterrouse un peregino francés / Un peregrino, Juan Provet (1.716) / Un peregrino francés , chamado Xerónimo Brullerch (1.729).
  •  2ª I.- Un peregrino francés / Un peregrino do Conde de Francia / Un peregrino chamado Manuel Baquero, de San Martín de Villardiga, xunto a Villalpando / Pedro Garrido, que morreu de sutaque, e escapou do hospital un fillo que viña con el,  e era de Muros (1.754) / German Heurman, alemán (1.759). Debeu haber outros enterramentos en 1.714, 1.729 e 1.750.
  •  3ª I .- Un peregrino do Hospital ( 1.726 )
  •  4ª I .- Un peregrino do Hospital ( 1.715 )
  •  5ª I.-  Encabezaba co oco da parede do Santo Cristo
  •  8ª I .- Esta sepultura encabezaba coa reixa  da Capela do Santo Cristo
  •  9ª I .- Non tiña enterramento
  •  10ª I.- Acolleu o corpo de Domingos López, da Veiga de Arriba, posiblemente hospitaleiro.
  •  11ª I.- Sen enterramento
  •  12ª I.- Cristovo Grande, de Santa María de Caleira (Pontevedra), soldado da Compañía de don Xosé Medina, Rexemento de Infantaría de Zamora (1.782)
  •  1ª II.- Un de Muros 
  •  6ª II.- Jean Bascht, de Mellán, Cantón de Tarzs, Departamento de Lander , na República Francesa, natural da Gascuña, pelegrín a Santiago e morreu no Hospital (1.800).
  • 10ª II.- Florencio Bello, de Vilar en Santiago de Cereixo, xunto das Torres do Conde de Maceda, arcebispado de Santiago (1.754).
Enterramentos

No corpo da igrexa terceira había foxas destinadas aos criados do convento e hospitaleiros e alí enterraron a Antonio da Veiga, de Pontedeume, ortelán, porteiro e hospitaleiro por espazo de 18 anos (1.799); André González (1.824); Xosé López, da Veiga de Arriba  (1.758) ; Antonio Reboredo  (1.799); Un soldado da Compañía de don Xulio Cachada, Rexemento da Estrela (1.708) ; Roque Arias, da Veiga de Arriba (1.763); Carlos Teixeiro, hospitaleiro (1.781) ; Domingos González  (1.764); Bartolomeu  ( “O Bispo”), baixo do cancelo da porta da igrexa; Xosé Antón Teixeiro, hospitaleiro (1.722); Sabela González (“A Manca”), hospitaleira (1.714 ); André Fernández, de Vista Alegre, en San Pedro de Outes, que morreu no Hospìtal (1.765); Domingos de Brión, seitureiro en Castela, de Sanerdes –Muros (1.714) ; Xoán Castelo, seitureiro, de San Mamede de Carnota (1.766 )….

Tres Corpos Santos

Peregrinos foron tamén os frades italianos que nos primeiros anos do século XIII fundaron o Hospital, e cuxos restos, coñecidos como os “Tres Corpos Santos” estaban baixo do coro, no espazo da desaparecida Capela de San Brais, onde gozaban da veneración, raiana no fanatismo, dos fieis da comarca.

Na Capela do Santo Cristo, en 1.714, enterraron un mozo que parecía ser francés “e morreu no Hospital”.

Todos estes enterramentos cando se fixeron arranxos na igrexa  ao se estableceren en Sárria os relixiosos mercedarios foron eliminados, despois de 1.896, e os restos  entón,  recollidos con especial celo,  gardáronse por tras da porta románica do claustro, e non hai moito tempo acabaron no Panteón Mercedario, onde están os restos mortais de don Camilo García Vaamonde e dona Concepción Ulloa Lois, benefactores da Orde e os dos frades falecidos no Convento da Mercé.

Non estaría de máis que, nalgún lugar do Cemiterio Municipal, espazo claramente vencellado ao antigo Hospital de San Roque (Cortiña do Pombal), que ocupou soar fronte ao Mosteiro, lonxa e Camiño de Santiago por medio, se puxese unha lápida en lembranza dos peregrinos e pasaxeiros que no Mosteiro acharon a acollida agarimosa no infortunio e o definitivo acougo nunha institución e nunha vila onde a obra de misericordia de “Enterrar aos mortos” se fixo sempre de xeito calado e constante .

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...