InicioMedio ambiente e PatrimonioA Ribeira Sacra, Serras do Oribio e Courel xa son Reserva da...

A Ribeira Sacra, Serras do Oribio e Courel xa son Reserva da Biosfera

Con esta nova declaración, España reforza o seu compromiso co programa MaB e coa conservación da biodiversidade e o desenvolvemento sustentable.

Publicado o

- Advertisement -

O Consello Internacional de Coordinación do Programa Man and the Biosphere (MaB) da Unesco aprobou a declaración da candidatura da Ribeira Sacra, Serras do Oribio e Courel como nova Reserva da Biosfera.

Nunha sesión celebrada este mércores na cidade nixeriana de Abuja, tomou a palabra de forma telemática o secretario do Comité Español do Programa Home e Biosfera da Unesco, Francisco José Cantos Mengs, quen agradeceu a todos os membros do consello por aprobar esta nova reserva.

Segundo sinalou, con esta nova declaración, España reforza o seu compromiso co programa MaB e coa conservación da biodiversidade e o desenvolvemento sustentable. Ademais, precisou que España conta xa con 53 reservas da biosfera, que ocupan o 12% do territorio e nas que viven case dous millóns de persoas.

Tras a intervención do secretario do Comité Español do Programa Home e Biosfera da Unesco, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que tamén compareceu de forma telemática, agradeceu o labor de todas as institucións e persoas implicadas na aprobación desta declaración.

A integrante do Goberno galego sinalou a importancia desta decisión tanto para os 23 municipios incluídos na mesma –18 da provincia de Lugo e cinco da de Oruense, cunha poboación total de 75.000 habitantes–, como para o conxunto de Galicia.

Así, lembrou que coa incorporación da sétima reserva da biosfera, a superficie que conta en Galicia con este recoñecemento increméntase ata chegar a case o 35% de todo o territorio, pero tamén suporá que o 42% da Comunidade quede amparado baixo algunha figura de protección, afianzando o recoñecemento e a riqueza do patrimonio natural galego en todo o mundo.

De feito, a Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel é a segunda máis grande da Comunidade, xa que abarca unha superficie total de 306.534,77 hectáreas que se estende polos canóns do Sil e polo Río Miño e destaca pola súa gran beleza natural e pola riqueza cultural e etnográfica que atesoura.

Deste xeito, tras a proclamación este mércores por parte da Unesco, este territorio intégrase oficialmente na Rede Mundial de Reservas da Biosfera e súmase aos outros seis que contaban xa en Galicia con este recoñecemento: Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; Transfronteiriza Gerês-Xurés; e Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo.

Precisamente, a conselleira sinalou tamén que, con base na experiencia adquirida e tendo en conta todas as accións levadas a cabo nas outras reservas da biosfera galegas, a Xunta liderou un plan de acción que tiña como eixos fundamentais a conservación da biodiversidade, a restauración e mellora dos ecosistemas, o fomento do uso sustentable dos recursos naturais, a mitigación do cambio climático e a promoción dunha sociedade sustentable e plenamente integrada coa súa contorna.

Na mesma liña, sinalou o carácter participativo do proxecto impulsado a finais do ano 2017 para lograr a proclamación da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribioe Courel, un “proxecto de país”, dixo, que agora toca pór en práctica e materializar.

Por último, resaltou a necesidade de seguir apostando polo mesmo modelo participativo para pór en marcha, a futuro, un proxecto que harmonice a conservación deste territorio co seu imprescindible desenvolvemento sustentable, tanto desde o punto de vista económico como social.

CASE CATRO ANOS DE CANDIDATURA

Nun comunicado remitido aos medios, a Consellería de Medio Ambiente lembrou que a candidatura desta contorna culminou este mércores un longo camiño “impulsado e liderado desde o principio pola Xunta” e que se concretou a inicios do 2019 nunha primeira proposta, elaborada coa colaboración do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) de laUniversidade de Santiago de Compostela e da Fundación Juana de Veiga.

Tras un longo proceso de participación pública e unha vez superado o trámite ante o Comité Español do Programa MaB, que en novembro de 2020 avalou a candidatura por unanimidade e decidiu seguir adiante coa súa tramitación, a proposta para declarar reserva da biosfera á Ribeira Sacra chegou a mans do órgano consultivo internacional da Unesco hai uns meses, que emitiu un informe favorable no que, ademais, felicitaba aos polo traballo realizado e a “excelente” calidade do proxecto.

Case catro anos despois de que a proposta galega botase a andar, a Xunta explica que a declaración oficial desta nova reserva da biosfera por parte do Consello Internacional de Coordinación do Programa MaB entrará en vigor tras a súa publicación no Boletín Oficial do Estado, ao tratarse dun instrumento internacional de protección.

ÚLTIMAS

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...

Unha nova vida para Donelle, a aldea de Sober mercada pola cooperativa Ecooo

A Donelle, unha aldea deshabitada do Concello de Sober dende hai varias décadas, preséntaselle...