Este programa de rexeneración do casco histórico suporá que se habiliten 636.898 euros en achegas á rehabilitación en edificios e vivendas, edificación, reurbanización de espazos públicos e demais aspectos específicos da Área de Rexeneración e Renovación Urbana do Conxunto Histórico e zonas de respecto de Monforte de Lemos.
En total, o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana destinará 405.522,23 €, a Consellería de Medio Ambiente 104.785,77 euros e o Concello de Monforte, 126.590 euros, o 19,87% do total.
“Dende o Concello”, salientou o alcalde, “animamos a todos os nosos veciños e veciñas a que se animen a solicitar estas importantes axudas co obxecto de que acometan a rehabilitación das súas vivendas”.
Poderán ser persoas beneficiarias das axudas:
- Quen asuma a responsabilidade da execución integral da Área delimitada pola actuación.
- Cando a execución da actuación corresponda a varios beneficiarios, a axuda distribuirase en proporción ao custo asumido por cada un. Os beneficiarios destinarán o importe íntegro da axuda ó pago das correspondentes actuacións.
As axudas para a mellora de vivendas localizadas nestas áreas de rehabilitación integral serán de ata 24.000 euros por vivenda, e as obras poderanse executar ata o ano 2025.