HomeMedio ambiente e PatrimonioCousas Xacobeas: Da Áspera ao Rego dos Cervos. O Camiño de Maside...

Cousas Xacobeas: Da Áspera ao Rego dos Cervos. O Camiño de Maside III

Os dous camiños que baixaban dende o Mosteiro da Madalena e o que viña dende San Lázaro (Maside) na percura do río, xuntábanse no lugar da Veiga de Abaixo (parroquia de San Salvador de Sárria) e xa feitos un só vieiro, despois de pasar o río pola Ponte da Áspera, seguían ata o agora chamado Rego de Cervos, coñecido na Idade Media como Río Vao (“Río Vadum”).

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

Desta maneira a parroquia de Maside pasaba a soportar o terceiro dos treitos posibles para o paso dos pelengríns que aínda poderían seguir outras alternativas.    

A Ponte da Áspera era unha das catro de pedra existentes en Sárria e estaba baixo o coidado do Rexemento da Vila que percibía o dereito de pontaxe esixible aos transeúntes (os pelengrís estaban exentos). No ano 1844 o Concello Constitucional acordou recompoñer a ponte, cun custe de 5.550 reais, para o que fixo unha repartición de cotas entre as parroquias de Maside, Ortoá, Meixente, Belante, Biville e A Pinza, que eran as atravesadas polo camiño de Sárria a Portomarín.

Na actualidade o treito que vai da Veiga de Abaixo ao rego de Cervos ten unha lonxitude duns 960 metros, deixando a vía do tren a man dereita e despois do paso a nivel levándoa á esquerda ata chegar ao pontón da ribeira de Cervos. Beira do camiño seculares carballos marcan as estremas de terras que ata 1836 foron propias do mosteiro de Santa María Madalena de Sárria , atravesadas polo río Celeiro que baixa custodiado polos amieiros dos prados da Chapacuña.

A parroquia de San Pedro de Maside, na súa maior parte formaba parte da Xurisdición da Vila de Sárria e o resto era da Xurisdición da Abadía de Samos. A estrema entre unha e outra ía dende a Ponte da Áspera á igrexa de San Pedro e desde alí seguía ata O Pontón de Santa Marta, no Río Vao.

Pasada a ponte, o primero treito do camiño facía estremeira, e as terras  situadas á man dereita del eran de Sárria, e ás de esquerda pertecencían a Samos, situación esta que se mantivo ata 1840.

O camiño de ferro

Dende a ponte ao porto e pontón de San Miguel, a estrada dos peregrinos ía ata o rego de Cervos por espazos onde na actualidade pasa o camiño de  ferro, o que forzou a que cando en 1880/1882 se fixeron as obras da vía se movese a carreira cara leste, e se fixese un paso a nivel fronte da chamada Casiña de San Miguel, onde había gardeses que coidaban da seguridade do tránsito.

Os planos do trazado da vía férrea (1889/1882), á altura do Castro das Paredes, reflicten ben ás claras como as obras modificaron a traza orixinaria do camiño xacobeo o que acabou traendo a desaparición do enlace do “camiño de fora do sur” no treito entre o río Celeiro e o Rego de Cervos.

Paso a nivel Camiño de ferro / Ana López

A modificación introducida polo camiño de ferro forma parte do actual traxecto “canónico”, e presenta o perigoso punto onde a vella calzada das peregrinacións atravesa a vía, que está ben sinalizado. Con ocasión das vindeiras obras de acondicionamento para dotación de alta velocidade, vai ser obxecto de supresión, sendo de agardar que a solución que se adopte non sexa moi agresiva.

Pouco antes de chegar á vía do tren, a ruta actual pasa por baixo do Viaduto de Sárria, alzado cando se abriu a estrada de altas prestacións que vai de Nadela a  Monforte.

A  casiña dos traballadores ferroviarios foi derrubada e o fito, que de xeito erróneo identificaba esa paraxe coa “Villa Sancti Michaelis” do Codex Calistinus, tamén desapareceu.

A esa altura confluían o camiño que viña desde a Ponte da Áspera e o que pola Veiga de Arriba (Veiga do Pozo) e os peares da Rañoá alcanzaba a base do Castro das Paredes,  e en chegando alí podíase elexir entre seguir pola esquerda cara O Mosteiro, na parroquia de Barbadelo, ou  tirando cara Zanfoga alcanzar o camiño que ía cara Santa Marta, na parroquia de Ortoá.

O Pontón de Rego de Cervos / Ana López

Pasado o regueiro de Cervos o camiño xacobeo “canónico” entra en terras da parroquia de Santiago de Barbadelo, por onde chaman A Ribeira, na percura do lugar de Vilei, mais aínda quedan cousas que contar referidas  ao camiño dos xacobitas ao seu paso polas parroquias de San Vicenzo (desaparecida) e de San Pedro de Maside e aos fitos que aínda se manteñen e reviven coa grande presenza de camiñantes que van na opercura de Portomarín e o río Miño .

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...