A construción do camiño de ferro, entre 1880 e 1882, introduciu unha grande modificación na traza medieval do camiño que dende a Ermida de San Miguel xiraba cara o Casar das Paredes e Vilei pola man esquerda , subindo polas abas leste e sur do Castro de San Miguel ou Castro das Paredes, camiño este que foi eliminado ao facer a longa trincheira da Rañoá para a instalación da vía do tren. Na ermida de San Miguel, onde confluían a ruta principal e o vieiro que desde a Veiga de Arriba viña aos peares da Rañoá, os pelengríns tiñan outras dúas posibilidades máis de seguir despois de xirar á man dereita: unha subindo pola ribeira de Cervos en direción a Sabenche e o Mercado da Serra e a outra a que, atravesado o vao ou porto de San Miguel, seguía cara Zanfoga. Na actualidade a calzada con fitos sobe pola Ribeira deixando a man dereita o Rego de Cervos.
A ermida de San Miguel (San Miguel de Riáticos) está ben referenciada nun documento do Tombo de Samos, e estaba isolada ao pé do maxestuoso castro, no que hoxe se encontran unhas fermosas carballeiras e soutos que piden a berros se lles dea a protección que como espazo natural merecen.
Unha discutida doazón que se lle apón ao rei Afonso VI, como feita no ano 1099, refírese á concesión da metade da ermida de San Miguel de Riáticos e do couto de Barbadelo en favor do abade Suario Suárez, e sinala as estremas de Barbadelo “por San Miguel de Riáticos e polo regueiro de Río Vao e por Barreiros, e polo Seixo Branco, e por termos de Marzán e por Nespereira, e logo por San Mamede, e pola Pedra de Salceda, e logo pola Devesa de Vilariño e polas Ambas Augas”. Esta descrición das estremas do Couto de Barbadelo sinala o espazo que, pola súa significacación xacobea, vai ser obxecto, pola nosa parte, dun demorado estudo, ao que agora adicamos a primeira entrega referida aos 795 metros que separan o Pontón de San Miguel do Casar das Paredes, polo actual camiño canónico, que irá seguida, cando menos, doutras sete entregas, xa que a parroquia de Santiago de Barbadelo encerra un pasado histórico e xacobeo moi destacado.
A ermida de San Miguel, en espazo covo delimitado polo castro, o río Barbadelo (Celeiro) e o Río Vao (Rego de Cervos), estaba arredada das poboacións e viría a cumprir a finalidade de asegurar en despoboado o descanso e acollida de pelengríns sorprendidos pola chegada da noite, xa que, como lugares sagrados e fitos referenciais na calzada, as ermidas mantiñan as súas pòrtas sempre abertas e en moitos casos tiñan un cabido ou alpendre frenteiro onde poder agocharse para evitar o mal tempo e tamén os ataques de feras e posibles malfeitores, perigos estes aos que adoito tíñanse que enfrontar os camiñantes.
“A Villa Sancti Michaellis”
Afirmación rotunda: “A Villa Sancti Michaellis” non estivo ao pé do Castro das Paredes, nin na súa croa nin no seu antecastro”. Houbo autores que ao ler no Codex Calixtinus a existenza dunha “Villa Sancti Michaellis”, só con base na conservación do topónimo “San Miguel”, pretenderon sustentar aquí a ubicación dunha vila, cando a auténtica “Villa Sancti Michaellis” estivo en “San Miguel da Costa” ou “San Miguel de Montán”, na actual parroquia de Santa María de Montán (Samos). Hai que ter presente que a denominación de “Barbatellus”, ademáis de no río Barbadelo (hoxe río Celeiro) aparece tamén en Santa María de Barbadelo (capela que houbo a carón do Campo da Feira de Sárria) e no lugar de Santo Estevo de Barbadelo (hoxe de Maside), vencellado aos templarios, e que no dito códice os puntos sinalados como treitos intermedios van de légoas en légoas. Por iso sinalar Barbadelo (¿ río ou lugar ?) entre a Villa Sancti Michellis e Portomarín, beira do Castro das Paredes, sería un contrasentido por seren dous fitos dun mesmo espazo (Barbadelo), a presunta Vila de San Miguel e Barbadelo-Mosteiro (“Loci Sancti Iacobi”), separados só por unha distancia de dous quilómetros, cando a docoumentación e a toponímia falan dunha “ermida”, que por definición é un pequeno templo isolado e lonxe das poboacións.
Esta ermida, que acabou sendo chamada capela, quedou finalmente arruinada e unha imaxe en pedra do arcanxo vencedor do príncipe das tebras, que gardaban na Casa das Paredes, acabou sendo vendida e don Francisco Vázquez Saco publicou unha fotografía que permite ter memoria dela.
O Camiño de Santiago vai agora pola Costa da Ribeira de Cervos, deixando á dereita o Tesouro, paraxe onde vexetan castiñeiros centenarios e onde tamén se pode ver unha “ouriceira” vencellada á colleita de castañas, por máis que nalgunha voluntariosa guía se lea que é unha edificación prehistórica. Nada máis lonxe da realidade.
Hai que sinalar que unha das árbores máis fotografadas de toda a ruta xacobea está sofrindo decote o maltrato dos peregrinos que depositan nas súas fendas a xeito de “ex votos” pedriñas, estampas relixiosas ou notas manuscritas que non fan senón destacar o pouco respecto que gardan pola natureza, ao que hai que sumar os plásticos, latas, envases, papeis e outras clases de lixo que van deixando tras deles (“ouriceira” inclusa) nunha actitude totalmente incívica, que dá lugar a que, por exemplo e por vía de reparación, os escolantes do Colexio da Mercé fagan camiñatas para recolleren canto polo chan tiran os “turigrinos” urbanitas, que despois lle botan culpas aos concellos daquelo que é consecuencia do seu propio desleixamento.
Rematada a Costa, o Camiño, deixando á esquerda a Croa do Castro das Paredes, chega ao Casar das Paredes. Toda a terra andada neste treito, que estivo vencellada ao mosteiro de Santiago de Barbadelo, acabou pertencendo á xurisdición da Abadía de Samos, e despois foi do Concello de Samos e non se integrou no Concello de Sárria senón ata o ano 1840.
O Castro das Paredes (ou de San Miguel) conserva un alto amurallamento e nel déronse achados de “coviñas rituais” abertas nas penas e de pezas cerámicas líticas. Hai que insistir na necesidade de que as carballeiras e devesas das abas do castro, e a mesma croa deben ser obxecto dunha proteción especial por ser un dos máis belos espazos vencellados ao Camiño Xacobeo. Na chá do Agro das Paredes hai unha medorra que debería ser catalogada.
A Casa das Paredes, cabeza que foi dun foral de Samos, é hoxe uha edificación que queda á man esquerda do camiño, e como moitas outras do medio rural ,perdeu xa a súa condición de explotación agricola e gandeira.
Dende As Paredes o pelengrín albisca xa moi perto a aldea de Vilei, actualmente punto de acollida para moitos camiñantes.