InicioMedio ambiente e PatrimonioVisita arqueolóxica o 26 de xuño para coñecer os novos achados no...

Visita arqueolóxica o 26 de xuño para coñecer os novos achados no Preguntoiro

Na segunda campaña que vén de rematar, foi exhumada a pranta da antiga ermida de San Xoán Degolado, un templo monumental de pranta rectangular e ábsida cadrada que se ergueu nos séculos X ou XI por riba da necrópole altomedieval de sartegos antropomorfos escavados na rocha. Descubriuse tamén un novo sartego antropomorfo.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O equipo dirixido por Xurxo Ayán e coordenado por Sonia García puido rexistrar unha cuarta tumba por baixo da entrada mesma á ermida de San Xoán Degolado. Esta cuarta tumba comparte a orientación e participa da organización espacial da necrópole, disposta de E a W neste rechao sobre o canón do Sil.

O arqueólgo, Xurxo Ayán, asegura “A escala comarcal, temos a certeza de que o cemiterio do Preguntoiro sería coetáneo (século X) dos restos funerarios aparecidos nos Conventos (Vilachá, A Pobra do Brollón) e en San Vítor de Barxacova. Os tres espazos de enterramento, ubicados en diferentes zonas do canón do río Sil estarían funcionando ao mesmo tempo. Este feito fai pertinente levar a cabo comparacións entre estes tres espazos sagros, que van ter cadansúa evolución particular.”

A escavación permitiu documentar tamén o abandono deste espazo de culto na alcumada Baixa Idade Media. Tamén resulta significativa a ausencia de calquer tipo de evidencia numismática, de moedas vencelladas a práticas devotas e ás romarías populares, como si acontece en San Vítor de Barxacova ou na ermida do castro de San Lourenzo (Cereixa, A Pobra do Brollón). “O labor de expolio, tralo seu abandono, foi realizado de maneira sistemática e organizada”, resume Ayán.

O Preguntoiro campaña arqueolóxica / Facebook O Preguntoiro

Orixe eremítica e un lugar de memoria do cenobio de Pombeiro

Á espera dos resultados de analíticas e datacións radiométricas, o equipo de traballo defende a idea dunha orixe eremítica para esta necrópole do Preguntoiro e o seu papel na paisaxe como lugar de memoria. “O profesor Martín Viso da Universidade de Salamanca, ten falado do protagonismo destes camposantos para preservar a memoria ancestral das comunidades campesiñas, unhas comunidades á marxe dun poder alóctono que goberne o espazo e a orde das inhumacións”, afirma Ayán.

No caso do Preguntoiro cren estar diante dun lugar de memoria da primitiva comunidade cenobítica de Pombeiro. “A segunda oleada eremítica dos séculos IX e X estableceu como prática habitual das comunidades rexidas pola regla de San Frutuoso, a estadía episódica en paraxes agrestes na contorna dos mosteiros, á procura do silenzo e da reflexión solitaria.”

O equipo que traballa no Preguntoiro defende un uso coetáneo dos dous espazos (mosteiro en Pombeiro e cemiterio no Preguntoiro, “onde se sanciona simbolicamente ese lugar de recollida espiritual dos frades, onde quixo ser soterrado o abade Asterigo”. Conclúen, “unha proba evidente de que O Preguntoiro era un lugar de memoria da comunidade monástica, e non do pobo, témola no seu abandono total na Baixa Idade Media. A ermida de San Xoán Degolado é a única da contorna que non deu lugar a un núcleo de poboación e na que non persisitu a devoción popular”.

Asterigo

No Preguntoiro plantéxase un hipotético culto asociado no propio cemiterio a unha figura egrexia alí soterrada e agora especúlase co carácter emblemático de Asterigo, un persoeiro de suficiente importancia como para nomealo e para preservar a súa memoria.

“A ábsida da propia igrexa posterior respeita a inscrición. Esta personalización a través da escrita é para nada habitual nos contextos dos grupos familiares de sartegos. Nestes camposantos rupestres non se coñecen exemplos de epitafios, mais si en contextos cenobíticos (o SAGIBUS dos Conventos, por exemplo). No caso do Preguntoiro vemos que xa se difundira o concepto que atribuía ás oracións o poder de intercesión no destino das almas no Alén. Tamén cómpre lembrar aquí que o templo ubica a súa entrada enriba dun sartego antropomorfo, o máis cercano ao penedo coa inscrición e que podería ser o eterno descanso do tal Asterigo. Un antergo eclesiástico con suficiente capital simbólico como para honrar o acceso á igrexa, como se dunha auténtica reliquia se tratase”, explica Ayán.

Visita guiada o domingo 26 de xuño

Os responsables do proxecto, Sonia García e Xurxo Ayán, ofrecerán este domingo, 26 de xuño, unha visita guiada e aberta ao público en xeral interesado en coñecer de primeira man os novos achados.

Está por determinar o lugar e hora de saída en Pombeiro, pero serán anunciados con suficiente antelación na páxina oficial do Facebook do proxecto de O Preguntoiro e nos medios de comunicación.

O Preguntoiro visita / Facebook O Preguntoiro

ÚLTIMAS

Bolsas de tea con motivos feministas

O proxecto de igualdade do Concello de Sober ‘Redes Lilas’ celebrou a súa cuarta...

Aly Alma, artista con raíces en Quiroga, presenta “Violet Mood”, un espectacular show acústico en feminino

Alicia Losada, coñecida artisticamente como ‘Aly Alma’ e con orixes en Quiroga por parte...

Novo miradoiro á Ribeira Sacra de Soutochao

O concello lugués de Sober estreou o novo miradoiro de Soutochao, desde o que poden contemplarse...

Sur da provincia de Lugo e Costa da Morte, a Galicia con maior porcentaxe de persoas dependentes

O 4,19% da poboación galega estaba en situación de dependencia o ano pasado, cunha...