HomeMedio ambiente e PatrimonioAutobús lanzadeira de Escairón á Praia da Cova para os meses de...

Autobús lanzadeira de Escairón á Praia da Cova para os meses de xullo e agosto

O servizo de lanzadeira, impulsado polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra no marco do Plan de Sostibilidade Turística, funcionará do 1 de xullo ata finais de agosto. Contará cunha capacidade aproximada de 20 prazas e saídas cada hora, en horario de tarde, dende a Praza de España de Escairón, no Concello do Saviñao.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Segundo trasladan dende o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra “trátase dunha medida disuasoria para desconxestionar un dos puntos máis visitados da ribeira do Miño durante o período estival, que polas súas condicións, ao igual que outros recursos turísticos de Ribeira Sacra, non dispón de espazos de estacionamento o suficientemente amplos para acoller todos os vehículos que se achegan ata alí durante o verán, e que adoita dificultar o tránsito e manobras dos de maior tamaño”.

Tendo en conta que a contorna da Praia da Cova forma parte da Reserva da Biosfera, estamos a falar dun espazo natural de especial protección que debe preservarse. Para iso o recomendable é fomentar o uso do transporte colectivo e evitar a contaminación que provoca o tráfico masivo que se dá nos meses de verán nesta emblemática paraxe da Ribeira Sacra.

SERVIZO LANZADEIRA ESCAIRÓN-A COVA

O servizo de bus lanzadeira funcionará todos os días dos meses de xullo e agosto e contará cunha capacidade aproximada de 20 prazas. Haberá saídas cada hora, en horario de tarde, dende a Praza de España da localidade de Escairón no Concello do Saviñao.  

A alternativa para chegar á Praia da Cova, por vontade do Concello, será un servizo gratuíto de bus para visitantes e veciños/as co fin de sensibilizar a locais e visitantes nesta fase inicial. Malia iso, recoméndase a súa reserva previa con fin de garantir a dispoñibilidade de prazas. Terán preferencia aquelas persoas con reserva que estará habilitada a partir do día 30 de xuño a través da plataforma do Consorcio de Turismo.

Aínda que os accesos por estrada á Praia da Cova continuarán abertos ao tráfico rodado só se poderán utilizar as prazas habilitadas e sinalizadas na actualidade para o estacionamento, debendo deixar libres as beiras da estrada, habitualmente utilizadas polos vehículos para aparcar.

O Concello do Saviñao colaborará cun equipo de Protección Civil que informará a usuarios e controlará que se estacione de forma axeitada durante os primeiros días de funcionamento do servizo e sempre que se requira.

PLAN DE SOSTIBILIDADE TURÍSTICA

O pasado verán púxose en marcha o primeiro autobús lanzadeira no Concello de Parada de Sil. Tratábase, neste caso, de facilitar o acceso ao mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil dende o propio concello. Este ano é o concello o que asume a continuidade do servizo que xa estivo operativo durante a Semana Santa.

A pretensión do Consorcio é poñelos en marcha, facer os axustes precisos para que sexan viables e sostibles, e despois deixar que as entidades locais asuman a súa continuidade nos vindeiros anos. “Estas iniciativas pretenden controlar a capacidade de carga de recursos visitados, mellorar a súa accesibilidade, promover o uso de transporte colectivo para un menor impacto ambiental e optimizar a experiencia dos visitantes e habitantes, minimizando as problemáticas no estacionamento e tránsito por estradas sinuosas e estreitas”, explica a xerente do Consorcio, Alexandra Seara.  

ÚLTIMAS

Magosto-pancetada e teatro para a fin de semana en Pantón

Despois de celebrar con grande éxito o Samaín a pasada semana, o vindeiro sábado,...

Unanimidade do pleno de Folgoso do Courel para destinar a vivenda pública o cuartel da Garda Civil de Seoane

Este luns acordouse iniciar os trámites co Ministerio do Interior para conseguir o cambio...

Por Chantada propón que o parque das piscinas se chame Mirtha Castiñeiras, que foi 39 anos pediatra no municipio

O grupo municipal Por Chantada – Interior Galego Vivo vén de presentar unha moción...

A CIG celebra este 4 de novembro unha asemblea aberta en Monforte para impulsar a participación na folga xeral do día 11

A Confederación Intersindical Galega (CIG) convoca unha asemblea aberta en Monforte co obxectivo de...