InicioMedio ambiente e PatrimonioCousas Xacobeas: O camiño dos xacobitas en Santiago de Barbadelo, de Vilei...

Cousas Xacobeas: O camiño dos xacobitas en Santiago de Barbadelo, de Vilei ao Mosteiro (III)

Un pequeno desvío lévanos até a igrexa de Santiago de Barbadelo, xoia románica declarada Ben de Interese Cultural, cuxa perspectiva desmerece moito polo feito de que o seu adro foi convertido en cemiterio parroquial con altos panteóns e nichos que afean o conxunto, e foron froito do deixamento dos titulares e responsables dese espazo.

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

Seguindo o Camiño de Santiago por unha pista asfaltada, só 503 metros separan os lugares de Vilei e O Mosteiro, na parroquia de Santiago de Barbadelo, que permiten chegar a un dos lugares máis emblemáticos e de máis alto significado xacobeo da comarca, que ao longo dos séculos levou ás denominacións de “Casa Domni Adilani”, “Loci Sancti Iacobi”, “Casa Barbatello”, “Mosteiro de Santiago de Barbadelo”, “Priorado de Barbadelo”, “Casa do Mosteiro” e “Casa do Pacio”, que foron as diferentes denominacións que tivo o espazo onde se alzan aínda hoxe a igrexa parroquial de Barbadelo e a Casa do Mosteiro. Ningún dos lugares desta parroquia responde á denominaciòn “Barbadelo”.

Este treito do camiño permite amplas vistas cara o Val do Barbadelo (parroquias de Reimóndez, Albán e Piñeira), co viaduto e a igrexiña románica de Albán e na lonxanía cara a Serra do Iribio e o Monte da Meda, levando ao Oeste, e máis de perto a visión do manto verde do Monte de Rebordelo. Pasa a calzada por O Pataral, Granxo de Zarralleiro, Namela , Teixo, Pombal, Penelo, Chousa de Baixo, Aira e o Adro-Cemiteiro Vello.

Á man dereita queda o casar de Loureiro, que foi un dos forais de Samos, e deixando á esquerda o Camiño de Sorriba, seguindo por diante do Cemiterio Novo chégase ao Campo da Festa, onde se acha o Albergue de Peregrinos da Xunta de Galicia, na que foi Casa-Escola alzada darredor de 1960.

Un pequeno desvío lévanos ata a igrexa de Santiago de Barbadelo, xoia románica declarada Ben de Interese Cultural, cuxa perspectiva desmerece moito polo feito de que o seu adro foi convertido en cemiterio parroquial con altos panteóns e nichos que afean o conxunto, e foron froito do deixamento dos titulares e responsables dese espazo (bispado e párrocos), desfeita que afortunadamente, coa construción do Cemiterio Novo, conseguiuse deter, sendo ben visibles semellantes despropósitos e degradación, por desgraza perdurables no tempo .

Igrexa de Santiago de Barbadelo / Villarabid

Dende o camiño pódese chegar a outro Albergue de Peregrinos establecido na antiga Cortiña do Pombal, onde están uns petroglifos estudados polo mercedario, Xaime Solla Fontán.

A actual Casa do Mosteiro, ao sur da igrexa, camiño en medio, xunto coa Casa do Priorado ou Casa da Portaría (no lugar de Sorriba), onde moraban dous ou tres monxes, son as únicas edificacións herdadas do mosteiro medieval, como pervivenza dos forais do Mosteiro e do Pacio vencellados a Samos ata 1836.

En 1555, Ares de Samos e a súa muller, Clara López, eran os foreiros do lugar do Mosteiro, que estaba traballado por Gómez de Mosteiro, quen moraba nas casas que están “a carón do mosteiro de Barbadelo, á man esquerda vindo do dito mosteiro, coas súas cortes e tendais e reparos”. Estaba na levanza da Cortiña da Porta, Leira do Sobrado, Leira do Xuncal, Cortiña da Aira e Agro do Pereiro. O posúedor pagáballe ao Mosteiro de Samos 6 fanegas de pan e un porco escaldado e cebado polo Nadal, con medio real de pan, e dáballe ademais en gaño a Ares de Samos, 8 fanegas de pan centeo, 2 fanegas de trigo e un porco co seu pan e unha cocha ou un porco co seu pan, unha porca ou 100 maravedís por ela, con máis medio real de pan. Vese que tiña máis beneficio o foreiro ca o mosteiro samonense, ao que lle correspondía o dominio das terras.

O foral das casas do Pacio, tamén a carón do mosteiro, coas súas entradas e saídas, con máis un Horto e un Leiro a carón da casa, dunhas sete tegas,  correspondíalle tamén a Ares de Samos e á súa muller, e estaba laboreado  por Gómez de San Silvestre, quen pagaba a renda aneira de 3 fanegas de pan.

Con posterioridade, reunidos nun só foral, coñecido coma Casa do Mosteiro, pasou a ser señoreado, como foreiros de Samos, por membros da familia Arias Losada, que acabaría entroncando coa familia Pérez-Batallón, e como ben nacionais, derivados da Desamortización, integráronse no patrimonio dos Pérez –Batallón, comprados que foron en subastas.

O mosteiro de Santiago de Barbadelo foi cabeza dun bo número de pequenos mosteiros que nas bacías do río Barbadelo (hoxe Celeiro) e Loio  constituiron un grupo froito dunha intensa colonización monacal, que finalmente caería baixo da órbita do Mosteiro de San Xulián de Samos.

Igrexa de Santiago de Barbadelo / Villarabid

Os mosteiros de Santiago e San Martiño de Barbadelo, San Salvador de Rosende ou de Nespereira (en Ortoá), Santa María de Ortoá, San Paio de Cesár, Santiago de Mortolais (Froián), San Paio de Piñeira, San Miguel de Piñeira, San Xoán do Couso, A Hermida (Santiago de Nespereira), San Pedro de Taíde, Santo Adrao do Monte do Páramo, San Pedro de Barán, San Salvador da Pinza e San Mamede “perto do Loio” (A Pinza) formaban unha rede monástica que acabaría desparecendo, atraída por Samos, e de todo aquel conxunto só restaron o Priorado con sede en Sorriba e algunhas igrexas parroquiais, ermidas ou capelas, con referenzas toponímicas que  manteñen, aínda hoxe, a lembraza dos abades e abadesas daqueles mosteiros, algúns deles dúplices (de monxes e monxas), nos que se exerceu a caridade de atender a peregrinos e camiñantes, fosen ou non cara a Arca Marmórica onde acougaban os restos do Apóstolo Santiago.

Pola importancia de “Barbatellum” o e o seu vencello ao feito das peregrinacións, noutras dez entregas, faremos un percorrido referido ao Camiño e ás institucións xurdidas na zona de influenza da actual parroquia sarriá de Barbadelo, na que floreceron a un tempo tres mosteiros, tendo presente o contido das escrituras obrantes no Tombo de Samos.

ÚLTIMAS

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...