HomeMedio ambiente e Patrimonio4,5 M€ da Xunta en axudas para a plantación de frondosas e...

4,5 M€ da Xunta en axudas para a plantación de frondosas e coníferas

150 solicitudes foron aprobadas cun orzamento total de 4,5 millóns de euros, o que suporá a plantación de arredor de 2.500 hectáreas de coníferas e frondosas no territorio galego.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba este venres o anuncio coa resolución da orde de axudas da Consellería do Medio Rural para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

Das 150 solicitudes aprobadas, o 88% corresponden a comunidades de montes veciñais en man común, cunha concesión conxunta de 4,2 millóns de euros para actuar en case 2.300 ha. O resto atinxe a agrupacións -cun total de 8 expedientes, algo máis de 150.000 euros e 85 hectáreas- e particulares de xeito individual -cun total de 10 beneficiarios, uns 85.000 euros e 44 ha-.

A través desta liña de achegas, finánciase a plantación de coníferas e frondosas como piñeiros, carballos, castiñeiros e nogueiras, entre outras especies. Ademais, cabe sinalar que unha quinta parte dos expedientes aprobados contemplan este tipo de forestación en terreos ocupados por eucalipto con diámetro normal inferior a 10 cm, e en terreos ocupados por acacia negra, mimosa e/ou falsa acacia. En total, os traballos incluídos nos expedientes suporán empregar máis de 2,5 millóns de unidades de planta, o que se traduce nun importante impacto positivo nos viveiros da comunidade.

Como novidade nesta última convocatoria, son obxecto das axudas os terreos cubertos por masas mixtas de coníferas, frondosas e matogueiras, con diámetro normal medio conxunto inferior aos 10 cm, no que a superficie ocupada pola especie dominante non superase o 60% da superficie total.

Así, o fin último desta liña de axudas é fomentar a primeira forestación de terras non agrícolas con coníferas e frondosas, dando prioridade a estas últimas, e favorecendo deste xeito o aumento tanto da diversidade como da superficie forestal arborizada, ao tempo que se reduce o risco de incendios mediante a valorización dos terreos forestais.

ÚLTIMAS

‘Xornadas Lactouras’: achegamento á micoloxía desde diferentes perspectivas

Conta atrás para as 'Xornadas Lactouras', un ciclo de actividades arredor da micoloxía que...

435.000€ para a mellora da estrada que une Sarria co Polígono do Morelle

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou este martes a zona para comprobar...

A D.O. Ribeira Sacra pecha a campaña con 4.617.965 quilos vendimados

A campaña despídese cun claro protagonismo das variedades tintas con 3.552.736 quilos, coa Mencía...

“Activa a túa vida dixital”, desde este 14 de outubro no CEMIT de Carballedo

Durante tres semanas consecutivas, os usuarios da aula lucense participarán en sesións semanais que...