“Baixo o lema Reciclando aceite evitas que se contamine a auga”, sinalaba o rexedor monfortino na presentación da campaña, “o noso obxectivo é informar aos nosos veciños e veciñas, así como os alumnos e alumnas dos centros educativos de Monforte sobre necesidade de reciclar axeitadamente o aceite de cociña usado, a través dos contedores que o Concello ten ubicado en distintos puntos da cidade”.
José Tomé: “Cada litro de aceite de cociña usado contamina 1.000 litros de auga”
O obxectivo final é conseguir un aumento no volume de aceite recollido, tendo en conta que, en palabras de José Tomé: “cada litro de aceite de cociña usado contamina 1.000 litros de auga”.
DESENVOLVEMENTO DA CAMPAÑA
O Concello de Monforte instalará a vindeira semana 6 novos contedores urbanos para a recollida de aceite usado, que se engaden aos 14 xa existentes en distintos puntos da cidade. Estes puntos de recollida estarán ubicados nas rúas Ramón Otero Pedrayo, Celso Emilio Fereiro, Reboredo, Cobas, Corredoira e Chantada.
A campaña dará comezo este venres 11 de novembro e alongarase ata o xoves 17 tendo como obxectivo informar aos veciños e ás veciñas sobre as claves para levar a cabo unha axeitada reciclaxe deste residuo que se xera nas cociñas dos fogares e que é altamente contaminante para a auga.
A campaña informativa comezará con charlas a alumnos e alumnas de distintos centros educativos de Monforte, contará tamén con accións a pé de rúa a través de carpas informativas e incluirá unha charla informativa dirixida a toda a cidadanía na Casa da Cultura, o vindeiro mércores 16 de novembro ás 18:00 h. Nas accións referidas repartiranse entre a veciñanza folletos informativos e un funil promocional.