Xornadas Micolóxicas da man dos ‘Lactouros’ en Monforte

Terán lugar os días 24, 25 e 26 de novembro con varias charlas divulgativas e un xantar popular.

Boletus. Foto: Manuel Luaces.

A asociación Os Lactouros é un colectivo monfortino cunha longa traxectoria no interese e divulgación da micoloxía na comarca de Lemos. O pasado 2021 renovaron a directiva e, coa intención de darlle algo de pulo e superar a inactividade que provocou a pandemia, organizaron un curso de iniciación ao cultivo de setas comestibles no Ateneo Casino de Monforte.

Este ano, para recuperar os mellores tempos, organizan unhas completas xornadas centradas na divulgación micolóxica do 24 ao 26 de novembro e un ‘Xantar Lactouro’ no restaurante monfortino Abadía de San Simón.

Cogomelos en outono. Foto: Manuel L.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

O xoves 24 ás 19:30 h. o Centro do Viño acollerá unha charla baixo o título “A Russula en Galicia”. O relator será José María Traba Velay, Presidente da Asociación Galega de Micoloxía. Ao remate haberá uns pinchos.

O venres 25 ás 19:30 h. o presidente dos Lactouros, Carlos Pérez, ofrecerá unha sesión didáctica sobre a iniciación á micoloxía. Tamén no Centro do Viño

E xa o sábado 26, como peche ás xornadas, ás 14:00 h. terá lugar o ‘Xantar Lactouro’ no restaurante monfortino de Ribas Altas, Abadía de San Simón, e ás 19:00 h. o Centro do Viño acolle outra interesante charla que versará sobre ‘Os Coutos Mixtos’. A relatora será a bióloga Paula Estévez Caride, colexiada pola Universidade de Vigo e Doutora en hifomicetos e control biolóxico de artrópodo.

En relación ao xantar, o prezo é de 20 euros para socios/as e de 25 para non socios/as. O teléfono para inscricións é o 671473982.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here