HomeMedio ambiente e PatrimonioCousas Xacobeas: O camiño en Barbadelo, Rente (X)

Cousas Xacobeas: O camiño en Barbadelo, Rente (X)

A 641 metros do lugar de San Silvestre está a aldea de Rente, que a atravesa o Camiño de Santiago, despois de ir superposto coa pista asfaltada que vai dende Vilei ao Mercado da Serra, compartindo espazo co tránsito mecanizado, polo que debería facerse en paralelo un carreiro de pés, para dar seguridade aos camiñantes ao longo dese treito. Coincide tamén co traxecto seguido polos ciclistas de rutas europeas.

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

A aldea de Rente é un pequeño núcleo  da parroquia de Santiago de Barbadelo, dependente de Samos  ata 1840, ano no que pasou a formar parte do concello de Sárria. Está formado polas casas de Beltrán, Casanova, Fino, Marcos e Aurelio, e houbo outras como a casa da Longra e a da Librada.

Rente  conserva a surleste un Castro pouco estudado que é un dos catro que hai na parroquia de Barbadelo, e que dista 275 metros do Castro de San Silvestre.

O camiño dos peregrinos atravesa terras nas denominacións do Agro, Penelos, Longra, Pedredo, O Chouso, Penela, Cancelo e Cortiña e entra no lugar por un soutiño de castiñeiros deixando á dereita a pista  e seguindo por entre as casas campesiñas vai na percura da pista antes de atravesar o Rego de Rente. A casa que hai na saída do lugar é un establecemento de turismo rural  no que acollen peregrinos.

Rente foi lugar aforado polo Mosteiro de Samos e o seu Priorado de Barbadelo e estivo na Idade Media moi vencellado ao Mosteiro de San Martiño de Barbadelo, situado uns 440 metros cara o oeste, non lonxe da actual aldea de San Martiño, conservándose o formal da ermida que houbo onde estivo a casa mosteiral.

Os tres casares históricos, con casas, cortes e celeiros foron aforados o 12 de decembro de 1555 polo Mosteiro de Samos e estaban entón posuídos por Xoán Aras de Rente, Alonso Vázquez da Cervela e Miguel Fernández, capelán de Santiago de Barbadelo. Todos os bens deses forais, obxecto de divisións e suforos estiveron baixo do dominio samonense ata a Desamortización (1836) e como Bens Nacionais foron adquiridos, tamén as rendas, por diversos particulares.

Campo de Rente / Alba López

O Campo de Rente é unha vizosa carballeira, na marxe esquerda do camiño xacobeo, formado por cinco parcelas de particulares, cun total de 5.161 m/2, que estivo especialmente vencellado ao paso de peregrinos, como espazo para o descanso. Esta carballeira merecería unha especial atención  de catalogación, proteción e conservación.

A casa de turismo rural de Rente compleméntase con outro establecemento semellante radicante no lugar de Sabenche, distante do Camiño uns 750 metros cara o norte .

Os anteriores lugares de Vilei e San Silvestre foron obxecto de obras de acondicionamento que puxeron en valor os seus  rueiros e é de agardar que  se poña interese, tanto por parte das autoridades muncipais como pola Xunta de Galicia, para mellorar os seus equipamentos, con obras que supoñan o embelecemento do núcleo.

Turimo Rural Rente / Alba López

ÚLTIMAS

Despois de 5 concertos péchase con éxito o VI Fest Clásico Ribeira Sacra

Un dos grandes retos do Festival, con sede nos Peares, é reunir a grandes...

A ANPA da Gándara de Monforte denuncia o abandono do parque de xogos

No desenvolmento das súas funcións, a ANPA, dá a coñecer públicamente as deficiencias deste...

“Cine e Cooperación, unha ventá ao mundo”, este 12 de setembro no Cuadrado de Monforte

O Concello de Monforte acollerá este xoves, 12 de setembro, ás 20:30h unha actividade...

O PP de Monforte defenderá no pleno unha correcta planificación do ciclo da auga

O concelleiro, José Luis Rodríguez, lembra que a pasada semana os veciños das rúas...