Desaparecido o medieval Mosteiro de San Martiño de Barbadelo, só resta memoria del no lugar do seu nome e na ermida de San Martiño da que só se conservan na actualidade os seus muros en pardiñeiro, sen tellado, coa base do altar desfeita, o lintel tirado no chan e invadida por árbores que medran no seu interior.
Esta ermida, no apeo feito polo Mosteiro de Samos no ano 1555, figura ser das dúas casas que entón había no lugar, que pertencían ao Mosteiro de Samos. E agora, por vez primeira, faise referencia ao seu estado actual, e mesmo á pervivencia dese espazo, que non aparece recollido nas publicacións referidas a Barbadelo, nalgunha das que se chegou a dicir: “do mosteiro chamado de San Martiño, que se di unido a Samos dous anos antes que o de Santiago, mais do mesmo non subsiste ningún vestixio arqueolóxico nin tampouco na toponimia” (Losada Díaz e Seijas Vázquez).
Esta información non concorda coa realidade xa que, ademáis de na aldea, o nome de San Martiño, lugar que está entre Rente e o Mercado da Serra, pervive en numeros espazos que conservan a vella referenza toponímica.
Esta ermida estaba a una 65 metros da última das casas do lugar de San Martiño, á man direita do camiño que vai cara Melle, enterrada por norte e oeste e tiña forma rectangular, cunha soa porta ao sur, hoxe sen lintel, con pequenos mainelos nos muros do leste e oeste e inda se adiviña a base de pedra do altar. As edras que medran nas paredes e as árbores que hai dentro na única nave réstanlle visibilidade ao que foi pequeno templo, que ocupa o soar do que foi unha das Casas Maiores do complexo cenobítico barbadelense.
Interior / Ana López
No ano 1555 o labrador Alonso de San Martiño, en nome do foreiro de Samos, chamado Fernando López de Montán, levaba moitos leiros e bens, moraba na casa e cámaras forais e posuía tamén a “Hermida de San Martiño”, que era dos dous lugares e entre as fincas por el beneficiadas estaban “a leira que pegaba na Hermida de San Martiño”, a “Leira da Porta de San Martiño” e a “Leira do Baño”, polas que lle pagaba a Samos a renda de seis fanegas de pan, un porco escaldado con medio real de pan, e ao foreiro Fernando López de Montán, segunda voz do foro, dáballe outras oito fanegas de pan, un cabuxo e seis capóns, que era o gaño que aquel tiña co suforo.
O outro foreiro, Xoán de San Martiño, levaba menos fincas, entre elas a Leira da Cabra, riba do “Campo de San Martiño“, a leira de “Riba da Hermida de San Martiño” e a “Cortiña da Fonte da Hermida”, todo iso, coa casa e cámaras dela, en foro e pensión de en cada ano pagarlle a Samos “catorce fanegas de pan e un porco escaldao co seu pan e un carneiro por San Xoán”.
No ano 1873 o lugar de San Martiño estaba formado por catro casas habitadas e dúas vagas, que procederían da desamortización dos bens nacionais que foran do Priorado de Barbadelo e Mosteiro de Samos.
Na actualidade son tres as casas que compoñen o lugar, coñecidas como Casa de Alfonso, Casa do Gaio e Casa das Tecedeiras e só dúas delas están habitadas
Base altar / Ana López
O lugar queda a man esquerda do actual Camiño de Santiago é á súa altura, a man dereita da ruta xacobea está o Camiño de Guimarás, que comunica o lugar coa aldea de Sabenche.
A ruta xacobea, no pequeno treito correspondente a San Martiño consiste nunha pista asfaltada, na que os peregrinos coinciden con ciclistas e automobilistas, en situación que se mantén ata a estrada de Vilamaior, no Mercado da Serra, o que pide a voces a habilitación dun carreiro en paralelo á pista municipal que garanta a seguridade dos camiñantes dende o Campo de Rente en diante.
Muro oeste / Ana López
Coa publicación en XORNAL DE LEMOS das imaxes inéditas que se acompañan, e das referenzas documentais, preséntanse por vez primeira aos estudosos e público en xeral as condicións nas que se atopa a ata o dagora ignorada “Ermida de San Martiño“, que aínda estando en pardiñeiro, é proba de certo respecto polo pasado do lugar.