HomeMedio ambiente e PatrimonioNovos datos coas escavacións de Penas do Castelo, na Pobra do Brollón,...

Novos datos coas escavacións de Penas do Castelo, na Pobra do Brollón, que o 6 de outubro celebra visita guiada ao xacemento

Os restos de sementes atopados, así como as concrecións e numerosos carbóns, serán estudados e analizados en laboratorio podendo fornecer datacións e outra información de interese para este momento de uso do xacemento.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Pouca información se tiña das campañas previas en Penas do Castelo na parroquia de Salcedo, A Pobra do Brollón, alén da existencia dun xacemento complexo, de tipoloxía pouco común e cunha muralla monumental. Foi precisamente nos traballos da muralla onde se puideron realizar, en 2022, datacións por radiocarbono que resultaron en torno ao século IX a.n.e, é dicir, da época en que se empezan a construír os primeiros castros.

Na presente campaña, desenvolta entre agosto e setembro, ampliouse unha pequena sondaxe previa no interior do xacemento na que aparecera todo un nivel de derrubo de palla-barro, e na que agromou algunha nova información coa aparición dunha boa cantidade de fragmentos cerámicos nun gran estado de conservación. Ademais, nun dos cacharros aparecen grans de cereal por determinar e restos concrecionados nas paredes interiores do mesmo. Apareceron tamén unha serie de pedras colocadas de forma claramente intencional que configuran o que as arqueólogas interpretan como unha posible estrutura de almacenaxe de cereal. “A disposición das pedras recorda a doutros xacementos como Arxeriz e terían a función de levantar a estrutura illándoa da humidade”, comenta Nerea Vilariño, do equipo arqueolóxico.

A campaña incluíu traballos de restauración na monumental muralla a cargo de Alba Losada, quen sinala que “puidemos estabilizar as estruturas mediante a técnica da pedra seca, documentando preto de 200 metros de muralla pola cara interna e externa”.

Durante a campaña realizáronse actividades paralelas como a realización dunha charla ou un obradoiro de serigrafía. O xacemento foi incluído, ademais, na rede de visitas guiadas do Concello da Pobra do Brollón. Para o próximo domingo, 6 de outubro, prevese unha andaina ata o xacemento incluíndo visita guiada por parte das técnicas. A cita é ás 11:00 saíndo dende Salcedo, en concreto do Local Multiusos. Serán uns 4,5 km de dificultade baixa, aínda que a baixada ao propio xacemento si que fornece máis dificultade.

Os traballos de escavación foron financiados, cun orzamento de 17.774,90€, pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, contando coa colaboración do Concello da Pobra do Brollón e da Comunidade de Montes de Salcedo.

Con esta nova actuación, a Consellería leva investido no xacemento arqueolóxico de Penas do Castelo preto dos 70.000,00 €, a través de 4 campañas arqueolóxicas desenvoltas entre os anos 2021 e 2024.

ÚLTIMAS

Declaración institucional do Concello de Monforte co gallo do ‘Día Internacional da Muller Rural’

En reunión do pasado luns 7 de outubro, a Xunta de Goberno Local do...

Éxito da actuación de regueifas en Ribas de Sil

Baixo o título de "Regueifas de Bergantiños a Ribas de Sil e a Quiroga",...

Máis dun millón de euros destinou a Deputación a Monforte neste ano, o PP critica a Tomé por discriminar ao resto de concellos

Lembran os populares que no pasado mes de abril o presidente asinara, por decreto,...

O 16 de outubro Pantón sóbese ao autobús do teatro

O autobús que levará aos veciños e veciñas de Pantón sairá ás 14:45h de diante do BBVA. A cita será ás...