HomeMedio ambiente e PatrimonioO Xeoparque Montañas do Courel terá un espazo en FITUR 2025

O Xeoparque Montañas do Courel terá un espazo en FITUR 2025

Ocupará un lugar no stand dedicado aos Xeoparques Mundiais en Ifema, posto que contará con tres mostradores nos que se distribuirá información sobre os territorios que constitúen a Rede Española de Xeoparques Mundiais e tamén Xeoparques portugueses e latinoamericanos.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Rede Española de Xeoparques Mundiais (REXM), na que están integrados os dous Xeoparques galegos –Xeoparque Cabo Ortegal e Montañas do Courel–, estará presente por segundo ano consecutivo na Feira Internacional de Turismo –FITUR 2025–, edición 45ª que se celebrará do 22 ao 26 de xaneiro. Poderá dar a coñecer os seus atractivos turísticos no stand que integra diferentes Xeoparques Mundiais (outros españois, portugueses e latinoamericanos), concretamente no Pavillón 7 a.19 de Ifema e nun espazo de 40 m2.

O espazo contará con tres mostradores onde ofrecer información, unha pantalla de gran formato, un photocall e un punto de encontro para profesionais do sector turístico, tanto do ámbito público como privado. Este despregue será posible grazas á colaboración da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID).

A cita para a apertura oficial do stand é o vindeiro mércores 22 de xaneiro ás 14:00 horas. No evento participarán Santiago Sierra, presidente do Comité Nacional Español de Xeoparques; Emmaline Rosado, coordinadora da Rede de Xeoparques de América Latina e o Caribe (GeoLAC); Artur Sá, representante do comité executivo da Rede Mundial de Xeoparques (GGN); e Karmah Salman, coordinadora da Rede Española de Xeoparques Mundiais (REXM). Asistirán as delegacións formadas por representantes políticos, técnicos e empresas do sector turístico dos 17 Xeoparques españois, así como tamén dun Xeoparque aspirante.

ACTIVIDADES E ACCIÓNS PROMOCIONAIS

No stand de Fitur 2025 os Xeoparques realizarán presentacións dos seus destinos e produtos turísticos e darán a coñecer as últimas novidades para que o público poida coñecer e explorar en fondura estes territorios, cada vez máis atractivos e accesibles. Tamén se presentará a 11ª Conferencia Internacional de Xeoparques Mundiais UNESCO que se celebrará en setembro de 2025 no Geoparque Kütralkura de Chile.

O Xeoparque Montañas do Courel fará a súa presentación o venres 24, día que aproveitará para amosar os seus recursos máis atractivos para un turismo de perfil alternativo, afastado da masificación e respectuoso co medio, en liña coa filosofía coa que a UNESCO creou a figura dos Xeoparques Mundiais. Aproveitando que o día anterior fará a súa presentación o outro Xeoparque galego, o de Cabo Ortegal, ambas delegacións aproveitarán o evento para ter unha reunión na que partillarán experiencias e inquedanzas e tentarán establecer liñas de actuación en común de cara ao futuro.

Xeoparque Montañas do Courel . Foto: Concello de Quiroga

Os dous primeiros días de feira (22 e 23 de xaneiro) a mediodía haberá unha degustación de produtos locais dos Xeoparques ibéricos, con produtos de calidade como queixos, embutidos ou viños. Outra das actividades destacadas será o sorteo dunha experiencia turística para dúas persoas nun dos destinos da REXM, que inclúe dúas noites de aloxamento, unha actividade e unha degustación. O concurso estará aberto a todas e todos os visitantes do stand durante os días 25 e 26 de xaneiro.

DEZ ANOS DO NACEMENTO DA REDE DE XEOPARQUES MUNDIAIS DA UNESCO

Este ano fanse 10 años desde que a Asemblea Xeral da UNESCO ratificara a creación dos Xeoparques Mundiais da UNESCO.

A Rede de Xeoparques Mundiais da Unesco convidou aos xeoparques de América Latina a participar neste evento de referencia mundial que se converteu, na súa longa xeira, nun punto de encontro global clave para os e as profesionais do sector turístico. Os tres primeiros días a feira abre as súas portas exclusivamente a visitantes profesionais e durante a fin de semana tamén ao público xeral. Nesta edición de Fitur, os Xeoparques tamén estarán presentes de forma dixital a través das súas redes sociais. Para poder seguir todo o que acontece no stand e interaccionar pódese facer uso do portelo #geoparquesfitur25

ÚLTIMAS

‘As gardiás’, da compañía Ningures Produción, primeira función da tempada teatral 2025 en Monforte

Comeza a tempada 2025 de programación teatral no Concello de Monforte. No primeiro semestre...

82.500 persoas viaxaron no bus urbano de Monforte durante o pasado ano

No 2024 utilizaron o Autobús urbano de Monforte 82.580 usuarios, cunha media mensual que...

Que pasa coas mamografías no Hospital de Monforte?

Segundo informa a CIG Saúde, o mamógrafo do hospital leva estropeado dende o mes...

50.000€ da Vicepresidencia da Deputación para axudar ó financiamento do Matadoiro Municipal de Sarria

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, reiterou no pleno provincial deste martes...