A asociación cultural de Sober, O Colado do Vento, deu a coñecer xa as súas primeiras actividades deste 2025. Para este domingo 16 de febreiro relizarán unha visita a Donelle para coñecer o proxecto Guardabosques, da Cooperativa Ecooo. Trátase dunha iniciativa de preservación ambiental, formación e transformación que impulsa esta cooperativa e enxeñería madrileña. Xornal de Lemos entrevistou o pasado ano ao seu promotor, José Vicente, un galego-madrileño que se estableceu en Amandi no 2023.
A visita será ás 11:30 h en Donelle aínda que quen o desexe pode quedar xa ás 11 h en Sober, na praza, para ir dende alí. Non cómpre apuntarse e a viaxe farase en coches particulares.
RUTA XEOLÓXICA
Para a seguinte fin de semana, o domingo 23 de febreiro, a entidade ten programada unha interesante actividade xeolóxica que conta con dúas partes.
Pola mañá haberá unha charla teórica a cargo do xeólogo Eduardo González Clavijo na Casa da Cultura de Sober de 12 a 13:30 h. e pola tarde, con saída de Sober ás 15:30 h, realizarase un roteiro guiado para coñecer rochas e paisaxes de Souto Chao (Doade), Anllo e Nogueira (Anllo Santo Estevo). A viaxe farase en coches particulares.
Dende a entidade din que non é preciso anotarse e que se organizará un xantar ao que se pode anotar a xente. Para xantar cos socios e socias do Colado do Vento e co xeólogo, pódese reservar no bar Ribeira Sacra de Sober ata que se cubran prazas. Ofrécese para a ocasión, e polo prezo de 22 euros, entrantes e un prato principal a escoller (carne ou peixe), viño da casa ou refresco, e postre.
De cara a marzo, concretamente o día 23, a entidade ten previsto facer unha viaxe a Meira pero informará máis adiante dos detalles.