Entre os días 14 e 16 de marzo de 2025, unha representación da Real Sociedad Española de Historia Natural (RSEHN) visitará o Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel. Durante a súa estancia, desenvolverán diversas actividades nos museos, percorrerán algúns puntos de interese natural nos concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil, e participarán en actividades de carácter máis académico, concentradas nunha xornada de conferencias o domingo.
Estas xornadas planificáronse nunha reunión na sede da RSEHN en Madrid, o pasado mes de novembro, na que participou o presidente do Xeoparque, Roberto Castro e membros da xunta directiva da entidade científica, coordinando esta actividade o profesor José Luis Viejo, expresidente da RSEHN.
O obxectivo do encontro é dar a coñecer o rico patrimonio natural e cultural deste territorio e establecer relacións de carácter científico cunha das entidades máis relevantes de España, que pode concretarse en visitas futuras, investigacións ou na publicación de traballos.
A Real Sociedad Española de Historia Natural
A Real Sociedad Española de Historia Natural (RSEHN) é a institución científica privada máis antiga de España, fundada en 1871 co obxectivo de fomentar o estudo e a divulgación das ciencias naturais. Desde a súa creación, desempeñou un papel clave na investigación e difusión de disciplinas como a zooloxía, a botánica, a xeoloxía ou a paleontoloxía. Ao longo da súa historia, a RSEHN impulsou numerosas iniciativas científicas, como a publicación de revistas especializadas, a organización de congresos e a promoción de expedicións científicas.
Tamén ten contado coa participación de destacados naturalistas e científicos, contribuíndo ao avance do coñecemento sobre a biodiversidade e os ecosistemas da Península Ibérica. Na actualidade, a sociedade segue activa mediante a organización de conferencias, a colaboración con outras institucións científicas e a promoción de proxectos de investigación e conservación do patrimonio natural. Un dos seus presidentes, en 1896, foi o Premio Nobel de Medicina e Fisioloxía e descubridor da neurona, Santiago Ramón y Cajal.
Programa de actividades
O venres pola tarde, o grupo será recibido en Montefurado, á porta do territorio, polo presidente Roberto Castro e o técnico Roi Sampedro, do Xeoparque. Alí visitarán as explotacións romanas e a igrexa parroquial, para logo dirixírense ao Centro de Interpretación da Minaría Aurífera Romana de San Clodio.
O sábado realizarán unha visita a distintos puntos de interese do Xeoparque, como a dobra deitada de Campodola, a Devesa da Rogueira, o Centro da Fundación Legar na “Aldea Paleozoica” da Seara e o Museo Xeolóxico de Quiroga, tralo que quedarán a gozar dos Cantos de Taberna que se celebran nesta vila.
Acudirá ao Xeoparque un grupo de 35 persoas, formado fundamentalmente por docentes e
investigadores de áreas relacionadas coas Ciencias Naturais, da Universidad Complutense de Madrid, a Universidad Autónoma de Madrid e centros de ensino secundario, xunto con alumnado de grao das devanditas universidades. Dentro do grupo cabe destacar a presenza da presidenta da Olimpíada Española de Bioloxía, Consuelo Sánchez, e do presentador e director del programa de Radio Nacional de España, Entre Probetas, José Antonio López (JAL).
