A investigación de Ana Mesía parte da súa tese de doutoramento, defendida en xuño na USC e dirixida polo profesor Juan Monterroso. Baixo o título, ‘O potencial turístico dos conxuntos históricos de Galicia. Vilas e pobos’. Ana Mesía defenderá o seu traballo en Fitur o día 23, fronte a outros dous, nunha xornada técnica.
En Fitur a investigadora porá o foco en Monforte de Lemos e Castro Caldelas, as dúas cidades históricas da Ribeira Sacra declaradas BIC na categoría de conxunto histórico no contexto do enorme poder de atracción turística que está tendo Ribeira Sacra, vinculado ao mundo do viño e aos mosteiros.
O traballo pretende visibilizar a Monforte e Castro Caldelas “Debemos entendelas, visitalas e planificalas como a unión dos bens que forman o patrimonio e o interese polo turismo cultural, que debe ser apreciado e desenvolvido para a conservación da cultura e capaz de captar os aspectos económicos e aproveitalos para a súa comercialización turística desde unha óptica sustentable”, di Mesía. Só deste xeito, conclúe a investigadora, xeraranse fondos que redunden na conservación do patrimonio e que deben contribuír a financiar proxectos de mantemento, rehabilitación, novos usos e conservación.
O galardón ten como obxectivo incentivar, recoñecer e editar os mellores estudos relacionados co sector turístico, favorecendo a difusión deses traballos non eido empresarial.