HomeMedio ambiente e PatrimonioPor Chantada solicita declarar BIC, a romaría tradicional do Corpo Santo

Por Chantada solicita declarar BIC, a romaría tradicional do Corpo Santo

O grupo municipal Por Chantada – Interior Galego Vivo presenta unha moción para solicitar á Xunta a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) da romaría tradicional do Corpo Santo das parroquias de Santa Cruz de Viana e Santa Uxía de Asma, así como do conxunto de prácticas e rituais relixiosos asociados á natureza que a acompañan.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A romaría do Corpo Santo, que se celebra coincidindo co ciclo da Pascua, conserva elementos de grande valor simbólico e histórico. Entre eles, destaca a procesión entre Santa Cruz de Viana e Santa Uxía de Asma, o encontro ritual entre o Corpo Santo e Santa Uxía baixo un arco floral —vinculado ás antigas celebracións europeas da primavera— e os actos de saudación e acompañamento que simbolizan unha alianza entre figuras relixiosas.

Xunto a estes rituais, sobreviven prácticas de fonda raíz popular como o uso da terra do sepulcro do Corpo Santo con fins simbólicos e terapéuticos, ou a utilización da chamada “Fonte do Santo”. Estas expresións amosan a convivencia entre a tradición católica e crenzas vinculadas á natureza, configurando un exemplo excepcional de patrimonio cultural inmaterial.

Desde Por Chantada subliñan que, “estamos ante un dos poucos cultos vivos na Galiza onde aínda se mantén unha relación directa coa terra como elemento simbólico e curativo, o que lle outorga un valor etnográfico e antropolóxico extraordinario”, declara Antom Fente.

A moción tamén pon o foco nos riscos que ameazan a continuidade desta manifestación cultural. O envellecemento da poboación, os cambios nas formas de vida no rural e a ausencia de políticas públicas específicas están a dificultar a transmisión xeracional dos coñecementos e prácticas asociados ao Corpo Santo. A formación considera “incomprensíbel” que unha tradición destas características non teña recibido ata o momento atención institucional, “sen medidas urxentes de protección e valorización, corremos o risco real de perder un patrimonio único que forma parte da identidade colectiva de Chantada e do interior galego”.

Solicitan que o Concello de Chantada asuma un papel activo como mediador entre a veciñanza das parroquias implicadas e a Xunta de Galicia, co obxectivo de iniciar formalmente o expediente de declaración BIC. Facer solicitude formal e razoada á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e elaborar a documentación técnica e gráfica necesaria para sustentar a declaración.

Segundo sinala o grupo municipal, esta figura de protección permitiría “xerarquizar e priorizar as medidas de salvagarda, garantindo a súa preservación e transmisión ás xeracións futuras”, afirma o antropólogo e concelleiro de Por Chantada, Xavier Viana Álvarez.

Mural de Lucía Lobelle, sufragado por varias viciñas co que se mellorou o espazo onde teñen lugar as venias entre o Corpo Santo e a Santa Uxía / IGV.

ÚLTIMAS

Xa se coñecen os gañadores do XII Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra celebrou este sábado a súa xornada...

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela será de libre acceso tamén para o público xeral

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela comezou xa a prestar servizo ás persoas...

A Deputación arranxará a LU-P-4707 que comunica Veneira con Roques na Pobra do Brollón

O representante do PSdeG, Adolfo Rubio, valora que a Deputación se reunise directamente coa...

Chantada mellora as canchas e automatiza o acceso ás Pistas de Tenis

O Concello de Chantada vén de acometer novas melloras nas Pistas de Tenis do...