HomeMedio ambiente e PatrimonioA revista científica Geoheritage vén de publicar un artigo sobre a 'Pedra...

A revista científica Geoheritage vén de publicar un artigo sobre a ‘Pedra Cabaleira’, presente no territorio do Xeoparque

Trátase dunha rocha moi relevante na construción do patrimonio arquitectónico do sur do Xeoparque Montañas do Courel, que aspira á súa declaración como Pedra do Patrimonio Mundial.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A valorización e difusión do patrimonio xeolóxico do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel dá un paso máis a nivel internacional coa publicación na revista Geoheritage dun traballo científico sobre a caracterización da Pedra Cabaleira.

A denominada ‘Pedra Cabaleira’ é unha rocha de orixe sedimentaria, moi ligada ao Val do Sil, no que xa desde a Idade Media foi empregada como pedra de construción reservada a edificacións singulares, como igrexas, castelos ou casas reitorais. Bos exemplos disto poden verse na igrexa románica de San Clodio de Ribas de Sil, na barroca de San Miguel de Montefurado ou no Castelo dos Novais, entre outras construcións, moitas das cales están ligadas ao Camiño de Inverno e á orde relixiosa militar de San Xoán de Xerusalén.

O ARTIGO PUBLICADO NA REVISTA GEOHERITAGE

Roi Sampedro, xeólogo e xerente do Xeoparque afirma que “o artigo recolle os resultados dos traballos de caracterización desta rocha, da que se definiron diferentes tipoloxías en base ás súas propiedades físicas. Trátase maioritariamente de arenitas, conglomerados e brechas, formadas a partir de sedimentos de orixe fluvial e aluvial que foron cementados por óxidos de ferro, o que lle dá a estas rochas unha cor avermellada moi característica e unha aparencia que as diferencia moito das demais rochas da contorna. Este carácter singular no estético motivou o seu uso como material construtivo diferencial nunha área do Val do Sil, que amais do sur do territorio do Xeoparque abrangue tamén os tramos de Valdeorras e parte do Bierzo, onde esta mesma rocha recibe diferentes nomes”.

A revista Geoheritage é a principal publicación científica internacional dedicada ao patrimonio xeolóxico, núcleo arredor do que se articulan as liñas de traballo desenvolvidas nos Xeoparques Mundiais da UNESCO.

A PEDRA CABALEIRA CAMIÑO DE SER CONSIDERADA ‘PEDRA PATRIMONIAL DA IUGS’

A realización deste traballo de caracterización e a súa difusión a nivel mundial é o primeiro paso cara a inclusión da Pedra Cabaleira na denominación IUGS Heritage Stone que pode traducirse como Pedra Patrimonial da IUGS (siglas en inglés da Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas). Esta categoría é un recoñecemento internacional a distintas rochas relevantes na construción do patrimonio cultural, de cara a promover o seu coñecemento, uso e conservación. A lista inclúe actualmente 55 rochas de todo o planeta, entre as que salienta como exemplo máis coñecido o famoso mármore de Carrara, pero tamén representantes ibéricos como o mármore de Macael, o granito do Porto ou, no caso de Galicia, a filita verde de Lugo.

ÚLTIMAS

O Ciclo Mestre Mateo chega este verán a Taboada, A Pobra do Brollón e Sarria

Nesta edición, o público poderá ver un total de oito títulos: Sirât, As liñas...

Premio Escoba de Platino 2026 para Monforte e xa van 4

Esta semana, o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, trasladouse a Madrid para recoller...

Comeza a mellora do campo de fútbol da Ribela en Sarria á que se destinan 516.200€

Este xoves comezaron as obras e visitou as instalacións deportivas o delegado territorial de...

Bendición de Roscas para comezar o día grande das festas de San Antonio, en Monforte

Gran ambiente no comezo de Festas do barrio de San Antonio de Monforte. A...