No seu afán por poñer en valor o patrimonio cultural, histórico e paisaxístico do Concello de Pantón, o colectivo dinamizador Segredos de Pantón organiza unha interesante camiñada xunto coa Asociación Veciños de San Xoán de Toldaos para o domingo 24 de febreiro ás 10:00 h.
Trátase dunha ruta de dificultade baixa, de percorrido circular e de 5 quilómetros de distancia que comeza e remata na explanada do Santuario das Augas Santas. Nun fermoso percorrido poderase visitar o santuario de orixe prerrománica, o seu entorno, o Monte do Castro de Toldaos cos seus restos e o rastro da cultura vitícola na parroquia.
Así mesmo, poderanse coñecer os costumes e tradicións do lugar de Toldaos parando na igrexa parroquial e facendo un alto no Monte da Escrita con vistas 360º de todo o Val de Lemos. Nesta privilexiada situación, de obrigada visita resulta o petroglifo da “Pena da Virxe”, gravado que, segundo indica a organización da andaina, puido ser antecesor e explicación da existencia do santuario de Augas Santas.


Ao rematar haberá uns pinchos no Oca Augas-Santas Balneario e viño por cortesía da Adega Finca Cuarta. Para participar non cómpre inscrición previa e para máis información poden dirixirse á organización no correo segredosdepanton@gmail.com