HomeMedio ambiente e Patrimonio5 espazos singulares do sur da provincia na Semana do Patrimonio Invisible...

5 espazos singulares do sur da provincia na Semana do Patrimonio Invisible que promove a Vicepresidencia da Deputación

Este xoves, 28 de maio, ás 12:00h ábrese o prazo para participar das visitas da II Semana do Patrimonio Invisible da provincia de Lugo. Tras o éxito acadado na súa estrea, esta iniciativa pioneira regresa para abrir as portas de espazos históricos e culturais que, polas súas características, permanecen fechados ao público ou fóra dos circuítos turísticos habituais

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O programa que desenvolve a área de cultura da Vicepresidencia da Deputación ofrece un total de 32 visitas guiadas por toda a provincia. O ciclo desenvolverase ao longo de catro xornadas: o 6, 7, 13 e 14 de xuño. A responsable de Cultura, Iria Castro, explica que “reeditamos unha iniciativa que tivo un gran éxito o ano pasado e que descubre recursos patrimoniais pouco coñecidos, convidando a mirar con outros ollos espazos e edificios que, ás veces, temos moi preto”.

Castro insiste na importancia de promover o coñecemento da diversidade patrimonial da provincia para que o dinamismo social e cultural que xeneran estes recursos chegue a todo o territorio. A selección de lugares ofrece unha enorme variedade de tipoloxías, dende o patrimonio industrial e hidráulico ata o arqueolóxico, etnográfico ou relixioso, entre eles os tres espazos con maior éxito e demanda da primeira edición: o Encoro de Belesar, a Cova de Santalla de Lóuzara e os Manantiais de Mondoñedo.

Así na zona sur da provincia os lugares son:

  • Encoro de Belesar (Chantada). Grazas á Semana do Patrimonio Invisible, poderase realizar unha visita aberta á cidadanía, a público non especializado, a unha das maiores centrais hidroeléctricas de Galicia.
  • Pazo e igrexa de San Pedro de Bembibre (Taboada). Unha dobre visita para coñecer o importante condado de Taboada a través do fermoso pazo-fortaleza do século XV e a igrexa románica, onde descansan algúns dos seus señores.
  • Pozo da neve de Piñeira (Monforte de Lemos). Por primeira vez ábrese ao público a sorprendente bóveda descuberta en Piñeira. Neste monumental “frigorífico” do século XVII, vinculado aos Condes de Lemos, conservábase o xeo para usos medicinais e de luxo, aproveitándose despois como adega.
  • Fonte do balneario da Ferrería (O Incio). Este gran hotel balneario de 1892, construído sobre terreos do Conde de Campomanes, foi o refuxio de veraneo da alta sociedade atraída polas súas famosas augas ferruxinosas. Na visita faremos un percorrido pola aldea para entrar na Fonte das Augas.
  • Cova de Santalla de Lóuzara (Samos). Comparte moitas características coas grutas calcarias da serra do Courel, na mesma área xeolóxica. No seu interior, o tempo e a auga labraron espectaculares formacións cársticas ao longo de milenios, conformando un atractivo e sorprendente espectáculo visual.

Para garantir unha experiencia cultural de calidade e protexer a integridade dos bens, as visitas realizaranse en grupos reducidos. Como novidade, este ano o programa deseñouse por áreas xeográficas diarias. O obxectivo é facilitar que os participantes poidan asistir a unha visita pola mañá e a outra pola tarde nunha contorna próxima.

A participación é de balde, pero require reserva previa na plataforma oficial: patrimonioinvisible.gal. Seguindo unha estrita orde de inscrición, cada solicitante poderá reservar un máximo de 2 visitas para 2 persoas cada unha. As reservas serán confirmadas pola organización mediante correo electrónico.

Iria Castro xunto a César Abella, da empresa Trivium, encargada de guiar as visitas, e Rafael Abraira, da familia propietaria do Pazo de Vilabade, a caron da igrexa e do Pazo / Vicepresidencia Deputación de Lugo

ÚLTIMAS

O enólogo Roberto Regal contribúe ao nacemento da primeira adega comunitaria de carácter público de Asturias

Roberto Regal e o seu equipo, liderado pola enxeñeira Carmen Fernández Ledo, traspasaron fronteiras...

Espertamonforte e BNG denuncian os riscos da ‘Senda Verde Monfortina’

O proxecto de restauración ambiental e creación de sendas peonís nas marxes dos regatos...

Antom Garcia presenta na Pobra do Brollón un ensaio sobre a pegada da emigración galega en Lisboa

A través de fontes históricas e literarias, o ensaio de Antom Garcia Rodrigues indaga...

Triacastela recibe a Antonio Barros e iAlma co espectáculo “O Camiño de Vieiras Amarelas”

Triacastela será este sábado unha nova etapa de "O Camiño de Vieiras Amarelas", o...