HomeMedio ambiente e PatrimonioChantada reparte máis de 1.000 árbores para potenciar a reforestación

Chantada reparte máis de 1.000 árbores para potenciar a reforestación

Este venres, 5 de xuño, celebrouse o Día Mundial do Medio Ambiente, por tal motivo o Concello de Chantada a través das concellarías de Medio Ambiente e Parques e Xardíns pon en marcha a campaña 5R: reducir, reusar, reciclar, respectar e reforestar.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Así este 5 de xuño e aproveitando a celebración do día de feira, o Concello de Chantada instalou na contorna da igrexa nova unha caseta informativa sobre a campaña. Nela o persoal de Parques e Xardíns ofrecía dípticos explicativos e entregaba árbores ás persoas interesadas.

Como se fixo tamén co alumnado de primaria dos CEIP Xoán de Requeixo e Eloísa Rivadulla, entregáronse castiñeiros, carballos e serbais. Tamén participaron da xornada o alcalde, Manuel Lorenzo Varela e o concelleiro de Medio Ambiente, Diego Otero. Desde o concello de Chantada queríase facer fincapé nesta xornada en dúas das R, reforestar e respectar, “Entregamos estas árbores para que a xente as plante nos seus xardíns, con esta xornada queremos potenciar a reforestación e concienciar sobre o coidado das nosas áreas verdes”.

O concello de Chantada desenvolve constantes iniciativas para mellorar a recollida selectiva de lixo e que a xente recicle. No punto limpo melloráronse e ampliáronse as instalacións para a recollida de aveños e grandes residuos, o servizo complétase cos puntos limpos móbiles nas parroquias e cando a tempada o demanda faise a recollida de plásticos agrícolas. “O obxectivo é seguir promovendo estas 5 R, que a xente recicle para que teñamos menos custes na recollida de orgánica e respectar e coidar as nosas zonas verdes. O Concello de Chantada planta cada ano sobre 7000 plantas de tempada nas áreas verdes ou nos arredores do Asma, facemos así unha vila máis verde e máis viva”, asegura o alcalde.

“Hoxe facemos unha chamada á reforestación para que sexa máis habitual e tamén a respectar os nosos espazos verdes, o mobiliario e as nosas zonas de lecer e zonas verdes para que nos protexan da contaminación”, conclúe o rexedor.

Día Mundial do Medioambiente / Concello de Chantada

ÚLTIMAS

Triacastela recibe a Antonio Barros e iAlma co espectáculo “O Camiño de Vieiras Amarelas”

Triacastela será este sábado unha nova etapa de "O Camiño de Vieiras Amarelas", o...

Propostas para mellorar o enoturismo na Ribeira Sacra: redistribución de actividades, ferramentas dixitais e formación do sector

O traballo, Propostas de acción para o enoturismo en Galicia e Rexión Norte de...

Obradoiro de pasatempos en galego para alumnado de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso

O alumnado do CEIP San Clodio, do CEIP de Quiroga e do CPI Uxío...

Alumnado dos centros educativos de Chantada reinterpretan ao artista local Manuel Jorge nunha exposición

A exposición "Manuel Jorge. Unha mirada nova", inaugurada este luns 21 de setembro no...