HomeMedio ambiente e PatrimonioO alto seguimento da 'programación starlight' de Chantada avala o seu potencial

O alto seguimento da ‘programación starlight’ de Chantada avala o seu potencial

As actividades realizadas, todas de balde, incluíron un obradoiro práctico de iniciación á astronomía dirixido a empresarios e emprendedores do sector turístico, varias xornadas de guiado e observación do ceo nocturno, unha charla divulgativa sobre a eclipse solar e un curso de astrofotografía.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O potencial turístico de Chantada medrou e diversificouse nestes últimos tempos grazas a ser considerado o concello como ‘Municipio Starlight’. Este verán, por exemplo, programáronse seis actividades vencelladas á observación nocturna do ceo e as estrelas e todas elas tiveron un alto seguimento. En palabras do alcalde, Manuel Manuel Lorenzo Varela: “contamos cunha elevada participación da veciñanza e tamén de persoas de fóra que aproveitaron a súa estancia en Chantada para asistir as actividades ou ben viñeron a propósito porque lles gusta a astronomía. As prazas dispoñibles enchéronse o que demostra o interese no noso ceo nocturno e as potencialidades que nos ofrece”.

A programación comezaba cun obradoiro de iniciación á astronomía destinado a empresarios do sector turístico e emprendedores. Esta actividade estaba orientada a achegar coñecementos básicos sobre astronomía e a favorecer que os profesionais turísticos incorporaran este recurso ás súas propostas e experiencias para visitantes.

Especialmente significativa foi a resposta ao curso de astrofotografía, celebrado este 4 de setembro e co que se pechaba esta programación. A actividade permitiu achegar aos participantes as principais técnicas e ferramentas para captar o ceo nocturno e descubrir as posibilidades que ofrece Chantada para este tipo de fotografía.

Observación nocturna do ceo nunha actividade do Concello de Chantada. Foto cedida.
VALORACIÓNS

Para o seguimento destas iniciativas desde a Oficina Municipal de Turismo fixéronse enquisas de valoración entre as persoas participantes nas que destacaron a boa acollida das actividades e un notable interese pola astronomía e polo coñecemento do ceo nocturno. “Estes resultados reforzan a aposta de Chantada polo astroturismo como recurso turístico complementario, capaz de diversificar a oferta do municipio, atraer novos públicos e poñer en valor as condicións do territorio para a observación do ceo nocturno”, conclúe o rexedor.

ÚLTIMAS

O recanteiro de Lugo Sur, Julio Ferrín, canta hoxe no Luar

O quirogués Julio Ferrín estréase na sección 'Recantos' do programa Luar da TVG. No...

O GDR Ribeira Sacra-Courel aproba 34 proxectos que mobilizarán máis de 2,5M€ de investimento no territorio

As axudas LEADER buscan impulsar novas iniciativas empresariais, mellorar a competitividade das actividades existentes...

A 48 edición do Rally San Froilán, os días 16 e 17 de outubro, estrea treito en Sarria

As novidades do percorrido son o treito de Baralla, con saída e meta na...

Aberto o prazo de matriculación para a Escola Municipal de Danza de Monforte

O Concello de Monforte informa á veciñanza que a Escola de Danza Municipal comezará...