O Parque Eólico de Barxas -que afectaría gravemente os concellos de Barxas, Oencia, Trabadelo e Veiga de Valcarce (León), O Barco de Valdeorras, Petín e Vilamartín de Valdeorras, Larouco, Pobra de Trives e San Xoán de Río (Ourense), e Folgoso do Courel e Quiroga (Lugo)- pretende instalar 22 aeroxeradores de 121 MW así como unha infraestrutura de evacuación de 53 km. O proxecto do Parque Eólico de Busmaior afecta concellos limítrofes coa administración galega como Oencia, Trabadelo ou Barxas.
Nestas alegacións adúcense diferentes razóns contrarias ás instalacións industriais eólicas:
- Que as instalacións terán danos irreversíbeis no patrimonio paisaxístico e cultural das zonas nas que se sitúa, e, á súa vez, incidirá directamente nunha das áreas de desenvolvemento económico máis importante para boa parte da súa poboación, o turismo.
- Que se producirán danos e prexuízos irreparables na Rede Natura 2000 e, polo tanto, en diferentes Zonas de Especial Conservación.
- Que a instalación dos aeroxeneradores, así como a infraestrutura de evacuación tamén suporán un impacto para a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Navia, considerada como unha área de gran valor ambiental, e da futura reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Iribio e Courel.
- Que o proxecto carece dunha avaliación do impacto socioeconómico que causará sobre as explotacións forestais e madereiras da área afectada, e sobre as explotacións de cultivo de viñedos e soutos nos territorios afectados.
A “Plataforma Eiquí Eolicos Non” ten como obxectivo reunir centos de alegacións e visibilizar a oposición cidadá á instalación da industria eólica en territorios sensibles, que se verían afectados de forma irreversíble pola implantación de muíños de 200 metros de altura (tres veces a catedral de Santiago) e unhas liñas de evacuación eléctrica que atravesarían soutos e viñedos.
“Eiquí Eólicos Non”, através das súas redes sociais, como a páxina de facebook Courel Livre de Eólicos, acompaña a recollida de alegacións con outras actividades de información e sensibilización, como a serie de vídeos da campaña #retoantiespolioeolico onde numerosas persoas e organizacións se comprometen a loitar contra a “invasión eólica”.
A Plataforma informa de que cada día se suman máis persoas aos grupos e comisións de traballo organizativo e que esta loita colle máis enerxía colectiva a cada paso. A indignación crece a medida que a poboación recibe información de como afectarían os muíños e as redes de alta tensión os territorios afectados.
“Eiquí Eólicos Non” advirte que o espolio eólico é unha agresión que está a orixinar que centos de asociacións de toda Galicia estean a se organizar nun movemento social apartidista que reúne veciños e veciñas que defenden a súa forma de vida e o patrimonio colectivo, en defensa dun rural activo, sustentábel e con futuro.
A “Plataforma Eiquí Eolicos Non” está composta por colectivos como a Asociación A Volta Grande do Courel, Asociación a Fonte do Milagro, Asociación Veciñal e Cultural de Vieiros, Pía Paxaro, Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel, Comunidade de Montes de Órreos, Asociación Galega de Custodia do Territorio, Colectivo Arte Lixo, Asociacion de Indignados de Xestoso ante os abusos medioambientais, Outonía s.coop, Plataforma vecinal Rural Sostenible e a Asociación Cuidemos a Terra. En conxunto fan esta chamada á poboación para asinar alegacións contra os Parques Eólicos de Barxas e Busmaior.