O problema da presión coa que chega a auga a uns bloques de vivendas no barrio do Hospital de Monforte, concretamente os edificios que hai onde o Mercadona, seica vén de atrás pero este mes de xullo estase agravando segundo manifestan os veciños e así nos fai saber a presidenta dun dos bloques afectados.
“Os problemas máis serios chegan co verán, tamén cando hai algunha avaría, pero sobre todo no verán”, dinos esta veciña e presidenta dunha das comunidades de veciños afectada. “Non hai presión dabondo a partir do terceiro piso non podendo poñer lavadoras e nalgúns casos non chega a acenderse a caldeira”, refire tamén.
As lavadoras acostuman a estar no derradeiro piso dos edificios, nos rochos, co cal a altura é xa a dun oitavo piso co cal a falta de presión impide por momentos que poidan funcionar co consecuente prexuízo doméstico para as familias.
“Ás veces tamén nos atopamos que chega un fiíño de auga para ducharse”, apunta a nosa interlocutora poñendo exemplos puntuais das incomodidades que provocan estas incidencias, sinalando ademais que entre as 19:00 e as 22:00 h. é cando máis problemas de presión se dan.
“Ás veces tamén nos atopamos que chega un fiíño de auga para ducharse”
Segundo refire a veciñanza, o tema xa se lle leva trasladando dende hai tempo a Aqualia, empresa concesionaria do servizo de augas en Monforte, e este pasado mes con máis motivos polos problemas que se están dando. Trasladaron, segundo nos contan, tamén por escrito e esperan algunha comunicación formal sobre o problema, pero sobre todo queren solucións.
Esta presidenta coa que falamos dinos que, comunicadas as incidencias, algún encargado de Aqualia ten chegado a dicir que “o problema podía ser porque hai veciños que enchen as piscinas e regan as hortas”.
Estas pasadas semanas veciñas e veciños tamén se queixaron a través das redes sociais e trasladáronlle o tema á Asociación Barrio do Hospital. Falamos co seu presidente, Miguel Pino, que afirma terse ofrecido á veciñanza afectada para acompañalos a Aqualia e incluso para trasladar algún escrito se fixera falta.
Este medio comunicouse tamén con Aqualia para trasladarlles esta queixa veciñal e que nos desen a súa opinión ao respecto. Falamos co Sr. José Arce quen nos dixo que revisaría o historial de incidencias e trasladaría un comunicado en canto lle fose posible.