HomeMovementos sociaisA comunicadora feminista Pamela Palenciano chega a Chantada da man da asociación...

A comunicadora feminista Pamela Palenciano chega a Chantada da man da asociación Polamiúda

A actriz e activista feminista interpretará este venres 14 de febreiro pola mañá o monólogo 'No solo duelen los golpes' para os IES Lama das Quendas, Val do Asma (Chantada) e IES Daviña Rey (Monforte). Xa pola tarde, ás 20.00 horas, participará nunha palestra aberta ao público no Auditorio Municipal baixo o título 'Mulleres, violencia e igualdade nas artes'.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

A asociación ‘Polamiúda’ de Chantada organiza este vindeiro venres 14 de febreiro unha interesante e completa xornada feminista que contará coa presenza da recoñecida actriz e comunicadora feminista Pamela Palenciano.

Pola mañá, e co obxectivo de facer reflexionar á mocidade sobre as violencias machistas, interpretará o seu monólogo ‘No solo duelen los golpes’ ás 12.00 horas en exclusiva para os IES Lama das Quendas e Val do Asma (Chantada) acudindo tamén á cita o alumnado do IES Daviña Rey de Monforte. En ‘No solo duelen los golpes’, Palenciano recrea a situación de violencia machista que viviu na súa adolescencia. A comunicadora leva máis de 20 anos representando o seu monólogo por todo o Estado, traballo polo que ten recibido ameazas, insultos e incluso unha denuncia de Hazte Oir e a Asociación de Avogados Cristiáns. 

Aproveitando a presenza de Pamela Palenciano, Polamiúda daralle continuidade á xornada para tratar as violencias machistas no eido das artes –un eido que por desgraza tampouco está libre de violencias, desigualdades e acoso–, contando coa súa participación na palestra ‘Mulleres, violencia e igualdade nas artes’ ás 20:00 h. no Auditorio Municipal de Chantada. O acto estará aberto a todo o público e contará, ademais de con Palenciano, coa actriz e dramaturga que vén de estrear ‘Vitória, retrato dunha denuncia’ (peza autobiográfica sobre o acoso sexual), Iria Pinheiro; coa actriz, directora de intérpretes e docente na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e membro da Comisión de Igualdade da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, María Francelina; con outra intérprete e presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Arantza Villar; e coa consultora en Promove, empresa que prestou a asistencia técnica para a elaboración do Protocolo contra o acoso sexual e por razón de sexo/xénero nas artes escénicas e musicais de Galicia, Fátima Rodríguez Figueiras.

O obxectivo de xuntalas é que conversen e reflexionen sobre a realidade do sector das artes para as mulleres, as violencias que reciben e os mecanismos dos que dispoñen para mudar o escenario e que o sector das artes sexa un lugar seguro para técnicas, directoras, actrices, bailarinas, produtoras… 

A entidade organizadora anima á participación no acto e lembra que será “a primeira palestra que se organiza tras a aprobación do Protocolo contra o acoso sexual e por razón de sexo/xénero nas artes escénicas e musicais de Galicia, de seguro que o debate será moi enriquecedor para participantes e asistentes”.

ÚLTIMAS

“O tamaño do Gran Fachón non se desvela ata o propio día”, Sara Inés, Alcaldesa de Castro Caldelas

Como cada ano, e para non faltar á tradición, o 19 de xaneiro celebrarase...

Información ambiental para a veciñanza no Concello da Pobra do Brollón

O equipo de Axentes Ambientais, dependente da Consellería de Medio Rural, ofrece atención á...

Charla sobre a antiga bailía templaria de Canaval

A conferencia, a cargo de Almudena Bouzón Custodio, doutora en Historia Medieval pola USC, abordará...

IGV denuncia que “o campo galego véndese aos lobbies en Bruxelas”

IGV lamenta nun comunicado que moitos partidos estatais practican un duplo rexistro "para enganar...