O CPI Poeta Uxío Novoneyra vén de poñer en marcha unha iniciativa, “Palabra no tempo”,coa que se procura que a veciñanza de Folgoso do Courel doe as súas palabras ás xeracións máis novas. Elaboraron varios de cadernos que foron repartidos polo alumnado en lugares como os Centros de Saúde, Casa do Maior, Concello, farmacias, tendas de alimentación e bares co obxectivo de que voluntariamente a xente informe das súas palabras e/ou expresións que crean que poden desaparecer ao non ter presenza na fala no día a día ou que estean a empregarse de xeito moi residual. Ademais dos cadernos onde se poden deixar as palabras, tamén contan cunha versión dixital, na que se poden facer chegar as achegas a través da seguinte ligazón: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSeTyKqDZ4NP3COoxcqOxmxMTeldAv4fgger4yK_qosR7KEFJg/viewform?pli=1
PALABRAS E EXPRESIÓNS
Carrozo, espoilanado, laparicar, malacote, reprexo, zampexa, bolécora, moradella, esfragadoiro, candente, ganceallo, coza, carpanza, estar lento, oví galán!, … son algunhas das case de 100 palabras que xa se rexistraron nunha primeira sondaxe realizada por todo o alumnado do centro. Todo este traballo susténtase no Plan Proxecta “Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional”, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela.

