A Asociacion de Veciños O Bubaíño leva organizando a Feira da Carne ao Caldeiro desde os seus comezos no ano 2000. A idea desta exaltación gastronómica xurdiu nun momento no que o sector cárnico estaba a pasar por un momento difícil. A poboación de Castro e todo o concello viven principalmente do sector agro-gandeiro e sector servizos. Castro, en concreto, ten dúas feiras ao mes os días 17 e 29, e nelas despáchase carne ao caldeiro e con moito éxito dada a calidade da materia prima e a súa elaboración ao xeito tradicional con leña de carballo.
No ano 2000, por mor do problema que houbera coas vacas tolas, produciuse unha diminución na venda e dende a asociación tiveron unha gran idea. Tiñan claro que o problema non xurdira nin por culpa dos produtores de carne nin dos carniceiros do lugar e decidiron exaltar a carne ao caldeiro para escorrentar o medo ás ‘vacas tolas’ e demostrar a confianza que tiñan na súa xente e o seu produto. Asunción, “Hita para os amigos/as” contounos cousas moi interesantes ademais da peculiar orixe desta celebración.
Como foron os inicios?
Os inicios foron difíciles pois non contamos nos 7 primeiros anos con ningún tipo de axuda de ningunha administración.
A festa cumpre dezanove anos, sempre a organizastes vós?
Contamos só cos veciños do pobo de Castro que sempre colaboraron voluntariamente para levar esta festa a cabo. Como non tiñamos recursos económicos, os primeiros sete anos facíamos que coincidise co San Lázaro (festa parroquial) e as 4 casas -Mari Carme, María José, Eutimio e Benito- cocían a carne ese día para despachala como unha feira máis.
A partir do 2007 contamos cunha subvención da Xunta de Galicia e demos o paso para convertela no que é hoxe. Unha Feira debaixo dunha carpa con exposición e venda de produtos locais, artesanía, exposición e degustación de porco celta, fabas de Lourenzá, queixo. O Concello de Carballedo tamén axuda algo desde o pasado ano.
Estas pequenas achegas económicas supoño que axudan pero a esencia desta festa está no traballo do pobo, verdade?
A feira medrou en parte por eses apoios pero mantén a súa esencia popular grazas ao asociacionismo. Segue a colaborar todo o pobo para sacala adiante, dende as casas que cocen os días de Feira cocen para a Asociación debaixo da carpa como os veciños que serven e atenden ao público que se achega. Aquí non se contrata a ninguén, non hai subcontratas (risas). Fano todo os veciños/as e a carne segue a cocerse de xeito tradicional, con leña de carballo.

Que representa para o Concello de Carballedo esta data? Vén moita xente de fóra da Comarca de Chantada?
Para o Concello de Carballedo é unha data importante posto que puxo o nome do concello no mapa. Grazas á festa deuse a coñecer a poboación de Castro e o Concello de Carballedo de cara ao turismo. A esta festa acode xente de todo Galicia, ademais da comarca e da zona de Ourense. Cada ano sorpréndenos a xente que se achega de fóra da Comunidade, como é Barcelona, Ponferrada, etc. Reservan a fin de semana para asistir.
Canta carne se pode consumir o día da festa e en que cifra de comensais tendes o récord?
Nesta festa consúmese unha tonelada de carde ao Caldeiro e uns 400/500 quilos de richada, depende do ano. Contamos con ofrecer unhas 3.000 racións, incluídas as encargas que se levan para as casas da contorna.
Para poder xantar o día 7 hai necesariamente que reservar ou pódese chegar e ter acceso a degustar algunha ración de carne ao caldeiro?
Mellor é reservar porque a asociación arrisca quilos, pero non pode arriscar o dobre das encargas, posto que a feira autofinánciase. De tódolos xeitos, sempre hai carne richada que non é necesario encargar.

Un pregoeiro distinguido para esta ocasión, cóntanos.
Anxo González Guerra, veciño de Trasar de Carballo en Carballedo. É filólogo e foi profesor de galego levando varios premios nacionais á innovación educativa.
O máis importante, desde o noso punto de vista, é que meteu o mundo rural dentro das aulas. Sempre estivo preto do rural, facendo actividades como o estudo dos topónimos dos lugares de Carballedo, recolleu e mantén o patrimonio inmaterial de Carballedo como ditos, refráns e contos, así como o vocabulario propio do sector agro-gandeiro.
Carballedo é un deses concellos do interior de Galicia que case non se sabe que existe. É pola pouca actividade que tedes ou porque os medios non miran moito para vós?
Carballedo é pouco coñecido, pero consideramos que estamos a facer un esforzo importante entre concello e asociación para cambiar isto. E actividade temos bastante, na Asociación de Veciños O Bubaiño non paramos (risas).
Esta asociación leva feito, ademais da organización desta feira da carne, rutas de sendeirismo, está a traballar para promover o turismo no concello. Desde o punto de vista cultural fixéronse actividades como o Xirifolk -festa folk-, actividades con Pablo Carpintero e contamos cunha escola de música infantil -Homenaxe a Nicanor Rielo Carballo- Tamén traballamos no mantemento do pobo de Castro, na súa limpeza, na poda de árbores, defendemos os servizos básicos, como foi a creación e mantemento do centro de Saúde, pechado recentemente ,etc.
En relación aos medios pensamos que, en xeral, non atenden moito o labor de asociacións como a nosa. Aproveitamos aquí para darvos as grazas por atendernos e contar connosco.
Para os que se barallen a opción de achegarse a Carballedo por primeira vez este domingo, como os convencerías? E aqueles que ademais de comer queiran coñecer a contorna, que lles recomendarías para ver?
Aqueles que nos visiten por primeira vez diríalles que veñan a probar a carne cociñada de xeito tradicional como xa non se fai en ningún outro lado. Gozarán do encanto que ten este pobo, que namora a todos/as os que se acercan, e desfrutarán tamén do agarimo co que os veciños de Castro os acollerán, que dan ese día, como moitos outros, todo o que levan dentro.
Ademais da gastronomía poden aproveitar unha contorna natural única. Castro é unha porta de entrada á Ribeira Sacra, ten sendeiros incribles, miradoiros naturais, arquitectura románica -Monasterio Santo Estevo de Chouzán por exemplo- tanto civil como relixiosa, enormes e fermosas Carballeiras que lle dan nome ao concello e, como non, o Carballo de Cartelos, o máis antigo de Europa con máis de 1500 anos.
programación da xix feira da carne ao caldeiro
12:00 h. Apertura de postos de artesanía e produtos locais.
12:45 h. Pregón a cargo de Xosé Anxo González Guerra.
13:00 h. Degustación de produtos das cooperativas de porco celta, faba de Lourenzá e Requeixo.
13:30 h. Xantar no recinto feiral.
16:00 h. Actuación musical.
A xornada festiva estará amenizada polo Grupo de Gaiteiros OS CHANTADINOS.