HomeOpiniónCousas xacobeas: Santo Estevo de Calvor

Cousas xacobeas: Santo Estevo de Calvor

Puntos de interese no Camiño Francés localizados na etapa que transcorre entre Triacastela e Sarria.

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

O Camiño Francés entra no Concello de Sarria mesmo pasada a última casa do lugar da Furela (Samos). Desde alí ata o Albergue “Paloma e Leña”, ao longo de tres quilómetros e medio, encóntranse toda unha serie de referencias e lugares históricos vencellados ao Camiño de Santiago e modernas actividades xurdidas darredor do feito da peregrinación.

Pertenceu a maior parte desta parroquia, integrada en Sarria en 1840, á xurisdición da Abadía do Samos, agás algunhas casas de Pintín que eran do Marquesado de Sarria e da parroquia de San Martiño de Louseiro.

A chaira de a carón da Furela garda na súa toponimia a lembranza da desaparecida parroquia medieval de San Lourenzo de Pacios.

En 1753 había na freguesía ata un total de oito mesóns repartidos entre os lugares de Pintín e Aguiada, concentración xustificada polo feito de ser “estación ante e post porto” na etapa do Cebreiro e lugar de confluencia co Camiño de Lemos a Asturias. Na actualidade
en Pintín, aldea ben acondicionada, hai un moderno establecemento hostaleiro orientado á atención a peregrinos e no rueiro conserva o pozo que séculos atrás saciaba a sede dos peregrinos.

Pasado o lugar de Pintín, e preto da calzada xacobea, están o Castro de Calvor e a igrexa parroquial de Santo Estevo de Calvor, ás veces denominada de San Bartolomeu de Calvor, pervivenza do mosteiro medieval  fundado polo monxe Adilán no ano 785 -coñécese polo Tomo de Samos a carta fundacional-, baixo do “Castro Astórica” e “in Villa Calvaria”, mosteiro que acabou sendo anexionado por Samos. Na igrexa consérvase un valioso capitel de orixe suevo-visigótica, xemelgo do que se garda en San Pedro de Seteventos.

Á altura do moderno Albergue de Peregrinos de Calvor -antiga escola-, de titularidade da Xunta de Galicia, na paraxe coñecida como A Pedra de Calvor, lugar de cruzamento do Camiño Francés de Santiago e o Camiño de Lemos a Asturias, houbo unha grande pedra fita que dividía as xurisdicións de Samos e do Condado de Sarria. Era neste punto onde acudían os abades e monxes samonenses a renderen pleitesía aos reis cando estes pasaban cara Compostela.

No lugar da Aguiada houbo un Hospital de Peregrinos, do que fai memoria a casa que leva ese nome, e no século XVIII alzouse neste unha capela baixo a advocación da Nosa Señora da Asunción -errónemante citada ás veces como da Nosa Señora do Carme- que ten a carón un Peto de Ánimas. A vella Casa da Tulla, onde se axuntaban rendas señoriais de Samos, vai camiño de se converter nun partiñeiro, o mesmo que sucedeu con outras edificacións do lugar. Vai perdendo o seu carácter de poboación lonxitudinal ao longo da antiga calzada, vendo como son substituídas as edificacións por outras que
desvirtúan a beleza do conxunto. No lugar, tan só unha cantina recorda hoxe a tradición hostaleira daqueles mesóns que acolleron peregrinos, maragatos e traxinantes que aquí principiaban ou remataban a longa xornada de pasaren o penoso porto do Cebreiro.

Pasado o lugar da Aguiada, despois do cruce co Camiño da Feira da Esfarrapa, un moderno Albergue privado sinala a estrema Oeste da parroquia.

Entre A Furela e San Mamede do Camiño, nos treitos coincidentes coa estrada de Samos a Sarria por Pintín, a Deputación Provincial de Lugo levou adiante un labor de recuperación da traza, evitando o asfalto, para mellorar a seguridade do camiñante, e iso é merecente de eloxios, como mostra de ben facer.

Emporiso é de necesidade, por unha parte acondicionar o treito anterior ao Albergue Público, por baixo da igrexa, un tanto descoidado, e habería que darlle unha maior protección a toda a contorna do Castro e Igrexa de Calvor, non só polo seu valor histórico, senón polo seu valor paisaxísitico.

Na Aguiada conflúe a variante actual do Camiño que pasa por Samos, e no lugar de Perros, no que houbo oleiros, merecen atención o Pazo dos Balboa, a Capela da Nosa Señora do Camiño e o seu campo. No lugar da Barxa, alonxado da ruta das peregrinacións, estivo o mosteiro de San Salvador de Barxa, seguido por unha tamén desaparecida capela, e no casar da Cal hai aínda unha sinxela capela. O Castro de Allariz completa o listado dos lugares e puntos de interese histórico existentes nesta pequena parroquia, primeiro espazo sarriao co que toman contacto os peregrinos.

Son once os puntos de interese histórico existentes nesta pequena parroquia e aínda hai que engadir que en Perros naceu dona Clara Balboa, nai do Padre Sarmiento, e de Pintín era natural o pai de López Ferreiro, o insigne historiador compostelán.

ÚLTIMAS

En outubro aumentou en 110 o número de parados no centro-sur da provincia

Paro comarca de Sarria no mes de outubro 751 (+35): O Incio 32 (-1) Láncara 73...

O BNG de Monforte reclama transparencia no proceso selectivo da Policía Local

Os nacionalistas aseguran que as informacións publicadas sobre os resultados da primeira proba, na...

“Os dous de sempre”, do dúo Mofa & Befa, este 5 de novembro no Multiusos de Monforte

A función enmárcase na programación cultural impulsada polo Concello de Monforte a través da...

Magosto-pancetada e teatro para a fin de semana en Pantón

Despois de celebrar con grande éxito o Samaín a pasada semana, o vindeiro sábado,...