HomeOpiniónOPINIÓN: Contra a política

OPINIÓN: Contra a política

Reflexión sobre a desafección política, un cabreo social que vai en aumento.

Publicado o

POR
C. Rodríguez Díaz
- Advertisement -

Non se debe pensar mal, ou si?

Hai quen di que detrás de cada medida de política económica e laboral hai unha man perversa (transformada en poder económico) que move con forza os fíos para que iso ocorra. Tamén hai quen di que iso son cousas de xente que gusta de ver conspiracións por todos os lados.

Pero independentemente dos motivos e das mans que poidan influír nas decisións, o certo é que os resultados que están producindo esas medidas si que son perigosas para o conxunto da cidadanía, porque afectan á saúde, aos coidados, á formación das novas xeracións; en definitiva, á calidade de vida da maior parte da poboación.

“con motivo das sucesivas repeticións electorais, vénse trasladando á cidadanía a idea/imaxe de que os responsábeis políticos están a todo menos a pensar nos problemas da xente”

Para contribuír á confusión, nos últimos tempos, con motivo das sucesivas repeticións electorais, vénse trasladando á cidadanía a idea/imaxe de que os responsábeis políticos están a todo menos a pensar nos problemas da xente.

O peor de todo isto non é a imaxe que cada quen pode dar senón que están difundindo, coa inestimable axuda dalgúns medios de comunicación, a idea de que a política non vale para nada, están transmitindo a idea da antipolítica.

Aquí é onde reside o problema porque se algo se pode asegurar é que canto máis deteriorada estea a política, cada vez será máis forte a idea da antipolítica e, como consecuencia dela, máis fácil e menos custoso será enganar á cidadanía e terxiversar as súas necesidades. Porque a única maneira que ten de influír nas decisións que afectan á súa vida a cidadanía de a pé é, precisamente, a través da política. Vostede, a través da política, pode contribuír a decidir se goberna un partido ou outro, pero vostede non pode ofrecerlle a un político un retiro dourado para que lexisle ao seu favor, como si o fan bancos, eléctricas, telefónicas, fondos de pensións…

Como consecuencia do deterioro da política e o auxe da antipolítica está a suceder que, en cada cidade, cada vez sexa máis difícil atopar xente que queira dedicar á política parte da súa vida, cada vez é máis difícil achar persoas que queiran participar e colaborar nas listas electorais de calquera partido.

“cada vez resulta máis difícil encontrar persoas intelixentes e competentes que queiran dedicarse á política”

Poderíase afirmar que cada vez resulta máis difícil encontrar persoas intelixentes e competentes que queiran dedicarse á política, motivo polo que, entre outras cousas, estanse a encher os postos de responsabilidade de xente mediocre, máis fácil de manipular e máis proclive á corrupción –un mal endémico que xa coñecemos- o que abonda no desprestixio da política e aboa o terreo para presentar a antipolítica como a única solución.

A cidadanía pasamos o tempo cabreándonos ao saber canto ganan os políticos, onde viaxan, canto gastan e con quen comen. Pero mentres nós dedicamos o noso tempo a morder este anzol, centos de empresas, fundacións, entes diversos, et, dedícanse a xestionar miles de millóns de euros -nosos- dunha maneira opaca e arbitraria.

Ao final a conclusión está servida: todos os males que sufrimos a cidadanía do común (que “vivimos por riba das nosas posibilidades”, que queremos cobrar unha pensión digna, que queremos un subsidio de enfermidade ou un seguro de desemprego para cando veñen mal dadas, que queremos ter un sistema sanitario que atenda as nosas doenzas) semella que son “culpa dos políticos” e que non ten nada que ver coas grandes fortunas, instaladas nos cómodos paraísos fiscais que inflúen para que iso sexa así.

“os únicos que sempre se preocupan da política son, precisamente, esas fortunas, eses oligopolios que están a converter a democracia nunha plutocracia”

Aínda que non o pareza, os únicos que sempre se preocupan da política son, precisamente, esas fortunas, eses oligopolios que están a converter a democracia nunha plutocracia (goberno dos ricos).

Así que, se queremos asegurar o estado de benestar, sigamos o seu exemplo, preocupémonos pola política e axudemos a que a antipolítica pase a mellor vida; non debemos estar contra a política, do contrario, pronto nos arrepentiremos.

ÚLTIMAS

Campus de Voleibol e de Fútbol en Quiroga

O Concello de Quiroga poñerá en marcha un ano máis, e xa van 5,...

O Concello de Chantada aumenta a capacidade e mellora os servizos do punto limpo

O Concello de Chantada vén ampliando e mellorando o punto limpo do municipio desde...

305.000€ para un novo aparcadoiro no Polígono do Reboredo en Monforte

O aparcamento actual, que se ubica na marxe esquerda da vía principal do Polígono,...

Aberto o prazo para a ludoteca de verán de Triacastela

As actividades da ludoteca terán horario de 09:30 a 14:00 horas. Ofértanse 20 prazas...