InicioOpiniónOPINIÓN: Adaptación da xornada de traballo

OPINIÓN: Adaptación da xornada de traballo

A coñecida como 'xornada á carta', unha mellora dos dereitos laborais relacionada coa conciliación da vida familiar e laboral que chegou coa reforma do Estatuto dos Traballadores o pasado mes de marzo.

Publicado o

POR
Xanín Carpinteiro
- Advertisement -

Ata hai moi pouco calquera concreción horaria tiña que ir da man dunha redución de xornada por coidado dun menor de 12 anos (14 anos nalgúns Convenios Colectivos), solicitude que se efectuaba ao amparo do artigo 37, apartado 6 do Estatuto dos Traballadores. Esa concreción horaria tiña que producirse dentro da xornada ordinaria do traballador ou da traballadora, sen prexuízo de que os Convenios Colectivos establecesen criterios para a concreción horaria da redución de xornada, en atención aos dereitos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral da persoa traballadora e as necesidades produtivas da empresa. Sendo realistas hai que recoñecer que moitos convenios o que fan é remitirse ao artigo citado do Estatuto dos Traballadores, sen innovar nada que supoña unha mellora para os traballadores.

O anterior significa, por unha banda, que cando se quería concretar a xornada laboral -establecer un horario concreto ou mesmo pedir unha quenda de traballo fixo en empregos nos que se traballa en quendas rotatorias ou en distintos horarios por semanas alternas…- había necesariamente que pedir unha redución de xornada coa consecuente redución salarial proporcional. É dicir, para poder conciliar a túa vida laboral coa familiar tiñas que perder necesariamente parte do teu salario. Non en poucas ocasións a redución de xornada pedíase co único fin de poder concretar o horario (non porque se tivese necesidade de reducir as horas diarias de traballo), habitualmente para poder conxugar o teu horario co horario escolar do menor de 12 anos.

Fronte a estas peticións a empregadora adoita responder con dous argumentos que se reducen a: só pode concretar o seu horario dentro da súa xornada ordinaria (resposta que dan reiteradamente cando o traballo é a quendas ou en horario partido) e as necesidades organizativas da empresa impídeno. Por suposto cabe negociar, é habitual tamén que entre a persoa traballadora e a empregadora se fagan propostas e contrapropostas a fin de axustar os intereses de ambas. Cando non se alcanza ningún acordo, alá imos ao Xulgado do Social cos dous escollos argumentativos cos que nos desafía a empresa. É en Sala onde tras a práctica da proba o/a Xuíz/a decide qué dereito prevalece, decisión fronte á que non cabe recurso.

Aínda que existen Convenios Colectivos que recollen melloras importantes en relación con este dereito para conciliar, son os menos e adoita tratarse de Convenios Colectivos relacionados coa Administración Pública ou con sociedades xestionadas polo Estado e outras entidades territoriais ou os Convenios de ex empresas públicas ou das que eu chamo súper empresas como as entidades bancarias, etc.

Entón, cal é a nova medida laboral que o Goberno introduciu no Estatuto de Traballadores e que tanto está a dar que falar, a chamada “xornada á carta”?

O que está dando tanto que falar é o artigo 34, apartado 8, do Estatuto dos Traballadores, que nos di que as persoas traballadoras teñen dereito a solicitar as adaptacións da duración e distribución da xornada de traballo, na ordenación do tempo de traballo e na forma de prestación, incluída a prestación do seu traballo a distancia, para facer efectivo o seu dereito á conciliación da vida familiar e laboral, sempre que esas adaptacións sexan razoables e proporcionadas en relación coas necesidades da persoa traballadora e coas necesidades organizativas e produtivas da empresa. Para o caso de que teñan fillos ou fillas, hai dereito a efectuar a devandita solicitude ata que estes cumpran 12 anos. Aínda que o artigo di que os termos do seu exercicio pactaranse na negociación colectiva, tamén dispón que en ausencia de convenio, a empresa, ante a solicitude da adaptación da xornada, abrirá un proceso de negociación co/a traballador/a durante un período máximo de 30 días, tras o cal, a empresa terá que comunicarlle por escrito se acepta a petición, se non a acepta pero expón unha proposta alternativa ou se sinxelamente non o acepta.

Ben, o contido do artigo 34.8 ata a reforma que entrou en vigor en marzo deste ano, recoñecía o dereito á adaptación da duración e distribución da xornada de traballo nos termos que se establecesen na negociación colectiva ou por acordo co empresario. É dicir, só se recoñecía se viña establecido no Convenio Colectivo de aplicación e co alcance en que este o regulase ou ben, se a empresa e o/a traballador/a alcanzaban un acordo.

A reforma introduciu un cambio notable, importantísimo; regúlese ou non no Convenio Colectivo, a empresa, cando reciba unha solicitude de adaptación da xornada, ten que abrir negociacións durante 30 días e responder concedéndoa, denegándoa ou ofrecendo unha alternativa. Aínda está por ver que van dicir os Xulgados do Social se a empresa incumpre co mandato de abrir un período de negociación dos 30 días, ao meu modo de ver, tería que sancionarse coa concesión da adaptación da xornada solicitada pola persoa traballadora. En todo caso, unha vez finalice o período de negociación se a empresa contesta denegando a petición, haberá 20 días hábiles para expor perante o xulgado a correspondente demanda.

Outro efecto, na miña opinión de enorme calado, é a independencia e autonomía da adaptación da xornada, a solicitude xa non vai supeditada a unha redución de xornada e, polo tanto, a unha redución salarial. Pode solicitarse a adaptación do horario cumprindo o mesmo número de horas en cómputo anual, mensual ou semanal. Ábrese a porta a miles de traballadores e traballadoras que ata o de agora se vían imposibilitados na práctica para pedir esa concreción horaria porque non podían permitirse o luxo de ver mermado o seu salario todos os meses. Todo apunta a que isto agora acabouse.

Agora ben, non te durmas lura, porque os Xulgados non a están regalando, en realidade, na práctica do foro vén esixindo cumprida proba, igual que antes, porque os Xuíces e as Xuízas están a esixir tanto á empresa que probe as causas polas que non acceden á concesión do dereito como ás persoas traballadoras que necesitan esa adaptación ( razoabilidade, proporcionalidade, necesidade,…). Xa hai sentenzas desestimatorias da pretensión obreira.

Por outra banda, a disparidade de Convenios sitúanos ante situacións tales como que, por exemplo, unha persoa que traballa nun supermercado “X” da provincia de Lugo, teña dereito a conciliar ata que o seu fillo/a cumpra os 12 anos, e unha persoa que traballa nun supermercado “X” da provincia da Coruña, teña un dereito para conciliar ata que fillo/a cumpra os 14 anos. Quizais os sindicatos deberían empezar a apertar as tacholas alí onde se ve que están soltas.

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...