O que foi o primeiro camiño xacobeo na veiga de Sárria, aproveitando a vella ponte romana da vía de Lucus ao Courel, pasou a ser, cando naceu a Vilanova de Sárria, unha vía secundaria só utilizada se a Ponte Ribeira, en estado ruinoso, non permitía entrar na vila.
Esta variante, con orixe na Cima da Agra, e que remataba na Cruz de Pradeda, na esquerda do “río da Sárria “, cunha lonxitude duns 1.500 metros, tiña o seu mellor sinal de identidade na Ponte de Vilar de Sárria (que agora chamamos A Ponte Vella ), que ademáis de estar na rota xacobea-Camiño de Castela- era lugar de confluenza do camiño que por Aranza seguía a Asturias e do Camiño da Esfarrapa onde se unía ao Camiño Francés de Viduedo a Lugo.
Neste curto traxecto na parroquia de Vilar de Sárria o camiño pasaba por Mendrós, evitaba a desaparecida Lagoa de Mendrós, e polo Cruz de Mendrós, igrexa de San Salvador de Vilar de Sárria e A Nogueira alcanzaba A Ponte, onde os veciños da parroquia, no século XIX, sostiñan unha taberna. Pasada a Ponte, polo Caneiro, Pradeda e a Cruz de Pradeda, o camiño ía pola Carreira de Santa Mariña (hoxe Rúa Diego Pazos) ata entrar na Pobra de Sárria polo Arrabaldo.
Ademáis da igrexa románica, perto do camiño estaba a Capela de Santo Alberte, co seu Campo, non lonxe do paraxe da Malata, que nos leva a considerar a existenza dun lazareto para atención de gafos ou leprosos, parello ao de San Lázaro, en Maside. Tamén o topònimo da
Casa Erma indica a existenza dun desaparecido casar

.A Ponte de Vilar de Sárria era propia do Rexemento de Vila de Sárria e, o mesmo que nas outras tres pontes de pedra da vila, exercía o seu dereito de pontaxe, de maneira que aqueles que a atrevesaban con carros ou cabalerías tiñan que pagar peaxe. Os que evitaban ese pagamento atravesaban o río Sárria no Porto da Veiga, un vao practicable cando a corrente ía baixa.
Perto do treito do camiño, non lonxe da Nogueira, ao facer unhas obras de rebaixo duns prados, apareceu nos anos 1920 a coñecida estela funeraria de Vilar de Sárria que se garda no Museu de Pontevedra, o que fala da existenza dunha “villa romana”, posiblemente vencellada á
ponte.
Nos muiños do Toleiro, tamén na mesma parroquia, houbo un pontón de madeira, riba do río Sárria, que permitía o paso de peóns. Pontigo que non aparece vencellado ao paso de peregrinos, malia a un temerario intento de xustificalo que anos atrás, sen base ningunha,
se quixo sustentar dende as instancias oficiais compostelás. De vergoña.
Cando no remate do sèculo XII se funda Vilanova de Sárria, o vello treito viuse remprazado polo paso pola Ponte de Sárria, da que falaremos máis adiante, e a Ponte de Vilar de Sárria pasou a ser usada polos correos e postas que dende Carracedo pasaban para Ourensee Tui e viceversa.

Na actualidade a Ponte de Vilar de Sárria (Ponte Vella), incautada polo Estado, despois de soportar desde 1853 o tránsito da estrada de Becerreá, viu como ao facer a Ponte do Caneiro quedaba libre do paso de camións e automobeis.
Coa nova ponte mudaron de lugar o peto de ánimas que ali había e hoxe descoidada, totalmente pola Xunta de Galicia, á que agora corresponde a titularidade; está moi deteriorada e presenta “pegotes de formigón”, que esixen un labor de restauro e dotala dunha baranda acorde coa súa arquitectura.
A Ponte de Vilar de Sárria, que foi unha ponte xacobea, ao día de hoxe perdeu ese carácter.