Nestes tempos onde o feminismo -movemento catalizador para a procura dunha sociedade de iguais- nos obriga a pensar na forma en que actuamos como homes (o que se dá en chamar revisión da masculinidade), é aconsellábel coñecer algunhas das batallas que se teñen librado contra o machismo ou, dito dunha forma máis ampla, contra o patriarcado.
“O patriarcado é unha das construcións sociais máis perversas e nocivas das que temos padecido”
Pode que estas palabras a algunhas persoas nos resulten estrañas, pero son conceptos moi doados de entender, porque non só os temos presentes nas nosas vidas senón que as condicionan para mal. O patriarcado é unha das construcións sociais máis perversas e nocivas das que temos padecido, das que son vítimas fundamentais as mulleres, ás que pretende relegar a un segundo plano, a ser seres submisos, a disposición permanente dos homes, ao seu servizo, seres que teñen que subordinar a súa vontade, mesmo a disposición do seu propio corpo, aos homes (pais, maridos, irmáns…). E, nun segundo plano, ou doutra maneira, tamén vitimiza aos homes, aos que só lles permite unha forma de ser homes (ou masculinidade): seres agresivos, sexualmente activos de forma permanente, heterosexuais, competitivos… e quen se saia deste carreiro, non é considerado como un home (cantas veces temos escoitado “é un maricón”, “medio home”, “miñaxoia”, “ti non tes collóns”…).
Unha desas batallas contra a desigualdade librouna Clara Campoamor, no ano 1931, nas Cortes Constituíntes da II República española, cando defendeu con éxito o dereito ao voto das mulleres. De forma paradoxal foi tamén unha muller -a outra das dúas únicas que había nas Cortes naquel momento-, Victoria Kent, quen defendeu a posición contraria; é dicir, que as mulleres non debían poder votar.
Gustaríame transcender a anécdota de que fora outra muller quen encabezaba a posición contraria ao voto feminino e reparar en algo que resulta máis relevante, como é o feito de que 160 homes votaron a favor do sufraxio feminino, a pesar de todas as amezas, medos e riscos que agoiraban quen defendían a posición machista. Porque eses homes sobrepuxéronse ao seu destino e podemos dicir, sen análises anacrónicas, que iso supuxo exercer un tipo de masculinidade diferente, a favor da extensión dos dereitos, sen ser eles os beneficiarios directos desa ampliación de dereitos. Este é un espello en que poden mirarse aínda os homes de hoxe, e tamén as persoas que exercen a política, representantes ao servizo do seu pobo, lexislando a favor da súa xente, de forma inclusiva, facendo da política unha ferramenta de transformación social de forma pacífica.
“160 homes votaron a favor do sufraxio feminino, a pesar de todas as amezas, medos e riscos que agoiraban quen defendían a posición machista”
A peripecia histórica de como logrou a aprobación do voto feminino contouna a propia Clara Campoamor nun libro publicado no ano 1936, que titulou “Mi pecado mortal. El voto femenino y yo”. Un magnífico e rigoroso relato, que vén de ser traducido por María Reimóndez, para unha recente edición, a cargo de Celia Pereira Porto, publicada pola editorial Galaxia -neste mesmo 2019- que se presentou en Monforte o pasado venres 20 de decembro na Galería Sargadelos. Unha estupenda ocasión de achegarse a estes feitos na nosa propia lingua.
Temos a obriga, a necesidade, de continuar este exemplo, para facer un mundo mellor, compatíbel coa vida, con todas as vidas, para acabar de forma terminante co machismo, co patriarcado, o noso pecado mortal. Aínda estamos a tempo de redimirnos.