HomeOpiniónOPINIÓN. Integración... ou non

OPINIÓN. Integración… ou non

A viticultura en pendente de Negueira de Muñiz, Navia de Suarna e A Fonsagrada podería ser parte da D.O. Ribeira Sacra? Reflexións sobre o tema de Andrés Pavón.

Publicado o

POR
Andrés Pavón, Presidente da Irmandade Cultural País do Faro
- Advertisement -

Unha das cuestións que van quedar pendentes no actual mandato do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra é o da posible incorporación á mesma dos produtores de uva e adegueiros dos concellos de Negueira de Muñiz, Navia de Suarna e en menor medida A Fonsagrada.

Naqueles vales entre montañas hai preto de 400 hectáreas de terreo vinificable, é decir, que poderían poñerse a producir uvas e viño. A día de hoxe tan só se cultivan arredor de 30.

Como en todo, e máis nos últimos tempos, a entrada deses adegueiros e viticultores na Ribeira Sacra ten partidarios e detractores. E, por dificil que pareza de crer, incluso se utilizan argumentos para defender unha ou outra postura…co fácil que é insultar e enrocarse!!

Negueira de Muñiz ten innegables similitudes coas zonas ribeirás destes concellos do sur. Un clima semellante, se ben algo máis frío, unha altitude media dos viñedos de 270 metros e uns cultivos en pendente moi similares aos do Miño e o Sil. Negueira é un dos concellos menos poboados de Galicia e identifícase fácilmente nun mapa por ser ese pequeno saínte que se mete en territorio asturiano.

As castes de uva propias daquela zona son a blanca lexítima, o verdello tinto e o tinto serodio que na Ribeira Sacra ou non existen ou son anecdóticas. Con elas conséguese un viño novo de características abruptas, moi diferentes dos nosos a ollos dos paladares máis expertos.

Terreo en pendente, viticultura heroica, zona despoboada, falta de man de obra, adegas familiares de pequeno tamaño, augardentes de calidade…hai moitos puntos en común entre esta zona e aquela. Un moi a ter en conta é que, como aquí, numerosos terreos que tiñan videiras quedaron asolagados pola construcción dun encoro, neste caso o de Grandas de Salime.

Pero tamén hai importantes diferenzas: inexistencia de patrimonio románico, castes de uva e por tanto viños diferentes, composición dos solos e tipo de flora…o que se trata de dirimir é se as semellanzas pesan máis que as diferenzas ou viceversa.

Pódese argumentar que a DO Rías Baixas abrangue territorios tan dispares como as beiras do Ulla e a fronteira con Portugal. Ou que as semellanzas nos métodos de traballo e a produción de viño xoven farían da área de Negueira unha subzona da Ribeira Sacra máis que xustificada.

Viñedos Negueira de Muñiz / turismoenlamontanadelugo.es

Tampouco podemos esquecer que a loxística se vería alterada. Habería que desprazar os técnicos do Consello Regulador nunha viaxe de dúas horas que é o que leva de Monforte a Negueira. E probablemente modificar os estatutos para dar cabida a aqueles viticultores e a aquelas castes de uva. Sen esquecer como puidera afectar á declaración de Patrimonio da Humanidade.

Por outro lado, Negueira podería ser unha boa porta de entrada dos nosos viños no esixente mercado asturiano. Aínda que tamén restaría consumidores e turistas a esta terra onde é o viño o que marca a paisaxe.

Hai dous anos tiven ocasión de falar con adegueiros de Negueira e amosábanse contrariados porque non percibían un interese real dende a Ribeira Sacra por integralos como subzona. Máis ben sentían que se lles daban excusas a pesar de que eles tiñan toda a intención de selo. Pasado este tempo, parece que están xa máis convencidos de crear a súa propia Indicación Xeográfica Protexida para poder seguir impulsando a viticultura e a posta en valor dos seus viños.

O tempo dirá se acaban integrados na Ribeira Sacra ou non. E se a decisión que se tome se convirte nun erro ou nun acerto. Eu, por unha vez, non me vou mollar porque creo que tanto os que están a favor como os que están en contra teñen suficientes argumentos para soster a súa postura. O único desexable é que para tomar a decisión se apliquen de forma xusta criterios técnicos, sociolóxicos e culturais e non se teña só en conta o factor económico.

Pase o que pase, recomendo vivamente visitar aquela zona e degustar o viño servido nos “cachos”, unhas cuncas de madeira de bon tamaño que se comparten entre os catadores.

ÚLTIMAS

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...

O PP pide tomar medidas na apertura da liña Ourense-Lugo e condena a “desconexión” do Goberno de Sánchez coa provincia

O alcalde do concello de Pantón, José Luís Álvarez, trasladou aos deputados do PP...

Gourmet Gallego inaugura a nova tenda de Monforte

A apertura de Gourmet Gallego congregou a numerosos asistentes, entre eles clientes, provedores, amigos,...

Proxección de “La violencia invisible” e coloquio este 23 de novembro en Quiroga

Aproveitando a conmemoración do 25N, “Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero”,...