Di o dicionario da RAG que “cafre” é un individuo salvaxe ou bárbaro, alguén que non sabe comportarse de xeito correcto ou que as súas desfeitas provocan algún tipo de calamidade. Cafres coñecémolos de moitos tipos pero eu quero falar dun subxénero co cal me atopo (aínda que mellor sería decir topar no senso dos carneiros) moitas veces cando ando polo monte.
Para todos os que traballamos con rapaces e colectivos diversos en educación ambiental, roteiros na natureza ou calquera tipo e actividade onde a nosa oficina é o monte temos que sufrir moitas veces os actos desta clase de xente. Temos dous tipos de cafres, os autóctonos e os importados; con comportamentos distintos pero con consecuencias similares que pasaremos a analizar para que vexades a que tipo de persoaxes nos enfrontamos.
“Temos dous tipos de cafres, os autóctonos e os importados”
O cafre importado é aquel que pensa que o monte se limpa só, que ten todo o dereito a facer o que lle pete e que os habitantes da zona que visita son pouco máis que seres asilvestrados que veñen civilizar cos seus coñecementos. Esta xente normalmente vén pola súa conta dado que a calquera dos que vivimos disto rapidamente os detectamos e poñémoslles as pilas, por sorte para eles sen recorrer á violencia (que neste caso nunca é gratuita). Veñen sós ou en compañia da manada, ás veces forman parte dun clan familiar e incluso ás veces xúntanse varias manadas ata formar un rebaño considerable. As súas pegadas identifícanse de forma doada como por exemplo aqueles tampóns que atopamos un día subindo cun grupo de nenos a Formigueiros estratexicamente colocados preto do cartel do cumio ou aquelas compresas tiradas xusto diante da Devesa da Rogueira. Non falemos xa dos papeis, latas de bebida, botellas, cabichas, chicles, bolsas, paraugas e artefactos diversos cos que me cruzo nas miñas rutas habituáis. O cafre importado trasmite os seus comportamentos aos seus decendentes xa e os cativos ven eses comportamentos como normais.
Resulta moi complicado explicarlles a uns rapaces nunha ruta a importancia do coidado do medio cando no seu entorno se producen esos comportamentos. Contra esta xente resulta moi complicado loitar no monte porque non adoitan pecar en presencia de descoñecidos; actúan en clandestinidade aínda que ás veces non lles importa facelo diante da xente, nese intre é cando hai que montar bronca e deixalos en evidencia a risco de recibir unha palabra agarimosa ou directamente un aloumiño.
Esta xente non actúa en tódolos lugares, van ao doado, onde non hai que facer esforzo, nunca veredes as súas merdas na subida a Penaboa, nunha cova profunda, ruta dura ou lugar de acceso complicado. Un exemplo moi claro está fóra do Courel, na Fervenza de Augacaída en Pantón; cando se comezou a difundir a ferveza e a ruta aquilo estaba impecable pero no momento en que se habilitou aquilo coa pasarela en pouco tempo apareceu o lixo por todos lados. Rapaces, os cafres non son xente de esforzos, son moi vagonetas. Ás veces o problema non é deixar lixo, é berrar, pisar fóra dos sitios, recoller prantas e alterar os sitios. Un exemplo está no Val das Mouras onde hai xente que se dedica a arrincar brións para facer cabanas e pasar a noite, ata restos de fogueiras vin eu aí e incluso restos de ouijas (si, falando cos espíritus no medio do Courel). Unha demostración de comportamento denunciable é o da xente nas covas do Courel e sitios próximos. Pintadas (con nomes e datas das visitas, mágoa que non asinases co número do DNI) e desfeitas na cova grande de santalla de Lóuzara que como é de doado acceso ata meteron unha radial para cortar unha estalagmita; pintadas e autógrafos na fronte de explotación na mina da Toca, árbores na Rogueira con firmas, os “putos” montonciños de pedra en sitios arqueolóxicos como o Cido ou os castros de Vilar e Sobredo.
“Rapaces, os cafres non son xente de esforzos, son moi vagonetas”
Logo están os cafres autóctonos, os que viven no noso territorio e que xa os temos aquí de serie; esta xente é moito máis complicada de combater dado que se cren no dereito de que como a terra é deles poden facer con ela o que queiran. Estes son os dos vertedoiros incontrolados (asomade algunha vez a cabeza dende o miradoiro de Mostaz cara a mina de Torubio e podedes flipar).Non todas as latas, botellas e plásticos son obra dos importados. Centos de cartuchos tirados polo monte (que ben pouco costa recollelos, ehhh), plásticos agrícolas, envases de fitosanitarios, ferros vellos, etc. Esta mesma xente que di que lle quere á terra, pero que nos feitos demostra o contrario, compórtase de dúas formas moi diferentes cando sae fóra da casa. Uns actúan de modo exemplar e maravíllanse do bonito que está todo, coidan e respectan o que ven e cando volven estanche contado a aventura ao mesmo tempo que tiran a lata de birra á leira do veciño. Logo están os que fan fóra o mesmo que fan na casa, neste caso pechamos o círculo e pasan a ser importados.
Agora vén o complicado, é dicir, o xeito de erradicar estes comportamentos. Cómpre actuar de diferentes xeitos, o primeiro é a educación dos cativos porque se o pensades ben cando a un rapaz lle ensinamos a coidar o medio cando chegue á casa pode obrarse a maravilla de que este neno faga cambiar o comportamento dos seus pais. Logo a educación dos adultos cos que traballamos (lembro aquel grupo de abueletes tirando botellas á cuneta dicindo que aquilo era monte e por iso as tiraban… ou aqueles que collían castañas e dicían que as collían porque os castiñeiros eran da Xunta e que eran de todos). Traballar cos adultos é un traballo complicado pero co tempo podemos ter bos resultados. Outra cousa é traballar cos cafres autóctonos que salvo que sexan cativos educables non hai nada que facer con eles, nunca van cambiar que para iso están nos seus dominios.
Os cafres son detectables, dan pistas abondosas do que van facer; por exemplo se vedes un grupo camiñando na Rogueira e levan nunha man unha bolsa de patacas fritidas e na outra unha birra tende por seguro que van quedar no monte. Detectalos é un arte que hai que ensaiar pero se vos fixades no comportamento da xente seredes quen de identificalos. Este comportamentos son os que provocan que se restrinxa a visita a moitos lugares, que os veciños se cabreen cando anda a xente nás súas devesas, que lles moleste que despois dunha festa haxa que estar tres días limpando o recinto.
“Os cafres son detectables, dan pistas abondosas do que van facer”
O dos cafres é un tema complicado, unha loita casi imposible de gañar pero na que é o noso deber continuar e tentar minimizar os danos. Eu teño outra frase que creo que nos identifica a todos: “cantas hostias se perderon no aire”.
Na próxima entrega falaremos do estado do turismo na nosa zona, o que hai, o que virá e o que cómpre arranxar de urxencia.