InicioOpiniónDía 6 de corentena: "cando case te crucifican por levar unhas cabras...

Día 6 de corentena: “cando case te crucifican por levar unhas cabras pacer”

A miña experiencia de confinamento vívoa en Chantada. E para falar deste tema hai que ter moito coidado. Porque a cantidade de bulos, noticias falsas, animaladas e pseudociencia que nos chove a través das redes sociais pode ser tan nociva como o propio virus.

Publicado o

POR
Andrés Pavón
- Advertisement -

Científicos, persoal sanitario e responsables das diferentes administracións públicas son as voces que debemos escoitar estes días e seguir as súas indicacións.

Aclarado isto, en Chantada, supoño que como en todas partes, vese pouca xente pola rúa. Os contactos sociais limítanse a atopar persoas coñecidas nas tendas de comestibles e farmacias, que é do pouco que nos deixan visitar. E debo dicir que, baixo a miña opinión, os chantadinos están realmente concienciados coas medidas preventivas. Todo o mundo garda a distancia de máis dun metro, non se ven aglomeracións nos supermercados e case non hai quen vaia sen luvas, mascarilla ou ambas.

Como en todas as vilas, a veciñanza trata de pasar o tempo de confinamento o mellor que pode. Así, os mozos e mozas da Avenida de Monforte organizaron un bingo que celebran nas ventás das vivendas. Unha boa iniciativa que serve para unir e facer tecido social e que xa está a ser copiada noutros lugares. E algúns -poucos- saímos puntualmente ás 8 da tarde aplaudir nos balcóns o labor impagable que estes días levan a cabo os profesionais da sanidade e demais colectivos que están en primeira liña na loita co coronavirus ou especialmente expostos. Tamén hai quen se ofrece a axudar as persoas maiores ou a coidar cativos… cada un aporta o que pode e o que se pode.

Os aprazamentos de todo tipo de eventos foron inevitables, por suposto. Entre eles, un dos máis veteranos como é o campionato de dominó, que se ía celebrar o 14 de marzo. Ademais, o día 16 nevou pero non se puido facer a tradicional visita familiar ou con amigos ao Faro para gozar da neve. Parece que haberá que agardar ata o outono.

Feira do Viño de Chantada / XdL

Xa se di que a touro pasado todos somos Manolete (o toureiro, non o dos autobuses). E nada tan certo como no caso da Feira do Viño. Polo de agora, e toquemos madeira, non se certificou ningún caso de contaxio nese evento que tivo lugar entre o 6 e o 8 de marzo. Pero xa saíron centos de voces de dentro e fóra de Chantada asegurando que xa advertiron que a feira non se podía celebrar e que o coronavirus se ía espallar alí. Agora sabemos que puido ser un erro cuxos efectos hanse coñecer co tempo. Mais ninguén tiña ningunha certeza de nada unha semana antes de decretarse a alarma. E o que diga que si que tiña certeza, minte.

Supoño, volvendo ao confinamento, que case todos estamos xa un pouco fartos de recibir memes e vídeos graciosos con bromas sobre o papel hixiénico ou sobre o aburrimento de estar na casa. Chégannos por whatsapp, reenvíamolos, volvémolos recibir…un círculo vicioso que contribúe a facer máis levadeiro o peche pero pode acabar cansando.

O que non sei se acontece no resto de Galicia é o de ver ós propietarios de cans paseando con total calma e sen que ningún corpo ou forza de seguridade lles diga nada ou interrompa o seu desfrute. Será que o can os inmuniza, será que teñen máis dereitos que os demais… ou será que o goberno bastante ten co coronavirus como para enfrontarse a unha nova batalla nas redes sociais. En cambio, a un veciño de Monforte case o crucifican por levar unhas cabras pacer. Logo han querer comer cabrito…

Paseando dúas cabras / Twitter

Polo demais, sendo Chantada terra de bares, tascas, restaurantes e hostalería varia, é innegable que a maioría de nós estamos desexando volver pisar eses establecementos. Pero agora debe primar o sentido común e ser prudentes e pacientes. Cando todo esto remate, pasarémolo moito mellor reencontrándonos cos amigos cun viño ou unha cervexa polo medio. E tamén aprenderemos a valorar moito máis e moito mellor todo o que estes días non podemos desfrutar. Ánimos a todos e todas.

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...