HomeOpiniónDía 8 de corentena: Con respecto, pero sen medo

Día 8 de corentena: Con respecto, pero sen medo

Viaxo telefonicamente a Sarria para sondar o día a día deste estado de alarma e confinamento que nos ten a todos e todas desconcertados/as. Un encerro que, hoxe mesmo, acabamos de saber continuará ata o vindeiro 11 de abril.

Publicado o

- Advertisement -

Falo con Félix Seijas, concelleiro de Deportes e Seguridade no Concello de Sarria. Primeiro de todo pregúntolle como leva o traballo e como fai para cumprir coas súas obrigas municipais nun momento tan difícil como o que estamos a vivir.

“Estou practicamente as 24 horas pendente da Comisión de Seguimento”, dinos. Esta comisión está formada polo Alcalde, os concelleiros e concelleiras e colaborando no asesoramento están tamén a Garda Civil, a Policía Local, Bombeiros e Protección Civil. Seguen directrices da FEGAMP -Federación Galega de Municipios e Provincias- avalían a información que lles chega e a partir de aquí deseñan estratexias e xorden ideas.

Entre as decisións tomadas estes días están o reforzo dos corpos de seguridade locais para evitar paseos e facer cumprir o confinamento, a desinfección das principais vías públicas, ambulatorios, supermercados, farmacias… e tamén se conseguiron equipos de protección para a Policía Local e Garda Civil.

Pregúntolle por anécdotas ou detalles a destacar neste labor de velar pola seguridade e a orde pública e cóntame que houbo algunha que outra denuncia por incumprimentos do confinamento e que a xente está en xeral axudando moito. “Un caso digno de comentar foi a colaboración desinteresada dunha empresa de limpeza con ozono de Sarria que se ofreceu a limpar e desinfectar os vehículos da Garda Civil e da Policía Local, ou doazóns de veciñas e veciños que nos traen guantes e máscaras”, relata Félix.

Trofeo Vila de Sarria de fútbol veterán. Claudio Garrido e Félix Seijas

Tamén sabemos por el que Benxamín Escontrela, concelleiro da Área de Benestar Social, está moi pendente e asumiu responsabilidades e medidas moi rapidamente nas residencias de anciáns, ao tempo que activou tamén un programa de atencións básicas para facilitar o acceso a alimentos e medicación ás veciñas e veciños máis vulnerables.

Rematando a conversa cóntame que a estancia na casa lévaa ben, considérase optimista por natureza e confesa que ten moita fé na sanidade pública pola súa propia experiencia e por ver como se están entregando estes días tan difíciles. “Fóra das obrigas da comisión de seguimento, estou lendo un par de libros e fago algo de bicicleta estática”, engade.

confesa que ten moita fé na sanidade pública pola súa propia experiencia e por ver como se están entregando estes días tan difíciles

Antes de despedirme pídeme que comente unha cousa, que como responsable da Policía Local de Sarria quere agradecerlles ás veciñas e veciños as mostras de agarimo que tiveron estes días coa Garda Civil e a Policía Local. “Foi moi emocionante ver como aplaudían estes días ao seu paso”.

Tamén me lembro de Iván Quiñoá, a quen entrevistei nunha ocasión en Xornal de Lemos para falar da súa experiencia persoal tras superar un cancro no 1995 cando daban o seu caso por perdido.

“O confinamento lévoo moi ben, como teño a experiencia de estar meses ingresado sen saír da habitación dun hospital isto non me parece nada”. Así contesta Iván á miña primeira pregunta. O que máis destaca da nosa conversa é que insiste en que el non ten medo e a nivel social ve que hai moito, que a falta e/ou o exceso de información fai que a xente se mobilice cara o medo.

“é curioso, son grupo de risco por ser un paciente inmunodeprimido, e teño menos medo que o resto dos mortais”

Iván superou un cancro moi maligno cando o daban por desafiuzado no 1995 e hai dous anos tamén superou un transplante de ril, pero todo isto cóntao con total naturalidade. A situación actual para el, malia ser un inconveniente e un momento crítico, non lle fai perder os nervios nin lle fai preocuparse máis do normal. Tal é así que nos di, “é curioso, son grupo de risco por ser un paciente inmunodeprimido, e teño menos medo que o resto dos mortais”.

Das moitas cousas que comentamos quedo cunha reflexión curiosa que sae cando falamos de como encher os días e as horas para pasar este confinamento e non pensar de máis no Coronavirus. “Temos que estar entretidos para non pensar no medo pero penso que é un erro, o medo non hai que eliminalo, hai que afrontalo e crear estímulos internos”, confesa Quiñoá. Segundo aconsella el hai que dedicarse tempo a un mesmo, visualizar cousas positivas, poñerse a escribir un libro, facer unha lista de desexos para cumprir cando xa non esteamos pechados, interactuar máis coa xente da casa… “Eu estiven pechado e illado moito tempo e visualizaba a miña vida fóra, con cousas positivas, abrazado á miña familia, voando coa imaxinación…”.

Respecto á situación actual Iván dinos que o leva con respecto pero sen medo, di que loitará co que veña. Só sae da casa para ir ver os seus tres cabalos, a poucos quilómetros de Sarria, e pasa un rato con eles. É a súa vía de escape actualmente porque non se pode expoñer. A mercar vai a súa compañeira e seguen os protocolos de hixiene e precaucións de sempre. De momento están xuntos pero igual teñen que separarse un tempo porque ela traballa de enfermeira no ambulatorio de Pol e non é cuestión tampouco de arriscar.  E como tamén é empresario pregúntolle como leva esa parte da súa vida. Dime que manteñen a actividade pero con medidas de seguridade, o primeiro para el é a xente e se ten que pechar porque hai perigosidade, pechará.

Agora tócalle a quenda a Lourdes, emprendedora sarriana que creou Torta de Sarria. Como nai di que o leva ben, que na casa organizan cada día cun horario para as tarefas da escola, un pouco de exercicio, ensaiar cos instrumentos, pintar e tamén xogar un pouco. Moito orde, como podedes comprobar, e unha apreciación “por agora aínda dá a sensación de que todos os días son domingo, custa facerse á idea de que imos pasar moitos días así”. No que respecta ao traballo recoñece estar preocupada, máis que nada pensando como e cando se vai poder recuperar a normalidade.

Lourdes Pombo no seu obrador. Foto: L.P.

E rematamos esta rolda de testemuñas con José Antonio González, Director da Escola Municipal e da Banda de Música de Sarria . Pillámolo pasadas as 20:00 h. despois de saír como moitas e moitos a facer o agradecemento público ao balcón da súa casa.

José Antonio ten dous pequenos de dous anos, can e muller. Dinos que hai algo de estréss pero que o están levando ben en xeral. Á súa muller déronlle a posibilidade de traballar dende a casa e teñen que organizarse máis que nunca e compartir un ordenador para traballar. Iso tendo en conta tamén que teñen que coidar dos dous pequenos. “Tanto para a miña muller como para min, será novo isto de traballar dende a casa”, confesa.

“Tanto para a miña muller como para min, será novo isto de traballar dende a casa”

José Antonio, Director da Escola Municipal e da Banda de Música de Sarria. Foto: J.A.

No seu apartado laboral, dinos que esta semana que entra vai intentar facer un seguimento das clases online. A idea é atender ao alumnado vía Skipe aínda que recoñece que non será doado porque hai alumnos/as que non teñen instrumento propio. A idea é manter contacto virtual cos que poda, pasarlles traballo, escoitalos vía Skipe e avanzar algo nos coñecementos. “Veremos como vai, darei facilidades no horario de atención e buscaremos o momento mellor para as comunicacións”, dinos.

A peza forma parte dun ‘Diario de corentena conxunto que se escribe dende o Lugo Xornal, o Xornal da Mariña e o Xornal de Lemos.

ÚLTIMAS

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...

A Vicepresidencia da Deputación ofrece 50.000€ anuais para o Matadoiro de Sarria

Na xuntanza, na que participaron o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, a alcaldesa de...

Soños da compañía Arte Feito, este 21 de outubro no Multiusos de Monforte

Ás 20:15h terá lugar a posta en escena da obra para adultos Soños, da...