HomeOpiniónEstamos mellor no rural na crise do coronavirus?

Estamos mellor no rural na crise do coronavirus?

Coa crise do coronavirus deuse por sentado unha visión idílica do rural galego segundo a cal vivimos mellor o confinamento por ter horta e provisións da matanza, así como por estar acostumadas a non ver a moita xente de xeito habitual. Parafraseando o saber popular que mal estou e que pouco me queixo!

Publicado o

POR
Antom Fente e Paula Vázquez
- Advertisement -

Ao que estamos acostumadas no rural é a non ter o nivel axeitado de descentralización dos servizos públicos esenciais e a un proceso histórico de fomento da concentración da poboación nas áreas metropolitanas costeiras, desmantelamento das redes de transporte colectivo e de mercadorías interiores, ruína planificada do sector agrogandeiro e aposta pola concentración da produción fronte ao modelo de pequenas explotacións e ao cooperativismo, e un longo etcétera que teñen como resultado o que define Xosé Constenla como “colapso territorial”, unha deformación ou simplificación do sistema agrario tradicional que esfarela non apenas identidades, mais tamén as bases da soberanía alimentar e ameaza un futuro digno para o interior galego, sustentado nun rural vivo con produtoras e produtores.

Paula e Antom / Por un interior galego vivo

Certamente, a dispersión poboacional do rural galego, fenómeno histórico de longo percorrido, favorece que non se disemine tan axiña a infección da COVID-19, con focos localizados en lugares onde os positivos, xeralmente, comezaron por persoas desprazadas para pasar a crise na “aldea”, entre outros lugares, de Madrid, mais tamén comezando xa a rexistrar casos de transmisión “autóctona” en áreas como Chantada ou Monforte (falando das nosas zonas).

Decretar normas sen ter en conta as particularidades do interior galego

Tamén é certo que no rural se adoita ter aira e espazo en torno á casa onde poder saír, pero estamos sometidas ao mesmo réxime de confinamento que nas cidades, pese a que en moitos lugares poderiamos dar paseos de quilómetros ao aire libre sen atopar a ninguén. Decretar normas sen ter en conta as particularidades do interior galego, tamén en temos de crise; normas urbanas que tratan igual áreas con millóns de habitantes que aldeas onde non fica case ninguén… ou ninguén. Só así se entende o peche dos mercados de proximidade, mentres se manteñen as grandes superficies abertas –mesmo no caso galego a Xunta autoriza a apertura 24h contravindo o que fan outros territorios como Portugal– ou a prohibición de que “agricultores aficionados” (o que cómpre ouvir nestes tempos) traballen as fincas a máis de 500 metros do seu fogar. Mais si poden ir por leña a máis desa distancia, permítese a caza en certas condicións ou pódense desprazar quilómetros até un supermercado. Certamente, cun mínimo de sentar cos sectores agrogandeiros e escoitar a concellos do rural poderían terse adaptado as normas á nosa realidade, sen redución algunha da protección da seguridade sanitaria, que temos ben claro que é o esencial.

Muller rural | OVICA

Por outra parte, no “rural”, no rururbano, ou nesa nebulosa territorial que conforma o interior galego, a crise do coronavirus non fai máis que evidenciar a crise permanente de abandono que padecemos: unha Atención Primaria precaria e en desmantelamento, uns hospitais comarcais con necesidade de máis persoal, un Servizo de Axuda no Fogar insuficiente ante as grandes necesidades, un modelo de residencias de maiores inadecuado e insuficiente ou unhas telecomunicacións precarias. Non mencionemos a falta de protocolos de actuación claros, as disparidades ou a falta de protección daqueles profesionais que o están dado na primeira liña.

O avellentamento e alta taxa de dependencia do noso rural require un gran investimento en servizos públicos; pola contra, o que temos é unha sanidade cronicamente estresada e un SAF con emprego, esmagadoramente feminino, precarizado, con condicións de emprego e protocolos desiguais segundo os concellos, con asignacións de horas totalmente insuficientes, prazas residenciais da terceira idade insuficientes, concentradas en determinadas zonas e cun modelo de centros grandes, en lugar de miniresidencias e centros de día suficientes perto do fogar e da comunidade de orixe, como o modelo desenvolvido en Manzaneda.

Nesta crise houbo que reorientar o SAF, suspendendo servizos non esenciais, pero cumpriría aumentar o persoal do mesmo porque as necesidades tamén aumentan a nivel de necesidade de facer a compra ou atender a cancelación de citas médicas, algo non sinxelo para as persoas de maiores idades. Tamén foi desesperante a tardanza de material de protección para as traballadoras deste servizo, con concellos onde puideron ter EPIs por provisión anterior e outros que agardaron unha semana á chegada de material, logo de momentos de confusión sobre quen tiña a competencia, se a Xunta ou Goberno Central.

zonas rurais, un lugar de esperanza

Coa crise do coronavirus, nos concellos pequenos do rural a tónica foi e está a ser a colaboración entre Goberno e Oposición e a proliferación da solidariedade e apoio mutuo entre as persoas para tarefas tan básicas como a compra.

Para os vindeiros meses, pasado o punto álxido da epidemia, cumprirá reforzar os mecanismos de protección social, nunhas zonas xa con alta taxa de risco de pobreza, atender ás consecuencias psicosociais do illamento e do medo e da incerteza padecidas durante a crise (a maioría de persoas maiores infórmase vía TV) e actuar decididamente sobre as carencias do medio rural, tendo en conta o contexto da crise ecolóxica, que fará de determinadas zonas rurais un lugar de esperanza.

Se agora semella que somos un lugar idílico para o retiro durante unha crise puntual, sen o debido control das afluencias externas que propagaron aquí o COVID-19, non deberiamos ser un lugar onde vivir con dignidade e onde sexa posíbel construír futuro?

Viñedo D.O. Ribeira Sacra / D.O. Ribeira Sacra

ÚLTIMAS

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...

A Vicepresidencia da Deputación ofrece 50.000€ anuais para o Matadoiro de Sarria

Na xuntanza, na que participaron o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, a alcaldesa de...