HomeOpiniónOPINIÓN. Un doutor en primeira liña: "As pedras curan?"

OPINIÓN. Un doutor en primeira liña: “As pedras curan?”

Xurxo Romaní, con raíces en Neiras, Concello de Sober, estudou medicina en Santiago e a vida profesional levouno a Cataluña, onde vive actualmente. É Doutor no Hospital Parc Taulí de Sabadell e profesor na Universidade Autónoma de Barcelona. Nesta colaboración periódica que comeza daranos unha visión vivencial de historias vividas en "primeira liña", unha posición centrada agora en frear ao COVID-19.

Publicado o

POR
Xurxo Romaní
- Advertisement -

A finais dos 90, cando era un residente novicio no Hospital de Sant Pau de Barcelona, a epidemia contra a que nos tocou loitar foi a do SIDA. Na primeira rotación da residencia, durante meses, levabamos a aqueles pacientes, persoas moi novas con poucas posibilidades de sobrevivir. Eran, no puramente médico, pobres corpos infectados por un virus que lles ía minando o sistema inmunolóxico, e acababa con eles a base de terribles infeccións.

“Todos tiñan historias que contar, relatos de vidas intensas tronzadas por unha enfermidade cruel e implacable”

No humano, eran rapaces con historia de drogas, aínda que moitos deles tiñan refeito a súa vida cando o VIH entrara por sorpresa no seu corpo. Todos tiñan historias que contar, relatos de vidas intensas tronzadas por unha enfermidade cruel e implacable. Dentro daquel grupo, había catro rapazas que crían no poder máxico das pedras. Cada unha delas atesouraba un anaco de mineral de variadas cores. Ancorábanse á vida refuxiadas na inxenua “maxia da litoterapia”. Ningunha delas sobreviviu. Non había medicamentos daquela que puidesen frear a enfermidade. As súas pedras máxicas foron inútiles.

Pouco antes de morrer, Clara, a máis falangueira e simpática delas, chamoume á súa habitación. Esgotada e entregada xa, díxome: “Doutor, ti nótase que vas ser un bo médico. Eu xa me despido. Quero que quedes coa miña pedra. Vaiche dar sorte”. Agasalloume coa súa amatista. E alí quedou, arrecunchada no caixón dos trebellos e dos recordos inútiles.

“Doutor, ti nótase que vas ser un bo médico. Eu xa me despido. Quero que quedes coa miña pedra. Vaiche dar sorte”

A pedra de amatista

O 14 do pasado mes de marzo, comezou a transformación do meu hospital para resistir a nova epidemia de COVID-19. Todos os médicos, sen distinción de especialidades ou categorías, fomos mobilizados en urxencias ou nas plantas de ingreso para levar aos enfermos con coronavirus. E dende ese día, a pedra de Clara acompáñame no peto da miña bata. Cando esta pandemia remate, esa amatista de cor violeta pasará á bata dalgún dos meus estudantes.

ÚLTIMAS

Obradoiro de adolescencia e contido online, este 9 de maio en Chantada

O Concello de Chantada organiza o 9 de maio no Auditorio Municipal de Chantada...

José Tomé Roca revalida a Secretaría Xeral do PSdeG de Lugo

Tomé Roca logrou 801 votos fronte aos 585 obtidos por Iván Castro, Deputado Provincial...

Case mil persoas participaron este domingo na XV Carreira Popular Concello de Monforte

O número de inscritos na XV edición da Carreira Popular de Monforte de Lemos,...