InicioOpiniónDiario de desescalada: Volver cortar o pelo, “máis que medo, respecto”

Diario de desescalada: Volver cortar o pelo, “máis que medo, respecto”

O 4 de maio as perruquerías poden empezar a funcionar. Contactei con varias, dúas de Monforte e unha de Quiroga, para preguntarlles como afrontan a volta ao traballo.

Publicado o

- Advertisement -

Empeza o proceso de desescalada e o gremio de perruquerías pode abrir as súas portas aos clientes o vindeiro luns. Durante os días que levamos de corentena atopamos de todo, dende xente que aguanta ben e non ten présa ningunha por axeitar o aspecto estético ata xente que se sube polas paredes por non poder visitar ao seu perruqueiro ou perruqueira de confianza. Tamén houbo quen se atreveu a facer prácticas de perruquería tirando de titoriais de youtube e rescatando a ‘máquina corta pelo’… e a ver que pasa. Algún caso coñezo, e algún tamén que está xa na lista de espera para que a perruqueira arranxe o desatino.

houbo quen se atreveu a facer prácticas de perruquería tirando de titoriais de youtube e rescatando a máquina corta pelo

En Monforte tamén foi noticia estes días un comunicado no que xente do gremio condenaba a mala praxis de profesionais que estiveron estes días saltando o confinamento e realizando servizos a domicilio sen estar xustificados. ‘De todo hai, na viña do Señor…’ irresponsables que traballan, e irresponsables que contratan.

Volvendo ao conto, achegándose xa esa data de apertura anunciada polo goberno, falo con Lucía Varela, da perruquería masculina V. Rico de Monforte. Coméntanos que o normal sería que houbese unhas indicacións específicas por parte do Goberno con pautas máis concretas. “Temos protocolos hixiénicos, pero non pensados para isto. Se non sae nada marcaremos as pautas nós”, di.

O traballo de perruqueiro/a é un traballo no que hai unha exposición directa co cliente ou a clienta e non se pode cortar o pelo con vitrinas ou mamparas. “No meu caso corto o pelo por detrás, si, pero tamén toco a cara, arranxo a barba… e o cliente fala, pode estornudar…”, afirma Varela.

O traballo de perruqueiro/a é un traballo no que hai unha exposición directa co cliente ou a clienta

Esta profesional dinos que ten xa unha lista de espera para empezar e que abrirá o luns 4 pero confesa tamén que case prefería esperar ao día 11, na seguinte fase de desescalada. Dime que cumprirá as poucas normas que se deron e poñerá outras: letreiro con información, pechará a porta para ter só un cliente dentro, atención con máscara e luvas e que o cliente tamén a teña… Para rematar pregúntolle, “tes medo a empezar?” A súa contestación foi a seguinte: “Medo non, precaución. E non medo de min, se non de ter que poñerlle normas ao cliente, aínda que a maioría entenderao”.

Falamos con outra monfortina do gremio e tamén abrirá o 4, ten tamén lista de espera e clientas que lle din “apúntame para o luns, a primeira”. Comenta que dosificará a atención, gardando os protocolos para ir atendendo a todos e todas -no seu caso ten unha perruquería unisex-. “Reanudaremos a actividade pero non podemos baixar a guardia”, afirma esta perruqueira que asegura non ter medo a empezar. Concretamente dime “medo non, respecto si”, e engade “tiña máis medo antes, que agora, porque nesta zona está o virus máis controlado e tomando precaucións…”. Ten  unha persoa contratada, agora nun erte, e confía reactivar a actividade para que se reincorpore o antes posible.

“tiña máis medo antes, que agora, porque nesta zona está o virus máis controlado e tomando precaucións…”

Remato a rolda falando con Zeltia, de “Loan”,no Concello de Quiroga. Unha rapaza nova, que exerce a profesión de perruquería e estética a domicilio. O 4 de maio volve ao traballo tamén, “con moitas ganas e con respecto”, coincidindo así coa forma de velo das anteriores perruqueiras. Lémbrame que xa publicou nas redes sociais que empeza a traballar e dende ese momento di que non parou de recibir chamadas. “A vindeira semana xa a teño completa!”, confesa súper contenta.

Respecto das condicións da volta ao traballo dime que ao traballar a domicilio pensa acudir a catro vivendas ao día, dúas pola mañá e dúas pola tarde. “Decidino así para que me dea tempo a esterilizar todas as ferramentas de traballo”, afirma Zeltia, que engade “procurarei utilizar todo aquel material desbotable do que dispoña, capas de plástico, luvas, toallas, etc… empregarei máscara, pantalla protectora e luvas sempre que o traballo mo permita”.

“Máis que medo, quizá sexa respecto”

“Máis que medo, quizá sexa respecto”, así define tamén Zeltia a emoción da volta ao traballo. E remata cunha reflexión “estou desexando traballar, pero sei que ao principio vai custar un pouco, son moitas medidas que debemos tomar, e bueno, intentarase facer o mellor que se poda, sen prexudicar a ninguén nin a un mesmo”.

ÚLTIMAS

Aly Alma, artista con raíces en Quiroga, presenta “Violet Mood”, un espectacular show acústico en feminino

Alicia Losada, coñecida artisticamente como ‘Aly Alma’ e con orixes en Quiroga por parte...

Novo miradoiro á Ribeira Sacra de Soutochao

O concello lugués de Sober estreou o novo miradoiro de Soutochao, desde o que poden contemplarse...

Sur da provincia de Lugo e Costa da Morte, a Galicia con maior porcentaxe de persoas dependentes

O 4,19% da poboación galega estaba en situación de dependencia o ano pasado, cunha...

A Agrupación Empresarial da Ribeira Sacra asina coa Universidade da Coruña a realización do seu Plan Director

Hai un mes a Agrupación Empresarial da Ribeira Sacra celebraba unha xornada para presentar...