No inicio do período de confinamento parecía que ese momento de máis de 40 días de reclusión, podía ser aproveitado para un cambio, ou tamén podía servir para reafirmarse no que xa se cría ou xa había.
Tal e como anda a maioría da clase política de España, o confinamento aproveitarono para reafirmarse no seu, sen ser capaces de entender que as circunstancias son excepcionais e requieren outras fórmulas de traballo e de responsabilidade que deberían de ir máis alá das vellas maneiras.
A resposta da cidadanía ás medidas para evitar a propagación da Covid19 foi moi boa e facía pensar que todo iría mellor de agora en diante porque aínda que a política non estaba á altura das circunstancias, a cidadanía si. Pero non.
Despois das escapadas ás segundas vivendas, chegaron as compras varias veces ao día, as saídas multitudinarias cos cativos, os botellóns da mocidade; as saídas a pasear, facer deporte e andar en bici todos xuntos polos mesmos lugares. Á outra banda do teléfono o poli malo, que por certo non é poli – “Por non poñer o cinturón ou por beber de máis téñente que multar pola túa seguridade e aquí pasa igual; porque non hai conciencia social real. A xente cre que é solidaria, pero non hai remordemento se fan as cousas mal. Non hai conciencia social, non estamos sendo solidarios, estamos sendo obrigados.”
Un paso máis no concepto de conciencia social
É fundamental un cambio na conciencia social dos cidadáns porque haberá máis epidemias e a responsabilidade de todos é evitalas e se se producen, axudar a controlalas. O Doutor Fernando Valladares que traballa no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) afirma,“O virus é parte do ecosistema e pode ser o prólogo do que se nos vén encima se non cambiamos a nosa relación coa natureza. A maior aparición de brotes prodúcese pola degradación dos ecosistemas e a globalización, que fai que os patóxenos viaxen e contaxien a unha velocidade inédita.”
A natureza regúlase por si mesma, pero nós covertímola en ameaza. Nacións Unidas di que “o planeta enteiro ten unha soa saúde, se provocamos un dano nun punto non é unha locura pensar que imos sufrir nós dano noutro.”
O éxito ante esta pandemia non é que poidamos saír da casa
Valladares insiste en que “o éxito ante esta pandemia non é que poidamos saír da casa. O éxito debe ser que o risco a estar confinados por esta enfermidade ou outra, sexa tan baixo como era fai 30 anos. Somos o dobre de xente e temos a metade de ecosistemas.”
Moitas veces cando se len cousas así pénsase que un non pode facer nada cando hai grandes empresas e países enteiros que ignoran o cambio climático e non se preocupan polo noso medio; pero agora coa Covid19 vimos a forza que fai a responsabilidade social. E un primeiro paso para cambiar as cousas é pensalas, pensar na importancia da nosa aportación para conseguir un ben común.
Case ninguén lle prestou atención á Covid19 cando comezou en China. E case ninguén fixo caso, sobre todo nas últimas 3 décadas aos danos ao medio ambiente. As consecuencias irémolas vendo, igual para a seguinte pandemia, que non ten que afectar principalmente ao sistema respitorio, comezamos a pensar que o cambio ten que ser XA, e é cousa de todos demandar que se lle preste atención a isto na construción da nova normalidade.
Á outra banda do teléfono dinme que tal e como se comporta a política e a economía mundial co ecosistema había que mandalos a todos á illa de plástico do Pacífico. Digo, non sei se non habería que mandarnos a todos.
Veremos como afrontamos un proceso de desescalada no que as administracións non están coordinadas. Por exemplo, desde a Xunta permitíanse desde o luns os mercados locais de produtos agroalimentarios, hoxe o Estado dixo que ata a fase 1, nada de nada. En situacións así sostennnos a responsabilidade individual e a conciencia social. Entrenémola porque é necesaria cada día, na desescalada, na nova (a) normalidade e no futuro.