InicioOpiniónDiario de desescalada: Que facemos cos nenos?

Diario de desescalada: Que facemos cos nenos?

O pase de fases na desescalada está poñendo enriba da mesa o tema da conciliación. Familias con pequenos e/ou pequenas pregúntanse quen quedará ao coidado deles cando haxa que saír fóra traballar ou cando facelo dende a casa con eles non resulte viable. Falamos cun centro de ocio e cunha escola infantil de Monforte.

Publicado o

- Advertisement -

Tendo presente o tema da conciliación, cada vez máis necesaria conforme avancemos na desescalada, aqueles que temos cativada na casa empezamos a poñernos nerviosos, e con razón.

Que facemos cos nenos e/ou as nenas? Estando na casa, e sen teletraballar os pais, o coidado deles vaise levando, teletraballando a cousa xa se complica e se os dous teñen que traballar fóra da casa a cousa xa é inviable. Polo de agora non se poden deixar cos avós, nin tampouco traer á casa kanguros, o curso xa rematou e as escolas infantís e centros de ocio pechados… A cousa está complicada e non se ve solución no horizonte.

Chamo por teléfono a Eva Fernández, unha das socias do “Kanguro Park”, un parque infantil de Monforte. Tiña as axendas de marzo e abril a tope e chegou o coronavirus, todo cancelado. As empregadas nun ERTE e o peche vai para largo se non hai cambios para ben na evolución da pandemia, ademais da dificultade que supón volver abrir un negocio no que a esencia é o divertimento en grupo e con pequenos e pequenas polo medio.

“se me din que os teño que ter a 2 metros, que fago? ou teño unha monitora por neno  ou teño ao neno atado”

Eva comenta que “non ve inviable abrir a día de hoxe” e que “somos un tipo de negocio que non saben moi ben onde ubicarnos”. Ve complicado que lles deixen volver abrir e confesa que se van sacar algunha normativa que non sexa clara e viable non abrirá. Querendo avanzarnos a unha posible regulación, sabendo o que sabemos hoxe e as restricións que temos, chegamos á conclusión de que aplicalas ao “Kanguro Park” son inviables. “Trátase de que os nenos se xunten, de que se relacionen entre si. Veñen aquí para xogar xuntos e tocalo todo…” E engade “se me din que os teño que ter a 2 metros, que fago? ou teño unha monitora por neno  ou teño ao neno atado”.

“veñen aquí para verse, estar xuntos e pasalo ben en grupo”

Neste local celébranse tamén moitas festas e aniversarios, co cal nestas condicións xa non ten sentido. Gardar distancias, non tocarse e intentar desinfectar todos os xogos, parques de bolas, tobogáns, etc non sería viable. E como di de novo Eva “os nenos son movidos e non van respectar todo isto, non lles podes dicir que estean quietos todo o rato e que non se xunten”, “veñen aquí para verse, estar xuntos e pasalo ben en grupo”, engade. Aínda con esta incerteza evidenciada dime que hai xente que a está chamando para saber se vai abrir e organizar os campamentos de verán.

“Se non hai normativa viable para que os nenos e nenas se relacionen entre si, non creo que abra”, así remata a miña conversa con Eva Fernández.

Escola infantil “Parruliños” de Monforte

Chamo tamén a Ana, responsable da Escola Infantil Parruliños de Monforte, para coñecer a súa opinión. Dime que está preocupada pola situación que segundo sabe, a escola podería volver abrir na fase 2, pero a día de hoxe non hai directrices, non sabe se poderá nin como.

“Non hai nin comunicación, nin directrices nin normativa, co cal creo que non abriremos”

No seu día recibiron notificación da Xunta de Galicia para pechar e entende que para abrir tamén debería recibir outra notificación, que a día de hoxe non ten. “Non hai nin comunicación, nin directrices nin normativa, co cal creo que non abriremos”, afirma.

Pregúntolle, que a falta de certeza e poñéndonos no momento actual, como ve a volta? A súa contestación é que “moi difícil” e incide en situacións como as que comentaba a miña anterior interlocutora. “Como poderemos coidar dos nenos sen contacto? Eles tócanse entre si e nós como coidadoras tamén temos que tocalos. E non imos estar todo o día con luvas e usando xeles hidroalcóholicos con eles…”. “Os nenos son nenos, como lle digo eu que non se toquen?”, engade.

“Os nenos son nenos, como lles digo eu que non se toquen?”

Falamos do tema económico e, claro, a repercusión xa podemos imaxinala, pero chámame a atención que non é precisamente isto o que máis lle preocupa a Ana. Confesa que si, que coa porta pechada perde cartos, pero tamén os perderá segundo en que condicións teña que abrir… Igual que non sería viable, no económico, abrir con moitas limitacións, tampouco sería “viable humanamente”, di Ana. “Xa me preocupa máis non poder coidar aos nenos sen arrimarme a eles, sen poder darlles agarimo cun abrazo, tocalos…”. Refírese claramente a que o contacto é básico na educación infantil e que usando máscaras non chegan os sorrisos e con luvas tampouco o agarimo a través do tacto… Como sentencia Ana, “a parte emocional, para min, quedaría perdida”, e “que non poda traballar como quero e como se merecen os nenos, preocúpame”.

“a parte emocional, para min, quedaría perdida”

Recoñece tamén que hai xente que a está chamando para preguntar, familias con problemas de conciliación que buscan solución para estes meses, pero nada claro lles pode transmitir. Como despedida, Ana confesa, “o 25 de maio non garantizo volver se non hai garantías sanitarias e educativas”.

[ Esta peza forma parte dun ‘Diario de corentena’  —agora Diario de desescalada— que se ha ir escribindo dende o Lugo Xornal, o Xornal da Mariña e o Xornal de Lemos ]

ÚLTIMAS

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...