InicioOpiniónDiario de desescalada: As máscaras son para o entroido

Diario de desescalada: As máscaras son para o entroido

As máscaras, ese complemento que de ser recomendable vai pasando a obrigatorio en gran parte da nosa interacción en sociedade...

Publicado o

- Advertisement -

Para empezar, e segundo o criterio do máximo entendido, a RAG -Real Academia da Língua-, en galego non é ‘mascarilla’ senón máscara.

Partindo desta oportuna corrección non deixa se ser, aínda para os galegofalantes, un concepto que relacionamos directamente co entroido, e empregalo agora no día a día das nosas vidas desconcerta un pouco, a verdade. De ser un aparello empregado como elemento de protección en certos traballos convértese agora nunha prenda máis, nun complemento indispensable.

Pasou de ser un elemento recomendable a obrigatorio en lugares pechados e sempre que non se poda garantir a distancia de seguridade entre persoas. Co cal, a máscara na cara nada máis saír da casa ou no bolso preparada para facer o seu servizo se a situación o require. E certo é que, aínda que no sur de Lugo non correu moito o virus, cada vez vese a máis xente con ela e cadaquén co seu modelo segundo nivel de medo ou nivel adquisitivo.

cadaquén co seu modelo segundo nivel de medo ou nivel adquisitivo

E non entremos xa no tema ‘colocación’, que aquí xa é para poñerlle humor, que falta fai tamén para sobrelevar a desescalada. Memes e caralladas varias circulan por internet e por whatsapp referíndose aos erros que cometen ao poñer as máscaras… E non pensedes que esaxeran, visto o visto reflicten bastante ben a realidade.

Máscaras Quiroga / Concello de Quiroga

Hai xente que emprega a máscara de complemento estético “antipapada”, xa me entendedes, do queixo para abaixo tapando papada. Cando advirtes a situación, “e que a baixei un momento que me estaba afogando con ela”… si, si, xa. E que me dicides dos que a levan tapando só a boca? Deixan o nariz fóra co cal é como se non a levasen. Seguro que vistes a coña que circula por aí na que se di que levala así é como se un home leva o calzón posto e co pene por fóra. E aquí tamén hai escusa cando evidencias o mal uso, “e que me escorrega para abaixo”… si, si, xa.

Hai xente que emprega a máscara de complemento estético “antipapada”, xa me entendedes, do queixo para abaixo tapando papada

Tamén é moi común atopar máscaras que non son da talla dun, esas que non se axustan á cara e van como soltas. Seguro que vistes algunha vez a un patrón -ao avó, por exemplo- con ese calzón branco clásico que de tanto usalo ten a goma frouxa e quédalle como un cueiro, abundante e como un globo que foi xa inchado moitas veces. Pois xa me entendedes. Unha solución doada, cruzar as gomas e listo. Despois tamén teño visto casos de xente que as leva de pulseira, colgadas do pulso, ou xente que as leva subidas, na fronte, estilo gafas de sol postas na cabeza como se fosen placas solares. Outro “FreeStyle” máis, a ver quen dá máis a nota.

Sei que resulta un novo costume incómodo, que as máscaras son para o entroido, que non estamos afeitos a elas e máis agora coa chegada do calor, pero cando toque poñelas intentemos facer o correcto, e sobretodo non as tiredes en calquera sitio. Sentidiño cívico e depositala no lixo, e senon outra alternativa, mercade ou elaborade desas que se poden lavar, máis ecolóxicas e aforrades cartos.

Podería alongarme no tema máscaras porque dá para moito pero remato cunha iniciativa que xa tardaba, empregar este complemento xa habitual nas nosas vidas como espazo publicitario. Acabo de enterarme que en Lugo van facer unhas os comerciantes nas que se poda ler “E para comer, Lugo”.

ÚLTIMAS

“O meu agasallo favorito foi unha máquina de coser”, Sonia Argiz, emprendedora

Sonia Argiz Río é unha galega afincada en Castelo, no Concello de Taboada, lugar...

Sober presenta o cartel e a programación da XLIV Feira do Viño e o Mes do Amandi

Este ano o convidado de honra é o Concello de Pereiro de Aguiar, nunha...

Katy Varela: “Tomé equivócase ao negarse a flexibilizar as modificacións da ordenanza de tráfico”

O equipo de goberno do concello de Monforte, no pleno desde luns pode definitivamente...

Recurso de reposición de Por Chantada á aprobación definitiva do proxecto de urbanización da rúa Rego

Con estes antecedentes, Por Chantada presenta un recurso potestativo de resposición que pon fin...