HomeOpiniónCousas xacobeas: a Fortaleza de Sárria

Cousas xacobeas: a Fortaleza de Sárria

O vello Condado Sarriense dos “Comes in Elarin” (Larín) ou “Comes in Sárria” que ocupaba as terras de entre os ríos Neira e Sárria recibiu novo pulo ao asentar na cabeceira da Veiga de Sárria a Vila Nova fundada por Afonso IX no remate do século XII. Parella coa consolidación do novo burgo foi a obra inicial da Fortaleza de Sárria, situada na beira do Camiño Xacobeo, e alzada coa finalidade principal de protexer os camiños que confluían na vila: O Camiño Francés, O Camiño de Lugo a Quiroga e o Camiño de Lemos a Mondoñedo.

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

A vila real da Vilanova de Sárria estaba gobernada por un concello de homes bos e tiña “voto en Cortes” e o Condado e a Fortaleza eran concedidos polo rei a “tenentes” mentres gozaban do favor real, o que daba lugar a mudanzas na titularidade de maneira que os señores da fortaleza sarriá podían señorear o Condado de Sárria, xunto con outras terras como Trastamara, Montenegro, a Limia ou Lemos, dependendo sempre de contar coa graza do príncipe, moi mudable por outra parte.

A tenza do Condado e das súa rendas, entre elas o dereito de castelaxe,  recaían moitas veces en membros da familia real, e mesmo se deron como pagamento de favores, tal foi o caso do bretón Bertrand Duguesclin, que sucedeu no título ao Conde Henrique de Trastamara, que lle arrebatara a coroa real ao seu irmán don Pedro.

Sarria / senditur.com

O labor de protección e seguridade nos camiños aparece reflectido nas cartas forais dadas por Afonso IX ás vilas novas por el creadas.

A Fortaleza de Sárria, alzada nas primeiras décadas do século XIII estivo en pé ata o ano 1860, cando a acción conxunta do Concello de Sárria, o propietario liberal, Manuel Pérez Batallón, e as familias podentes da vila, botaron por terra a edificación militar ao mercaren o seu soar e a pedra das murallas e cercas.

Na Revolta irmandiña xa fora derrubada polas hostes populares alzadas en armas, e pouco despois foi refeita gravando aos vasalos coa obriga de concorreren ás obras con materiais e traballo. Os Reis Católicos aportaron diñeiro da Santa Irmandade para novas obras e en 1610 houbo que refacer unha das torres de flanco.

A Fortaleza

A Fortaleza tiña unha Torre da Homenaxe, a Torre do Mercado e torres de flanco, e darredor había foxos e contrafoxos de boa profundidade. No interior había varias casas de habitación e os sotos estaban destinados a albergar a “cadea” onde penaban oCons condeados por delictos. Foi tamén lugar de residencia dos meiriños e correxedores, e era onde se xuntaba a Xustiza e Rexemento da vila.

Como cabeceira das Cinco Pobras, os vasalos de Adai, Triacastela, etc tiñan que concorrer a manter en bo estado a Fortaleza, se ben houbo varios pleitos para escapar desa obriga.

Torre de Sarria / arteynatura.com

Ademáis de ser bastión contra irados e malfeitores a Fortaleza tamén xogou un bo papel na acollida de peregrinos, e pasaxeiros destacados e mesmo, cando pola vila pasou Carlos I, camiño de Flandes, viuse a posibilidade de celebrar nela as Cortes que finalmente se reuniron na Coruña, diante da pouca capacidade de acollida de procuradores e séquito que a Pobra de Sárria presentaba.

A Fortaleza ocupaba perto dunha hectárea e estivo habitada ata o primeiro terzo do século XVIII.

Os Condes de Lemos tamén Condes de Sárria

A Pobra de Sárria, concedida aos Condes de Lemos no século XIV,  correu en materia de señorío camiño diferente ao da Fortaleza, e non foi ata o tempo dos Reis Católicos cando esta pasou a ser propia dos Condes de Lemos, que reuniron o título de Condes de Sárria ao título familar. Carlos I , estando en Barcelona, concedeulle ao primoxénito dos Condes de Lemos o título de Marqués de Sárria, esmorecendo así a antiga denominación de “Condes de Sárria” que se mantivera por máis de 400 anos.

Finalmente a Fortaleza acabou pertencendo aos Duques de Alba, e en 1860 foi derrubada, mantendo un dos compradores, Manuel Pérez Batallón, a Torre que como soberbo miradoiro se alza dentro da Horta da Casa de Cima de Vila ou Casa de Batallón. Para moitos a Torre da Fortaleza é un dos sinais máis repretativos do noso pasado.

ÚLTIMAS

Preséntaselle aos concellos o proxecto Turembalses para potenciar o turismo de encoros

“Turembalses dotará ao turismo rural do noso territorio dun elemento de diversificación e atractivo,...

Tres novos vehículos para dar servizo ás zonas rurais da Pobra do Brollón

Os novos vehículos son dúas pick up e un todocamiño que están xa a...

Proxéctase a mellora urxente do Estado Municipal da Ribela

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse co alcalde de Sarria,...

Case 600 persoas na II Festa Interxeracional do Concello de Chantada

Na primeira edición participaron unhas 350 persoas e este ano case se duplica a...