HomeOpiniónRapazas e rapaces, o noso vento non é noso I: Roubáronnos o...

Rapazas e rapaces, o noso vento non é noso I: Roubáronnos o vento desde Elsinor a Esmelle

A continuada aldraxe que padece a nosa Terra precisa dunha resposta cívica organizada e así o acreditamos desde a plataforma Interior Galego Vivo (IGV), aberta á participación de persoas e colectivos coa única finalidade de dignificar o interior galego e construír futuro.

Publicado o

POR
Antom Fente Parada
- Advertisement -

“A nosa Terra non é nosa, rapaces”. Tan sintética canto profunda era esta estampa de Castelao, onde retrataba o drama da emigración e do espolio da Galiza no seu tempo. Moitos anos máis tarde, no extinto xornal Galicia hoxe, Xosé Manuel Beiras Torrado escribía un artigo intitulado “Nen sequer o vento é noso” e defendía a vixencia da estampa do rianxeiro «só que graficamente transmutada pola traumática metamorfose social que extermina aos retratados nela: xa cáseque non hai labregos no agro nen picariños nas aldeas, mais o protagonista simbolizado daquela polo home do machado é este povo, e ise, malia que maltreito, aínda alenta e loita e brada que a nosa Terra non é nosa.»

No Incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca o mindoniense Álvaro Cunqueiro retoma a maxistral traxedia de Shakespeare. Nunha altura da obra o coro di «Non hai no mundo lugar máis venteado que Elsinor» e, certamente, a nosa é unha Terra rica, mais empobrecida e atravesada polo drama migratorio e a perda de servizos e, se non lle pomos remedio, de futuro para o interior galego. Retomo o texto de Beiras:

En Elsinor-Galiza, neste país hamletián onde os haxa, no lugar máis venteado da fisterra europea, todo estivo sempre aberto ao mar e ao vento tamén. Este pobo sempre coidou que o mar e o vento eran libres. Até que viñeron forasteiros e pecháronnolos. Non nos pechamos nós ao mar e ao vento. Viñeron outros de fóra, chegaron de Terra Ancha e inda mesmo de máis lonxe, e non satisfeitos con nos desposuíren da xente, o gado, os ríos e o xardín, pecháronnos tamén as portas de acceso ao mar e ao vento que coidabamos seren bens libres ao noso dispor. Até o mar e o vento fóronnos vedados e espoliados.

A literatura como arma cargada de futuro para entendermos o crecente acaparamento de terras que padece o interior galego ou, para que darlle máis voltas, o espolio neocolonial. As nosa comarca –escríbolles desde a Terra de Asma– tamén ten escritores coevos que narran o drama e a urxencia de organizarnos e tecer alternativas. Colle a palabra o coro narrativo do romance Evanxeos apócrifos de Rafa Lobelle, onde Esmelle é o símbolo dun rural comesto polo inverno:

O esquecemento xa comezou a traballar, a xogar as súas cartas, vexan senón como o inverno sepulta nun silencio branco todas estas aldeas ata o punto de que ás veces, mesmo parece que poden chegar a desaparecer completamente baixo a neve para sempre, sen deixar nin o máis mínimo rastro. Tampouco pasaría nada, quizais incluso ninguén se decatase do acontecido, ninguén advertiría o asasinato de algo que xa está morto.

(…) Isto acabouse, non hai máis, pois entón non nos resistamos nun combate estéril que non nos vai levar a nada. Abandonemos nós este mundo antes de perecer con el. Por ese é o único fado que lle agarda a todo isto. Morrer. Ficar para sempre no sitio. Quedar enterrado para nunca volver entre as neves do próximo inverno.

Esa resignación, propia de boa parte das maltreitas sociedades civís do interior galego, esa apatía, é o contrario do que nos pide a cantautora SesOpoñerse á extinción. A continuada aldraxe que padece a nosa Terra precisa dunha resposta cívica organizada e así o acreditamos desde a plataforma Interior Galego Vivo (IGV), aberta á participación de persoas e colectivos coa única finalidade de dignificar o interior galego e construír futuro para nós e as vindeiras xeracións. Depende de nós sentar os alicerces dunha nova primavera.

ÚLTIMAS

700.000€ para reforzar a calidade da subministración eléctrica na comarca de Sarria

Estas melloras beneficiarán aos veciños dos concellos do Incio, Láncara, Paradela, O Páramo, Sarria...

As obras na rúa Cardenal de Monforte e como afectan ao comercio

O Grupo Municipal do PP de Monforte asegura ante as obras na rúa Cardenal...

Polamiúda organiza este 22 de marzo en Chantada a palestra “Padroado de Protección á Muller. Control e represión institucional (1941-1985)”

O padroado de Protección á Muller foi una institución creada no franquismo e pechada...

Opinión: O perdón

Existe en toda alma unha sensación de chamada, un sentimento profundo de anhelo, que...