HomeOpiniónAsí viviamos hai un ano a pandemia: Aprendemos a contar (contos)

Así viviamos hai un ano a pandemia: Aprendemos a contar (contos)

«Levo 44 días sen conducir, 49 sen quedar cunha amiga e 62 sen ver o mar. Pero hai outras contas e outros contos que se botan mellor durante estas semanas, por aquilo de que hai máis tempo a escoitar... "Vente, que che hei de contar uns contos", díxome estoutro día a máis vella da casa».

Publicado o

POR
Silvia López
- Advertisement -

Diario de Corentena do 23 de abril do 2020:

A unha amiga á que teño moitas ganas de abrazar cadroulle esvarar polos últimos meses de universidade durante este confinamento. Iso significa, case sempre, enfrontarse ao Traballo de Fin de Grao. Mete medo, si. O dela aborda cuestións tan interesantes como a literatura de tradición oral en Galicia e a súa introdución nas aulas de Educación Infantil. Cando nos habemos xuntar ela e eu para contar uns contos?

Xa levamos corenta días de corentena. Soa moi redondo e moi fatigante. Enchémonos de contar os días que pasamos sen saír da casa; contamos cantos quedan ata o vencemento do estado de alarma, aínda que souberamos que non era o definitivo; contamos o tempo que pasou dende a última vez que fixemos determinada cousa ou que fomos a tal sitio. Eu, por exemplo, sumo 44 días sen conducir, 49 sen quedar con esta amiga da que vos falo e 62 sen ver o mar.

Pero hai outras contas e outros contos que se botan mellor durante estas semanas. O mundo parou e deixounos máis tempo a escoitar…Vente, que che hei de contar uns contos“, díxome estoutro día a máis vella da casa: Á miña nena Carmiña / heille de mudar o nome; / cando chamo por Carmiña, / Carmiña non me responde. “Espera, a ver se me acordo doutro. Como era? Xa sei, xa sei. Ai, Maruxiña, / por dios, dáme un bico / tanto che quero / que xa non mo explico”. E a cousa seguía:

— Vaite de aí,

ou é que toleas? 

 Eu non me vou 

sen que hoxe mo deas.

— Vaite de aí, 

xa podes marchar;

na vida do mundo

non te hei de bicar.

A cantiga remataba fiada nunha risa, igual que a historia relatada uns días antes sobre as festas do San Vitorio de Baralla ou aqueloutra dun fotógrafo que vivía en Lugo e mandaba cartas á casa. A duns irmáns que marcharan á Arxentina era algo máis triste, pero tamén houbo ocasión de lembrala. E aquela dos dous veciños que foran mozos, ou tamén esa que…  Por aquí xa perdemos a conta dos contos.

ÚLTIMAS

Comeza unha nova tempada do Programa Integrado de Emprego de Chantada

O Programa Integrado de Emprego do Concello de Chantada (PIE) inicia a súa actividade...

A Pobra do Brollón celebra o Día da Biblioteca con actividades o 23 e 24 de outubro

Andrea Nunes Brións, nada en 1984 en Marín, é activista, escritora e profesora de...

“Perdida no labirinto” de Violeta Bernardo amplía o proxecto de Soterradas en Tor

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, acompañado da xerente da Rede Museística...

Quiroga celebra este 25 de outubro o QuiMedo con 8 casas do terror

A cita do terror pechou o prazo de inscricións unha vez se acadaron os 1.200...