HomeOpiniónAsí viviamos hai un ano a pandemia: Aprendemos a contar (contos)

Así viviamos hai un ano a pandemia: Aprendemos a contar (contos)

«Levo 44 días sen conducir, 49 sen quedar cunha amiga e 62 sen ver o mar. Pero hai outras contas e outros contos que se botan mellor durante estas semanas, por aquilo de que hai máis tempo a escoitar... "Vente, que che hei de contar uns contos", díxome estoutro día a máis vella da casa».

Publicado o

POR
Silvia López
- Advertisement -

Diario de Corentena do 23 de abril do 2020:

A unha amiga á que teño moitas ganas de abrazar cadroulle esvarar polos últimos meses de universidade durante este confinamento. Iso significa, case sempre, enfrontarse ao Traballo de Fin de Grao. Mete medo, si. O dela aborda cuestións tan interesantes como a literatura de tradición oral en Galicia e a súa introdución nas aulas de Educación Infantil. Cando nos habemos xuntar ela e eu para contar uns contos?

Xa levamos corenta días de corentena. Soa moi redondo e moi fatigante. Enchémonos de contar os días que pasamos sen saír da casa; contamos cantos quedan ata o vencemento do estado de alarma, aínda que souberamos que non era o definitivo; contamos o tempo que pasou dende a última vez que fixemos determinada cousa ou que fomos a tal sitio. Eu, por exemplo, sumo 44 días sen conducir, 49 sen quedar con esta amiga da que vos falo e 62 sen ver o mar.

Pero hai outras contas e outros contos que se botan mellor durante estas semanas. O mundo parou e deixounos máis tempo a escoitar…Vente, que che hei de contar uns contos“, díxome estoutro día a máis vella da casa: Á miña nena Carmiña / heille de mudar o nome; / cando chamo por Carmiña, / Carmiña non me responde. “Espera, a ver se me acordo doutro. Como era? Xa sei, xa sei. Ai, Maruxiña, / por dios, dáme un bico / tanto che quero / que xa non mo explico”. E a cousa seguía:

— Vaite de aí,

ou é que toleas? 

 Eu non me vou 

sen que hoxe mo deas.

— Vaite de aí, 

xa podes marchar;

na vida do mundo

non te hei de bicar.

A cantiga remataba fiada nunha risa, igual que a historia relatada uns días antes sobre as festas do San Vitorio de Baralla ou aqueloutra dun fotógrafo que vivía en Lugo e mandaba cartas á casa. A duns irmáns que marcharan á Arxentina era algo máis triste, pero tamén houbo ocasión de lembrala. E aquela dos dous veciños que foran mozos, ou tamén esa que…  Por aquí xa perdemos a conta dos contos.

ÚLTIMAS

OPINIÓN: Adeus ao Anchoas. Ou de como a legalidade se impuxo á nostalxia da memoria colectiva

Hai poucos días acudín a un convite no Pazo de Tor, organizado polos responsables...

En marcha os Trens Turísticos da Ribeira Sacra que funcionarán ata outubro

Renfe retomou este sábado as viaxes máis singulares por Galicia cos Trens Turísticos Xunto...

O luns, 8 de xuño, ábrese o prazo de matrícula para os Campamentos Deportivos de Verán en Monforte

O concello de Monforte publicou esta semana as listas de persoas admitidas nas actividades...

O BNG solicita revisar a autorización de Patrimonio para a nova ponte do Cabe

Segundo explicou o deputado do BNG, Iago Suárez Fernández, o proxecto previsto suporía unha...