HomeOpiniónRapazas e rapaces, o noso vento non é noso IV: Termos voz...

Rapazas e rapaces, o noso vento non é noso IV: Termos voz de noso

Mentres o interior galego é vítima dun crecente acaparamento de terras e sofre unha ordenación do territorio que favorece o espolio. As principais empresas pagan os impostos (poucos) en Madrid. Aquí non queda nada, nen o vento.

Publicado o

POR
Antom Fente Parada
- Advertisement -

O estado das estradas no rural na comarca de Chantada é calamitoso, tanto as da Deputación canto as de titularidade municipal. É a propria viciñanza quen ten que sinalizar fochancas perigosas para a seguranza vial. Non hai moito tempo a Xunta gastaba milleiros de euros nunha campaña publicitaria intitulada Volve ao rural. O rural é unha sorte de topos ou tópico recorrente no relato dos grandes partidos, mais a práctica diverxe e non existen apenas compensacións para as poboacións que manteñen o territorio (por canto tempo?).  

Xa no XVIII brumario Karl Marx advertía que a historia se repite, e, se non se opón ao espolio un bloco histórico alternativo, condenaranos e deixará eivada a nosa Terra e o futuro: espolio eólico, turismo predador sen racionalizar, abandono dos pequenos e medianos produtores, mingua de servizos públicos… É o momento de organizármonos.

Mentres o interior galego é vítima dun crecente acaparamento de terras e sofre unha ordenación do territorio que favorece o espolio. As principais empresas pagan os impostos (poucos) en Madrid. Aquí non queda nada, nen o vento. Madrid recebe os impostos e o resto do territorio é o coto de caza, La España vaciada que denuncia Teruel Existe. Hoxe Madrid é a única comunidade autónoma sen parques eólicos e, conforme os dados do último informe (2016) da Asociación de Empresas de Enerxías Renovábeis (APPA), dos 33.167 MW de potencia renovábel instalada no Estado apenas 165 MW se localizaban na Comunidade de Madrid, menos dun 0,50%. Semella que algúns teñen claro que onde se come non se caga.

Termos voz de noso

O andazo actual é, portanto, aínda máis espoliador e letal. O Sindicato Labrego Galego impulsa asembleas informativas nas terras de Camba sobre o parque eólico do Maxal, que afectará a Antas, Taboada e Rodeiro. Este último concello verase afectado por outro parque e Chantada leva anos sendo atravesada por novas liñas de alta tensión sen nengunha compesación e, proximamente, chegaranos outra procedente do Picato.

Iso si, cando Por Chantada levou ao pleno unha moción para estabelecermos unha taxa municipal nas instalacións de transporte e enerxía, Manuel Varela, novamente, dixo que non. Era 2017 nun momento onde o servizo da débeda era descomunal e as inversións reais ridículas. Os pasivos financeiros foron 950.576,85 €, mentres que dos 477.896,73 € orzamentados para inversións boa parte non se executou e ficou como remanente (un clásico da súa xestión menos nos anos eleitorais). Fechábase o círculo destinando o remanente (RTGX) en 2018 para o pago de débeda novamente. Logo veu o Catastrazo, que supuxo elevar a recadación anual en máis de 600.000€, e as eléctricas seguen a día de hoxe sen pagar. Rapaces, os nosos concellos non son nosos!

Comezabamos este artigo apelando á sabedoría popular que tan finamente recollía, con lirismo e humorismo, a pluma de Castelao. Rematemos tamén con esa mesma sabedoría popular que na nosa zona sempre tivo claro a lei do funil das elites, que deixa o ancho para uns poucos e o estreito para a maioría.  Precisamos dunha ordenación do territorio e de políticas que eviten que o interior galego se converta nun deserto perde e pardo, ou sexa, un territorio despoboado ao servizo do capital-risco unha vez exterminados os untermenschen indíxenas. Para iso só hai un camiño: termos voz de noso.

(Esta peza é a continuidade e última entrega de Rapazas e rapaces, o noso vento non é noso I: Roubáronnos o vento desde Elsinor a Esmelle, Rapazas e rapaces, o noso vento non é noso II: A farsa (1995-2007) e de Rapazas e rapaces, o noso vento non é noso III: A traxedia (2008-2023).

ÚLTIMAS

“Eu sempre teño a porta aberta”, Javier Monterde, avogado na Pobra do Brollón

Javier Monterde Piguillen naceu en Barcelona, no barrio da Sagrada Familia, e o seu...

Unha consultora especializada redactará as bases para a renovación do contrato da auga en Monforte

A Xunta de Goberno Local de Monforte deu luz verde á contratación dos traballos...

“Stop agresións”, o 5 de febreiro ás 12:00 concentración do Hospital de Monforte

Segundo o sindicato, a Dirección do Hospital Comarcal de Monforte ten que tomar as...

Entrega de premios do certame de Poesía Infantil Nadal 2025 en Monforte

Este concurso, convocado pola Biblioteca Pública Municipal en colaboración coa Biblioteca Nodal de Lugo,...